O derbi vén con marexada

O Marín Futsal recibe o Poio Pescamar nun partido cos dous equipos afastados dos obxectivos que se propuxeron ao comezo do curso ► O cadro local chega á cita en zona de descenso e con só dúas vitorias, mentres que as vermellas acumulan tres duelos sen gañar
A poiense Ale de Paz, a campaña pasada coa camisola marinense no derbi Marín Futsal - Poio Pescamar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A poiense Ale de Paz, a campaña pasada coa camisola marinense no derbi Marín Futsal - Poio Pescamar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Non están as cousas como se planearon. Nin en Marín, nin en Poio. A ría tráelles un derbi con marexada, en zona de emerxencia. Un partido de rivalidade no que a rivalidade non será o último, pero moito menos o único. Nin sequera o principal.

As circunstancias da competición así o quixeron. Porque tanto o Marín Futsal como o Poio Pescamar están fóra da posición que se propuxeron ao comezo do curso. Hai tempo para recompoñeren a figura. Pero, polo de agora, as realidades abaten os soños.

A partir das 17:00 horas, no pavillón Municipal da Raña, un dos dous intentará comezar a endereitar o rumbo. O outro deberá agardar uns días máis para ter outra oportunidade.

A cousa non pintaba tan mal para o Poio Pescamar ata hai tres semanas; é máis, ata hai dous partidos e un par de minutos do outro.

Porque o bloque de Luis López-Tulla, ata o treito final do enfrontamento contra o Futsi Navalcarnero, atopara o seu xogo e os seus resultados para volver crer en metas importantes, en prazas de play-off por segundo ano consecutivo. Recibía un dos grandes, este ano menos grande, na Seca, e dominábao por 5-1 na segunda metade. O castelo desfíxose no aire. As visitantes foron quen de igualar a quela contenda con unha gran remonta no segundo acto e desde entón, a nada. O Poio caeu nas dúas citas seguintes. Fíxoo en Melilla por 3-0 á semana posterior e no choque máis recente do curso perdeu na casa por 3-4 perante o Alcantarilla.

O Poio Pescamar encadeou dúas derrotas e unha igualada que o afastaron a seis puntos dos postos de play-off

De estar virtualmente dentro dos postos de pelexa polo título aquela última semana de novembro, pasou a ocupar a sétima posición, con 20 puntos, a seis do cuarto clasificado.

A realidade do Marín Futsal non é máis sobranceira. De feito, é mesmo máis complexa. A escadra da Raña ocupa a penúltima posición da táboa. Está en descenso, zona na que parece asentado despois de algún revés importante, como as dúas derrotas últimas contra rivais directos na batalla pola permanencia. O conxunto de Ramiro Díaz cedeu contra o Viaxes Amarelle por 3-1 a fin de semana pasada. E na anterior, foi superado de forma contundente nun mal día contra o Majadahonda, outro dos habitantes dos postos de descenso.

Despois dunha brillante e meritoria vitoria contra o Móstoles, os dous erros devolveron as dúbidas a un colectivo que conta con dous triunfos en trece xornadas e que segue a ter un severo problema de cara a gol (é o segundo bloque menos realizador, con 27 goles, dous por xornada).

No bando vermello seguen ausentes as mancadas xa de longo tempo Marta Peñalver e Anna Escribano, xunto con Pelé.

O Marín Futsal, que afronta o envite como o segundo equipo menos goleador, ten a dúbida na porta da gardarredes Patri Arruti

Polas marinenses, a gran dúbida será Patri Arruti, gardarredes que sufríu un forte encontronazo hai dúas semanas no partido contra o Majadahonda. Non estará Café, lesionada. As demais compoñentes do plantel vestirán de curto nun enfrontamento no que Lara Balseiro e Ale de Paz verán as caras do seu ex equipo, dando algo máis de pimenta a un choque no que o esencial vai máis alá da rivalidade.

Comentarios