Deportes renovará o céspede artificial dun dos campos do complexo Manolo Barreiro

Tino Fernández levará á xunta de goberno o expediente de contratación do proxecto, que inclúe a mellora da drenaxe e do sistema de rego do terreo
O campo que será renovado no complexo Manolo Barreiro. DP
photo_camera O campo que será renovado no complexo Manolo Barreiro. DP

A Concellería de Deportes de Pontevedra destinará unha achega económica de 366.030,81 euros á renovación do céspede artificial do campo de fútbol 11 número 2 do Complexo Municipal Manolo Barreiro, situado tras o Pavillón Multiúsos da Xunqueira.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, levará este luns a xunta de goberno para a súa aprobación o expediente de contratación deste proxecto, que contempla a instalación de novo céspede e a dotación de novo equipamento deportivo.

Segundo explica o edil socialista, "esta importante actuación tamén incluirá a mellora da drenaxe do campo de fútbol e do seu sistema de rego, así como a instalación de luminarias led".

"Trátase dun terreo de xogo sometido a un uso intensivo durante os últimos anos, sendo empregado para competicións e adestramentos de equipos de diferentes categorías de clubs como o Pontevedra, o Salgueiriños, A Seca, Portero 2000 ou Xuvenil de Lérez, polo que o céspede se atopa nestes momentos algo deteriorado e cómpre renovalo. Máis da metade do investimento será para a adquisición e instalación do novo céspede artificial", subliña Tino Fernández.

O tenente de alcalde lembra que o complexo situado na Xunqueira, composto por dous campos de fútbol 11 e outros dous de fútbol 8, "foi recentemente bautizado co nome de Manolo Barreiro, ao que a situación sanitaria impediu organizar o acto de homenaxe que se lle preparara dende a Concellería de Deportes e que agardamos poder celebrar en 2021.

Comentarios