lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

O Cisne Dicsa Modular ficha a Daniel Neves

Daniel Neves tras marcar un gol en un Portugal-Israel sub-19. FEDERACIÓN PORTUGUESA DE BALONMANO
Daniel Neves tras marcar un gol en un Portugal-Israel sub-19. FEDERACIÓN PORTUGUESA DE BALONMANO
O lateral esquerdo é internacional portugués nas categorías inferiores e asina por un ano ► Jose Leiras desvencéllase da entidade pontevedresa despois de cinco temporadas

O Cisne Dicsa Modular pechou a contratación por unha temporada dun dos xogadores sobre os que ten que xirar o seu xogo ofensivo da temporada 2021-22: o Daniel Neves, un lateral esquerdo portugués cunha grande proxección.

Neves chega a Pontevedra avalado pola súa traxectoria como internacional en categorías inferiores (os lusos son unha das principais potencias europeas en balonmán base).

A nova adquisición do bloque branco destaca pola súa capacidade de lanzamento e a súa velocidade e potencia, o que lle permite non só finalizar desde os nove metros de forma contundente, senón tamén aproveitar recursos técnicos e velocidade de pernas para progresar ata os seis metros. Domina practicamente tódolos rexistros de lanzamento.

Ademais, é un xogador quen de asociarse e atraer a defensa para encontrar a compañeiros liberados en posicións máis vantaxosas ca el. Aínda que parece máis destinado a actuar como lateral, Neves tamén pode exercer como central se o require a situación.

A incorporación de Neves súmase á renovación dun dos xogadores máis destacados do colectivo dos últimos cursos, Álvaro Preciado

Para el será a primeira experiencia fóra de Portugal. Aos seus vinte anos (naceu en febreiro de 2001), formouse nas categorías inferiores do Sporting de Porugal e posteriormente acabou enrolado nas ringleiras do Benfica.

Na 2018-19 chegou ao plantel xúnior do Benfica, que na 2019-20 acabou cedéndoo ao Boa Hora, escadra da Superliga portuguesa para que dispuxese de minutos de xogo e continuidade coa finalidade de progresar.

Na pasada campaña, novamente no Boa Hora, club lisboeta máis modesto có Benfica, sumou 92 goles en 26 enfrontamentos, cunha media próxima aos catro tantos por envite. O internacional junior luso mide 1,88 metros e pesa 86 kilos.

Coa súa chegada o proxecto do Dicsa Modular Cisne vai gañando peso. A incorporación de Neves súmase á renovación dun dos xogadores máis destacados do colectivo dos últimos cursos, Álvaro Preciado, e supón un golpe na mesa para demostrar que o club seguirá a ser ambicioso na División de Honra Prata, sempre sobre a base do talento dos xogadores da casa.

Iso si, o club despediuse este venres dun deles, José Leiras. O estremo tudense, que saíra cedido ao Torrelavega a metade de temporada, desvencellouse da entidade despois de cinco temporadas nas que axudou ao ascenso a Asobal.

O Cisne Dicsa Modular ficha a Daniel Neves
Comentarios
ç