Entregados ao éxito do tríatlon

Máis de 1.500 persoas colaboraron na memorable organización das Series Mundiais
Os 800 voluntarios desenvolveron un papel fundamental na Gran Final das Series Mundiais. GONZALO GARCÍA
photo_camera Os 800 voluntarios desenvolveron un papel fundamental na Gran Final das Series Mundiais. GONZALO GARCÍA

Unhas cifras de récord para un evento inesquecible. Así foi a Gran Final das Series Mundiais, que ademais de ofrecer un espectáculo para a historia e confirmar a capacidade organizativa de Pontevedra nos grandes acontecementos deportivos, deixou cifras de vertixe que poñen de relevo o enorme valor do acontecemento.

Para empezar, 1.500 persoas estiveron colaborando e traballando na proba de algunha maneira. Ademais dos 100 membros que compuxeron o staff do campionato, estruturados en diferentes áreas de traballo para o mellor desenvolvemento do Campionato (coordinación xeral, montaxe, competición, administración, marketing, comunicación, sostenibilidade, etc), arredor de 800 persoas formaron parte do voluntariado para que todo saíse da maneira apropiada: os traballos máis diversos correron de parte de persoas que non só eran de Pontevedra, senón de outros puntos da xeografía galega, española e mesmo mundial.

Pero ademais, o exército español, a través da Brilat e da Escuela Naval Militar de Marín, distribuíu 700 efectivos para garantir a seguridade do acontecemento. A iso cabe unir as 20 persoas encargadas dos controis de acceso ás instalacións.

1,8 por cento. As 1.500 persoas supoñen un 1,8 por cento da poboación da cidade de Pontevedra. Así e todo, a cifra máis chamativa é a de asistentes ás carreiras profesionais. As estimacións dos organizadores falan de arredor de 40.000 persoas presenciando en directo, nos diferentes currunchos da cidade, as probas de natación, bicicleta e carreira a pé. A imaxe da ribeira do Lérez ateigada e convertida nun estadio con bancadas naturais a ámbolos dous lados do cauce, e coa Ponte dos Tirantes e a pasarela peonil como fondos, pasará á historia do tríatlon mundial da mesma maneira que o sorprendente triunfo de Dorian Coninx.

O galo foi un dos 2.500 deportistas que tomaron parte no certame en representación de 59 nacións diferentes (ademais dos que estiveron no evento baixo bandeira da ITU, procedentes de catro estados diferentes aos anteriores).

Os propios deportistas foron os primeiros que acabaron encantados coas sensacións que puideron gozar na carreira, coa organización e coa cidade.

A cobertura televisiva do acontecemento foi levada a cabo por Televisión Española, que desplegou ata 80 profesionais para poder acometer a produción do sinal e a retransimisión a través das súas diferentes canles que chegou a todo o mundo.

Pero ademais da televisión pública, unha centena de xornalistas, algúns deles desprazados desde outros continentes, estiveron na cidade do Lérez para cubrir o evento para prensa escrita, radio, televisión ou diversos medios dixitais.

Para poder facer o seguemento das probas, os afeccionados puideron seguir as evolucións da proba a través das tres pantallas xigantes situadas no CGTD, dúas delas de 50 metros cadrados.

En resumo, uns datos espectaculares que revelan a realidade do espéctaculo do tríatlon.

Comida e bebida para un rexemento

Outros datos materiais e nutricionias que arroxou a Gran Final das Series Mundiais foron os seguintes:

  • 50.000 botellas de auga que se beberon nos días de competición.
  • 1.000 litros de bebida isotónica para os atletas.
  • 21.000 Refrescos consumidos desde o xoves ata o domingo.
  • 2.500 pezas de froita.
  • 3.500 barriñas enerxéticas que inxiriron os atletas.
  • 1.500 donuts e 300 empanadas consumidas.
  • 4.000 valos, 3.000 metros de lona publicitaria e 5.000 metros cadrados de moqueta empregada.

Comentarios