Un derbi como os de antes, pero mellor

A comarca do Umia recuperou o gran ambiente de fútbol cun enfrontamento entre Cuntis e Moraña na elite da Primeira Autonómica
Iván Castro, do Cuntis, perseguido por David Dios, do Moraña. RAFA FARIÑA
photo_camera Iván Castro, do Cuntis, perseguido por David Dios, do Moraña. RAFA FARIÑA

Despois de que a pandemia paralizase totalmente o fútbol, regresar á competición é un goce maior. E se xogar no día a día xa se saborea como nunca, vivir un derbi é achegarse ao cumio da felicidade como deportista. Un derbi como os de antes, pero mellor, foi o que se xogou a pasada fin de semana en A Ran. O campo cuntiense acolleu o duelo de maior rivalidade da comarca –Caldas aparte–, pero co condicionante deportivo de que ambos conxuntos se xogaban o liderado do Grupo 5B de Primeira Autonómica, algo nunca visto na historia de este partido de rivalidade.

"Este ano a liga é moi local e pódese dicir que case todas as semanas hai derbis. Pero está claro que este, por proximidade e afluencia, este é diferente", apunta Iván Castro, capitán do Atlético Cuntis con máis dunha ducia de tempadas no club. "É unha semana que se vive distinta. Eu xoguei no Cuntis e hai rivalidade sana, pique do bo entre nós. Todos queremos gañar e a xente da vila pregúntache polo partido durante a semana", comenta Salva Cascallar, capitán do Moraña.

Finalmente, máis aló do empate, A Ran acolleu unha asistencia que "triplicou" a habitual. "Foi un aliciente grande", recoñece Castro. A comarca volve respirar fútbol.

Atención a... Un bo resultado para os dous
Atlético Cuntis e Moraña accedían ao encontro coa posibilidade de quedarse coa primeira praza no caso de gañar. Sen embargo, igualaron (1-1) e esas táboas aproveitounas o Dena para colocarse líder.

"O empate non é malo para nós", recoñece Cascallar. E é que o Moraña segue así moi pegado aos dous primeiros, que deberán enfrontarse entre eles na derradeira xornada. Mentres, no Cuntis tamén dan por útil o resultado do derbi. "A nosa intención é salvarnos e por iso miramos ao quinto. Se logo a competición nos permite pelexar por algo máis, será un premio", apunta o seu capitán.

Comentarios