David Castro: "O Pontevedra ten equipo máis que de sobra para estar tranquilo"

O cuntiense visita o domingo Pasarón cun Racing de Ferrol aspirante ao ascenso, pero que chega en mala dinámica tras cinco encontros sen gañar
David Castro xogador do Racing de Ferrol. DP
photo_camera David Castro xogador do Racing de Ferrol. DP

Marchou no verán de 2019 cara Valencia movido por unha oferta importante para el e para o club. Agora, tres anos despois, David Castro (Cuntis, 1995) regresa por primeira vez a Pasarón como xogador do Pontevedra para medirse ao equipo que sempre foi referencia para el. Chega asentado nun Racing de Ferrol con obxectivos ambiciosos pero en mala dinámica.

Que tal anda por Ferrol?
Pois moi ben, estou contento a verdade. Botei un ano en Valencia e outro en Soria. E deuse a oportunidade de volver á casa cun proxecto moi bo. Eu son moi galego e como en Galicia... un síntese na casa. É certo que non estou en Pontevedra, pero si que estou moi cómodo cos compañeiros, co club, coa afección...

E iso reflíctese no bo momento persoal que está a pasar.
A ver, é o que digo sempre: os momentos individuais van paralelos ao colectivo. Obviamente as sensacións individuais non son as mesmas que hai mes e medio, cando estabamos nunha dinámica moi positiva. Pero si que estou moi contento a nivel individual pola confianza que depositou o club en min e o míster. Cada semana é un mundo e intento facelo sempre o mellor que podo polo ben do equipo.

Obviamente a dinámica non é a mesma que hai un mes e medio. Xusto coincidiu ese cambio coas lesións dos dous laterais á vez (Ferrone e Pumar). É casualidade?
Eu non penso que se poida achacar simplemente ás baixas. A noso plantel é moi amplo, coas posicións dobradas e xogadores polivalentes. Obviamente perder a dous xogadores que viñan xogando sempre pode afectar. Pero creo que nos últimos partidos están sendo cousas de detalles. Por exemplo, estamos encaixando nas primeiras partes. Antes chegábannos máis ou menos o mesmo e non marcaban. E agora si. E nesta categoría, unha vez que un equipo se pon por diante é máis complicado. E nós tampouco estamos tendo ese acerto de cara a portería contraria.

É que dame a sensación de que o Racing obviamente concedía, pero era moi difícil marcarlle. E coa efectividad que tiñan arriba, ían sacando os partidos. E quizais agora mesmo están a conceder un chisquiño máis e só por iso xa lles custa máis.
Si, estou contigo. Penso que estamos concedendo só un pouquiño máis, aínda que non estamos sendo dominados. Pero estamos menos contundentes nas áreas. Antes eramos moi eficaces nas dúas e agora iso é o que nos está a penalizar algo máis.

E que ten o Racing de Ferrol para ter medrado tanto nos derradeiros anos? Porque ten pinta de ser un club que pretende subir á Segunda sen présa pero sen pausa.
Eu desde dentro percibo que é un proxecto sólido, de non volverse tolo. Fanse as cousas con calma pero sen pausa. Estase a facer un moi bo traballo a nivel de confección de plantel, cunha boa mestura de xente da casa, de bos xogadores galegos, de xente xove con talento de fóra... Creo que ese é o segredo.

Pode ser que lles xogue a favor o feito de non ter unha esixencia social tan grande por subir como si teñen outros equipos de aí arriba como o Deportivo ou o Córdoba?
Nós temos a nosa propia esixencia: queremos dar o máximo e estar canto máis arriba, mellor. Si que é certo que nesta categoría hai moitos que parten co obxectivo de facer playoff de ascenso e subir. Se tes a pensar en nomes tranquilamente che salen dez que falan claramente diso. É unha categoría moi complicada por iso, pero nós temos a nosa esixencia e a da nosa xente. Ademais penso que a raíz do ano pasado xa non vamos de tapados para nada. Fixemos unha campaña moi boa, que ao mellor había moita xente que non contaba con iso. E este ano xa non imos de tapados.


Chegan a Pasarón, un partido que é un clásico da vella Segunda B. Pero entendo que todavía é un encontro máis especial para vostede.
Xa os partidos entre equipos galegos son especiais... para canto máis este para min. Eu estiven no Pontevedra en xuvenís. Despois o Pontevedra deume a oportunidade de xogar na Segunda B aí, no club que teño preto da casa e ao que seguín toda a vida. Pasei dous anos moi bos. O club, o vestiario e a afección fixéronme ter dous anos moi bos. Obviamente, o domingo a miña familia estará aí e por todo iso vai ser, sen dúbida, un partido moi especial.


Precisamente antes de iniciar o seu terceiro ano marchou. Non sei se aquela marcha foi agridoce por saber que deixaba un sitio no que era feliz para aproveitar unha oportunidade irrepetible.
Eu penso que o día que marchei se notaba perfectamente iso. A sensación era que estaba nun sitio no que me atopaba moi cómodo e moi contento. Realmente estaba incrible e doume moitísima pena. Pero claro, cando chega a chamada dun equipo que estaba na Champions e che ofrece ir a unha das mellores canteiras de España a aprender... Era unha boa oferta para min e para o club. E hai que collela como unha oportunidade profesional e personal. Porque ademais aprendín unha barbaridade en Valencia, tanto a nivel profesional como persoal. Era a primeira vez que saía realmente da casa. E atopei uns niveis de instalacións e de corpo técnico que eran espectaculares. Pero claro que foi difícil marchar dun sitio no que estaba cómodo. Iso sempre doe.


Polo que me di, só se pode pensar que a experiencia en Valencia só puido ser positiva.
Si, si. A miña etapa en Valencia cambioume. A xente preocupábase de que fixeras as cousas e de que souberas por qué o facías. Falábante do que era mellor para o teu corpo. Preocupábanse por ti... Realmente o que pensaba cando estaba aí era: ‘que pena non ter podido chegar aquí catro ou cinco anos antes’. Porque aprendes unha barbaridade.


E quedou algunha espiña da etapa de Valencia? Porque chegou xa sen ser sub-23 e con poucas opcións de debutar co primeiro equipo.
A espiña é o que acabo de comentar: ir con 23 para 24 anos. Porque sabes que é moito máis complicado debutar arriba. Subín varias veces a adestrar co primeiro equipo e nas primeiras vas moito máis tensionado porque dis: ‘isto que é?’. Dous anos antes estaba en Terceira División pelexando por non descender. E de repente veste adestrando con internacionais. Choca. Pero sobre todo é iso: ter esa oportunidade algo máis novo para que che poida enriquecer máis e ter máis opcións de subir.


E permitiulle poder xogar con futbolistas que mesmo agora están a disputar a Copa do Mundo.
É curioso porque realmente cando estás aí e marchas non pensas que en cousa de tres anos compañeiros teus como Guillamón o Yunus Musah van ser seleccionados con España e Estados Unidos para xogar unha Copa do Mundo. O feito de que Guillamón estea aí xa fala por sí mesmo. Ten unhas cualidades técnicas sobresalientes.


De todos os xeitos, o feito de estar no Valencia xa lle fixo ter o obxectivo de pisar fútbol profesional, non si?
Sen dúbida. Ese era o obxectivo e sígueo sendo. Ao final estar nun sitio como Valencia é certo que che abre moitas portas. Todos teñen máis presente o que se fai neses sitios. Ademais a propia Academia do Valencia fai unha captación e unha vez pasas por aí, suponse que hai unha aprendizaxe. Así que claro que se abren portas, si.


E agora, definitivamente, xa apunta cara ese futuro como central unicamente. Confírmase a sensación de que ía acabar nese posto, porque en Pontevedra mesturábao co lateral esquerdo.
Si, de feito a verdade é que cando tiña 20 anos os compañeiros e algún adestrador dicíame: ‘vas acabar xogando de central’. E eu ría, porque un ano e medio antes era extremo. Sen embargo, ao final, vai pasando o tempo e é así. En Pontevedra xogaba nas dúas posicións variando bastante, pero en Valencia xa me firmaron como central. E partires de aí, xa só xogo ocasionalmente de lateral. Así que eu xa me considero máis central que lateral aínda que poida xogar tamén nesa posición. É certo que ao principio collino cun pouco de respecto porque canto máis atrás e máis centrado, máis responsabilidade. Os erros nótanse máis. Pero agora mesmo estou moi cómodo e é unha posición que me encanta.


Regresando ao partido... como ve ao Pontevedra deste ano?
Vinlle varios partidos e sigo mantendo contacto con Álex González e Churre. Vexoo moi bo equipo. Pero estalle pasando un pouco o que a nós agora: a contundencia nas áreas marca moito os resultados. Ao principio víalle algún partido e dicía: ‘ostras, é que incluso dominan’. Está a ser cousa de detalles, pero vexoo un equipo moi competitivo. Só hai que ver o que están a facer na casa, porque é un dos poucos equipos de España que non perde. Ademais lograron a primeira vitoria xa fóra. Eu penso que cando atopen a súa dinámica positiva teñen equipo máis que de sobra para estar tranquilos. Pero claro, é que esta categoría é moi complicada.


Por Pasarón lle ía a preguntar. Vostede mellor que ninguén sabe que se o equipo cre e a xente está metida é un campo complicado.
E tanto. Cando estaba aí, eu era o que sentía. Notabas que si o partido estaba un pouco aberto nos derradeiros minutos, ías apretar e ao rival se lle ía facer o partido moi costa arriba. É un campo moi difícil e a xente apreta, sobre todo cando a cousa pode caer de calqueira lado. Só con dúas ocasións xa se ven arriba e iso faino moi complicado.


Para rematar, por moito que agora mesmo estea ao 100% enfocado no Racing de Ferrol, entendo que marchando como marchou de Pontevedra, nunca deixou pechada a porta a regresar.
Obviamente agora mesmo estou centrado no proxecto do Racing, que é moi sólido e bo. O meu obxectivo é chegar ao fútbol profesional. Pero claro que marchei de Pontevedra sendo un afeccionado máis. Sigoo desde aquela, vexo os resultados, vexo os partidos cando podo... Nunca pecharei a porta a poder volver. Despois sempre poden pasar mil cousas porque isto é fútbol. Pero é un sitio no que estiven moi cómodo e ao que nunca lle pecharía as portas.

Comentarios