O derbi envelleceu moi mal nesta tempada

O Pontevedra visita ao Deportivo nun partido no que ámbolos dous equipos se viron desprazados da loita polo liderado para a que parecían destinados á pelexa por eludir a sétima praza do grupo 1-A
Damià Sabater disputa o balón con Jorge Fernández durante o adestramento de este sábado en Xeve. RAFA FARIÑA
photo_camera Damià Sabater disputa o balón con Jorge Fernández durante o adestramento de este sábado en Xeve. RAFA FARIÑA

Hai catro meses, cando principiou todo, había un día marcado no calendario, o 7 de marzo. Ese día xogarían o Deportivo e o Pontevedra na antepenútima xornada da primeira fase. Partido definitivo para elixir campión, vaticinaban os das Quinielas: os camiños da Segunda B son inescrutables.

O tráiler da película era máis optimista que o desenvolvemento. Así chegou o 7 de marzo e o que ía ser unha acción festiva traduciuse nun escuro drama de Lars Von Trier. Máis drama no Norte ca no Sur, di Luisito, que sabe que o Deportivo é "o único equipo dos 102 da Segunda B que tiña presión, non só por estar na Pro, senón por ascender a Segunda División".

O duelo entre os dous favoritos ao ascenso do grupo quedou nunha loita por eludir a sétima posición. Con 20 puntos os coruñeses e 18 os granates, pelexan por queimar as súas naves e manter vivos os seus  obxectivos. As súas traxectorias trazan liñas paralelas. A principios de decembro xogaron en Pasarón cando ocupaban o primeiro e o segundo lugar da táboa. Uns exhibían problemas defensivos daquela e os outros ofensivos, pero encabezaban a clasificación.

Desde aquel momento comezou a costa abaixo. Os dous caeron na seguinte cita por primeira vez na campaña. Os dous entraron nun bache desde entón e os dous se viron expostos a un troco de adestrador na procura de solucións que o Pontevedra pareceu atopar cunha mellora clara de sensacións con respecto ao comezo de 2021. O Deportivo, non tanto, ata agora. As dúas escadras racharon a súa xeira de enfrontamentos sen vencer hai dúas xornadas.

Todo o mundo pensaba, e eu o primeiro, que os equipos fortes eran o Deportivo, o Racing e o Pontevedra

O Pontevedra parecía crecer despois de facerlle unha ducia de ocasións de gol ao Guijuelo e remontar perante o Salamanca. A derrota contra o Compostela cambiuolle os plans. O Deportivo parecera poñer fin ao seu suplicio sen vitorias nin goles batendo ao Guijuelo. O Racing de Ferrol devolveu aos branco e azuis ao seu pesadelo. En resumo, o Deportivo ten 20 puntos e é o segundo equipo con menos goles a favor de toda a Segunda B. O Pontevedra ten 18 puntos e encaixa en case tódolos partidos. Só deixou o seu portal a 0 en tres enfrontamentos.

Para os granates o pasaporte á segunda fase na que se loitará por prazas de play-off é inalcazable. Para os deportivistas aínda non, pero precisan gañar os tres enfrontamentos que lles faltan e outros resultados favorables para filtrarse nesa pelexa. Pero na sucesión de hipóteses, a derrota hoxe deixaríaos como sétimos, próximos á condea de non loitar por eludir o descenso, unha tesitura na que tamén se atoparía o PCF se se produce o resultado contrario.

A esixencia do partido é máxima. Son encontros para futbolistas de verdade, anuncia Luisito. Para os mellores soldados, para os que lle piden matrimonio ás súas esposas antes de marchar á fronte. Un día para saber soportar responsabilidades, nun escenario grandioso que lembra un aniversario de Copa do Rei e que agora loita con outra realidade.

Ese aspecto é un factor a explotar polo Pontevedra, que chega á cita con tódolos seus homes en condicións aptas. E co seu adestrador tamén. Luisito superou o susto de ter que dirixir ao Pontevedra contra o Compostela cun serio problema de saúde que agora parece controlado e argalla algo para sorprender ao gran trasatlántico, ao Queen Marie da Segunda B. Disporá de Adrián Cruz e Víctor Vázquez, ámbolos dous restablecidos das súas doenzas musculares que lles impediron ser aliñados desde hai un bo anaco de tempo.

O preparador de Teo parece coas ideas claras. Está satisfeito co que viu nos tres encontros anteriores, nos tres que el dirixiu. "Os xogadores asimilaron con rapidez os tres conceptos tácticos que lles intentei transmitir", comenta. E sendo así non é moi dado ás grandes novidades.

O fútbol é un toma e daca e desta vez tamén o será. Pero que imos á Coruña sen medo, que non caiba dúbida

Luisito acolleu con ledicia o parón. Permitiulle traballar os seus esquemas de xogo e facérllelos chegar aos seus futbolistas. As señas de identidade non son descoñecidas: máxima intensidade, máximo ritmo, agresividade sen balón e verticalidade nas accións ofensivas para chegar ao arco contrario sen demoras.

Prevese un equipo sen grandes trocos de pezas, pero con algunha novidade que espera desmontar aos coruñeses, que tampouco teñen baixas destacadas.

Rubén de la Barrera ten un arsenal tan completo que non sabe se atacar con granadas de man, con bazooca ou con kalashnikov Iso si, deberá afinar a puntería. Recupera a Miku, que pelexará a titularidade con Rayco, rapaz procedente do filial.

Medio millar de persoas van ser as privilexiadas que poidan asistir á sesión en directo. A apertura das instalacións para os acontecementos deportivos estréanse en Riazor, un grande escenario para a función desta tarde: un drama que promete un final infausto para un dos protagonistas, senón para os dous.

A XORNADA. O Celta B deu un paso de xigante na súa defensa do seu lugar entre os tres primeiros da táboa do grupo 1-A. O filial celeste bateu ao Compostela (1-2) a domicilio, no campo de San Lázaro, e alcanza os 27 puntos que lle permiten colocarse na segunda praza do grupo. O Compostela queda con 23, na quinta praza. Este domingo, ademais do partido do Pontevedra, haberá que botarlle un ollo aos dous encontros en chan salmantino.

O Zamora visita ao Salamanca CF UDS (17:00 horas) coa idea de certificar o seu lugar entre os mellores. Mentres, Unionistas vai a Guijuelo coa idea de sumar tres puntos que lle devolvan o segundo lugar.

Queda pendente de coñecer o que o acontece co Coruxo-Racing de Ferrol adiado polo gromo de Covid-19 detectado no vestiario racinguista. 
 

A intrahistoria. Afeccionados acoden a Xeve
Un grupo de aproximadamente vinte afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol acudiu este sábado ao adestramento do primeiro equipo que se levou a cabo en Xeve para transmitirlle folgos antes do partido que se vai celebrar este domingo a partir das 19:00 horas.

Ataviados con símbolos do equipo, camisolas granates, bandeiras e pancartas, e todos eles cos seus correspondentes tapabocas, os afeccionados entoaron cánticos para os xogadores, que se dirixiron a eles desde o terreo de xogo ao rematar a sesión para devolverlles o afecto cunha cálida ovación.

Ademais dos fieis que estiveron onte presenciando o traballo desde detrás do valado metálico que delimita a instalación, en días pasados apareceron detrás dunha das porterías dúas teas pintadas cunha mensaxe de ánimo para Luisito, despois do susto que sufriu.

A Luisito Hai que Roelo e Forza Míster, pódese ler nas pancartas que hai penduradas das redes que serven para delimitar o campo da zona de toxos e maleza que o rodea.


 "Non concibo outra cousa que ir a gañar, sexa contra quen sexa"

O técnico confía en que o plan do partido lle permita ao seu equipo desarmar ao Deportivo ►"Temos que estar atentos, porque se os deixas correr son moi perigosos", advirte o teense

O que espere a un Luisito rácano en Riazor, que o esqueza. O teense vai apostar por unha vitoria que podería ser de prestixio noutro momento, pero agora vai ser de necesidade. "Non concibo outra cousa que non sexa ir a gañar, sexa contra quen sexa".

Luisito non pensa na clasificación. "No que me desgasto é en pensar como facerlle dano ao Deportivo e como evitar que o Deportivo nolo faga a nós".

O preparador granate entende que o modo de competición é moi interesante para o afeccionado independente, pero acaba sendo un dardo envelenado para os grandes favoritos. "Todo o mundo pensaba, e eu o primeiro, que os equipos fortes eran o Pontevedra, o Deportivo e o Racing de Ferrol. Pero neste grupo hai rivais moi bos. De Terceira a Primeira División, calquera che gaña a un partido. Se a liga fose a 38 xornadas, sería doutra maneira. Pero nunha liga tan curta cambia todo. O formato é bonito para o espectador, pero para os que estamos dentro é duro e complicado. Hai que asumilo e ser forte mentalmente".

RAFA FOTOS DAS PANCARTAS DE ANIMO A LUISITO E DO ADESTRAMENTO DO PONTEVEDRA.CAMPO DE XEVEA preparación do duelo foi exhaustiva e moi concreta en certos detalles que o teense non quixo desvelar. "Teño claro como vou xogar. Non o vou dicir. Pero en tódolos anos de adestrador, ninguén que me coñeza me viu dicirlle aos futbolistas que se metan atrás, especulen e recen. Plantexamos os partidos para gañar, pero contamos con que o rival tamén xoga. Isto é un toma e daca e desta vez posiblemente o sexa. Pero que imos ir a Riazor sen medo, que non caiba dúbida".

Se a proposta do teense resulta acertada, "imos facer un moi bo partido e con moitas ocasións, pero temos que estar atentos, porque se os deixas correr son moi perigosos".

Nese senso, sabe cales son as virtudes dos brancos e azuis. "Están moi ben estruturados a nivel defensivo, da etapa do anterior adestrador, e ademais teñen unha vantaxe con respecto a case todos: un central coma Mujaid que pode xogar en campo contrario. El só che para as contras: É o central máis rápido de España. Se nos equivocamos de onde queremos ter o balón, sufriremos. Pero se facemos o que adestramos, trataremos de que sufran eles".

Luisito está convencido de que o Pontevedra está no bo camiño, a pesar do último encontro saldado con resultado desfavorable. "Xogando como o fixemos contra o Compostela vas estar máis preto de gañar que de perder. De dez coma ese, gañamos nove", asegura con optimismo o técnico granate. 

Comentarios