"A eliminatoria está ao 50%"

O adestrador do Mensajero, o ourensán Miguel Cid, destaca o potencial do Pontevedra e advirte de que o seu conxunto "sempre quere ter o balón, estar en campo contrario e combinar"
Miguel Cid
photo_camera Miguel Cid

O banco do Mensajero fala galego. O adestrador do equipo, Miguel Cid, é natural de Vilar de Barrio (Ourense) e o seu segundo, Álex Felipe Padrón, naceu en Lugo, aínda que se mudou sendo aínda un bebé a Canarias.

A Cid, o feito de ter que verse de fronte contra un rival de Galicia non lle fai unha especial ilusión, aínda que intenta tomalo co meirande optimismo posible.

«O primeiro pensamento que tiven foi: na miña terra vou ascender a Segunda B», manifestou, antes de recoñecer que o Pontevedra era un dos adversarios máis complicados que podía depararlle o bombo.

«É un dos históricos da categoría, dos rivais que non queres que che toquen nunca, coma o Castellón ou o Mérida».

Sen embargo, Canarias infundiulle un espírito positivo ao técnico ourensán. Será difícil, pero non imposible. «Ao final somos dous campións de Terceira División que temos números parecidos e temos plena confianza en que o imos conseguir. De momento a eliminatoria está a un 50 por cento e teño ilusión e toda a confianza depositada no grupo».

Cid xa se moveu para buscar información do seu adversario e realizar un primeiro diagnóstico. «Sabemos que desde que chegou Luisito ao banco ten un ton físico moito mellor e acaba os partidos moi ben -de feito gañou varios encontros nos últimos minutos-. É unha escadra que quere xogar a pelota, que ademais ten dous centrais contundentes e veteráns. O seu home franquicia é Mouriño no mediocampo e arriba ten un matador como Pablo Carnero».

Do seu propio plantel, destaca a cohesión e o coñecemento entre os xogadores. «É un grupo de futbolistas que levan moito tempo xuntos. Coñecémonos moi ben. O 95 por cento do bloque leva tres temporadas seguidas no club. Temos un estilo definido que pretendemos plasmar en cada encontro e sempre que o conseguimos somos un rival complicado».

Canto ao estilo, o Mensajero é un bloque fiel á escola canaria. «Somos un conxunto que intenta sempre ter a posesión do balón no campo contrario e combinar. Sempre que podemos buscamos defendernos tamén coa pelota».

O Pontevedra é un dos rivais históricos da categoría, dos que non queres que che toquen nunca

Segundo a súa opinión, o resultado definitivo dependerá de pequenos detalles, como case sempre nas promocións de ascenso. «As situacións de balón parado van ser moi importantes. Será un encontro no que non haberá moitas oportunidades claras. Polo tanto, se logramos definilas ou non pode ser decisivo. O Pontevedra ten un modo de xogo moi definido. O que poida manterse fiel ao seu estilo terá máis posibilidades de acadar o ascenso».

Cid tamén expresa que non hai motivo para temer o vento nin a calor. «A temperatura é moi boa para o xogo, a non ser que veña algún día raro. O habitual é que os encontros se disputen a 23 ou 24 graos. É un lugar idóneo para practicar o fútbol».

O que ten claro o preparador ourensán é que o Mensajero quere ascender. «O club lévao perseguindo desde hai varias temporadas. O noso obxectivo é subir a Segunda División B».

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios