Denuncian o director técnico de tríatlon do CGTD por insultos

A Federación abriu unha investigación a Carlos David Prieto por un presunto caso de improperios contra unha triatleta becada no centro, producido durante o mes de febreiro

Unha proba de tríatlon celebrada no CGTD. ARQUIVO
photo_camera Unha proba de tríatlon celebrada no CGTD. ARQUIVO

O director técnico da área de tríatlon do Centro Galego de Tecnificación, Carlos David Prieto, foi denunciado diante da Federación Galega por un presunto caso de atentado contra a integridade moral por un episodio de insultos contra unha triatleta do centro. O organismo abriu unha investigación para esclarecer os feitos, producidos durante o pasado mes de febreiro.

Segundo a denuncia, Prieto tería empregado improperios e outras palabras despectivas, cun ton elevado de voz. Os feitos producíronse en ausencia da propia deportista e ante os demais triatletas que forman parte do grupo de becados do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Despois de recibir a denuncia, o organismo federativo abriu o correspondente expediente e puxo en práctica os protocolos de prevención e tratamento dos delictos contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo.

O organismo recavou as declaracións dos implicados e das testemuñas. Fontes da Federación Galega consultadas por Diario de Pontevedra aclararon que non está determinada aínda a data de resolución do expediente.

O director técnico do CGTD e da Federación atópase fóra de Pontevedra desde a semana pasada. Aínda que tal extremo non foi confirmado polo órgano rector do tríatlon autonómico como medida cautelar para a protección da vítima, o protocolo establece que o denunciado e a parte denunciante deben permanecer sen contacto durante a investigación.

Silencio. Diario de Pontevedra púxose en contacto coa deportista, que preferiu non realizar declaracións sobre os feitos dos que foi vítima e limitouse a afirmar que "solo espero que se tomen medidas". A triatleta atópase concentrada nos seus adestramentos e na competición. Por causa diso e polo feito de que non se produciu aínda unha resolución, non quixo profundizar no suceso.

Diario de Pontevedra tamén se dirixiu a Carlos David Prieto. O técnico declinou dar a súa versión ou opinión sobre o sucedido e resolveu de forma lacónica: "Dictaminarán y luego yo procederé", explicou vía Whatsapp.

Desde a suspensión ata o despedimento
O protocolo da Fegatri para a prevención e o tratamento dos delictos contra a liberade sexual e a integridade moral no traballo prevé diferentes sancións no caso de que se certifique a existencia de responsabilidade por parte dun denunciado.

Se as pescudas realizadas verifican os feitos relatados e perciben gravidade nos mesmos, a Federación está habilitada para aplicar sancións que como a perda temporal ou definitiva da categoría profesional, pasando pola suspensión de emprego e soldo desde once días ata dous meses, a inhabilitación durante dous anos ou definitiva para pasar a outra categoría, ou, nun extremo caso, o despedimento.

Dentro dos protocolos, a Federación prevé actuar con "dilixencia e celeridade" á hora de resolver o proceso.

Comentarios