Coa resolución aberta tanto en homes como en mulleres, a Gran Final das Series Mundiais ofrecerá ao público desprazado ata Pontevedra un espectáculo tan único como emocionante. Unha amplo abano de aspirantes a vencer a proba, varios candidatos a impoñerse nas Series Mundiais e un elenco de estrelas rutilantes tomarán parte no acontecemento.
Entre os homes, o gran favorito tanto ao título como á carreira de Pontevedra é o actual líder das Series Mundiais, Alex Yee. O puxante británico, subcampión olímpico en Tokio e bronce e prata mundial, respectivamente, en 2021 en Edmonton e en 2022 en Abu Dabi, intentará subir o último chanzo para pendurar a presea dourada do pescozo.
Yee chega á capital do Lérez despois de vencer o test olímpico de París 2024, unha das citas puntuables para o campionato, que lle deu o liderado por diante do neozelandés Hayden Wilde, consolidado definitivamente nesta campaña como candidato a todo. Wilde está a 57 puntos de Yee na xeral (o gañador en Pontevedra sumará 1250. A puntuación vai decrecendo para os seguintes clasificados a razón do 7,5 por cento con respecto ao posto precedente). Se vence a proba decisiva, dá igual o lugar do británico, será campión universal. Por detrás de eles está situado o luso Vasco Vilaça, a 215 puntos da cabeza. O portugués, emerxente estrela nas últimas dúas campañas, precisa vencer, afastar do podium a Yee e que Wilde non sexa segundo. Na cuarta praza, o campión do mundo en curso, Leo Bergére, encabeza o potente conxunto francés e chega á beira do Lérez con opcións condicionadas a que os seus rivais finalicen lonxe dos postos de honra.
O tamén francés Dorian Coninx, o australiano Matt Hausser, o vixente campión olímpico, o noruegués Kristian Blummenfelt, e o terceiro galo, Pierre Le Corre, tamén gozan de opcións matemáticos, aínda que remotas, de vencer o Mundial.
Entre os participantes tamén se atopan o subcampión olímpico e campión Mundial Jonathan Brownlee, o veterán surafricano baixo bandeira neerlandesa Richard Murray ou os belgas Jeens e Van Riel. Na delegación española, o vigués formado no CGTD Antonio Serrat será unha das bazas principais, con Sánchez Mantecón e Sergio Baxter.
Na categoría feminina, avecíñase man a man polo título entre a líder, a gala Cassandre Beaugrand, e a británica Beth Potter. 32 puntos as separan, o que implica que quen acabe diante, practicamente, terá o ouro nas World Series.
Con bastantes opcións menos están a moza francesa Emma Lombardi ou a primeira das estadounidenses, Taylor Spivey. Pero se o mundial é cousa de dúas, a proba está moito máis aberta. Estarán na liña de saída a ouro olímpico en Rio, Gwen Jorgensen, a campioa do mundo en 2019, Katie Zaferes, ou a gañadora en Yokohama, a inglesa Sophie Coldwell. Míriam Casillas é a abandeirada da delegación española.

Os galegos | Antonio Serrat e Natalia Castro poñen acento da casa
Antonio Serrat será unha das grandes esperanzas españolas para a proba da Gran Final das Series Mundiais. O vigués formado no CGTD de Pontevedra intentará poñer fin ao curso da mellor maneira, demostrando que é un dos notables do elenco de triatletas mundiais. Non será o único representante pontevedrés nas categorías de alto rendemento, xa que en sub-23, tomará parte a buenense do CGTD Natalia Castro.
Nesa categoría, en homes, correrá o lucense Esteban Basanta. Ademais, en paratríatlon estará a gran campioa olímpica e mundial, a viguesa Susana Rodríguez Gacio.
Calendario | O sábado, os homes, e o domingo, as mulleres
As probas elite masculina o sábado á tarde e feminina o domingo á tarde serán os momentos estelares dun programa da Gran Final das Series Mundiais que se prolongará durante toda a semana.
Despois de dúas xornadas de adestramentos, recoñecementos dos circuítos e entregas de dorsais, chegará o momento para cerimonia de inauguración o xoves a partir das 19:30 horas.
O venres chegará a primeira proba. Ás 16:00 horas correrán os grupos de idade na distancia superesprint.
O sábado ás 9.00 será a quenda para o paratríatlon. Ese mesmo día, terá lugar o primeiro prato forte: a carreira sub-23 (14:20) e a proba elite masculina (17:20).
O domingo, á mañá será a distancia olímpica dos grupos de idade (9:00) e posteriormente o mundial de Aquabique (10:30), para pechar cos mundiais sub-23 (14:00) a gran final elite feminina (16:45) e a remuda de paratríatlon.