7-1. O Poio Pescamar empeza con festa

O equipo de Luis López-Tulla estréase na liga cunha clara vitoria contra o Joventut d’Elx que mesmo puido ser máis ampla ▶ O equipo visitante chegou á Seca enriba da hora, o que atrasou o inicio do xogo máis de 45 minutos
(_G4A0144.JPG) HQR FUTBOL SALA PRIMERA FEMENINA POIO PESCAMAR JOVENTUT D ELX jugadas entrenadores y ambiente
photo_camera Las jugadoras del Poio Pescamar celebran uno de los tantos marcados. GONZALO GARCÍA

O Poio Pescamar non tivo delicadeza co Joventut d’Elx no seu debut ligueiro e meteulle unha boa malleira, un contundente 7- 1. O marcador mesmo foi escaso para o bloque preparado por Luis López-Tulla, que dispuxo de infinitas ocasións para lograr un resultado moito máis contundente nunha segunda metade na que só lle fallou a puntería.

As boas sensacións ofrecidas no arranque pola escadra vermella contrastaron coa pobre imaxe que deu a competición no día de regreso á escola. Para empezar, o Joventut d’Elx chegou ao pavillón da Seca enriba da hora, polo que o partido debeu principiar con máis 45 minutos de atraso. E para seguir, un problema informático que afectou á varios partidos da xornada, mesmo de maneira máis acusada que ao do Poio, impediu que Anna Escribano puidese inscribirse na acta e disputar o encontro. Dous detalles que non son menores e deixan co cu espido á Federación. Se o que quere é poñer en valor a competición e o fútbol sala, vai polo sendeiro errado.

O feito é que tanto contratempo antes de principiar pareceu adormecer o Poio Pescamar, que sufriu un par de bos sustos nos primeiros minutos do enfontamento. Nada que non tivese solución.

Así, ao minuto cinco, despois da primeira rotación das xogadoras locais, Laura Uña adiantou ao seu bloque cunha maxistral manobra por liña de fondo con cesión para Elena Aragón, que na súa finalización defectuosa atopou de novo a Uña. Sen oposición, a pivote remachou o 1-0.

Comezou, entón, a treboada poiense. O Joventut d’Elx viuse no medio, sen poder gorecerse, encaixando golpes sen parar chegados de tódolos recunchos. Laura Uña fixo o 2-0 tras gañarlle as costas á defensa e cunha precisa definición no man a man con Ceci. Martita rematou á rede un saque do curruncho ensaiado e unha triangulación fermosa entre Dani Sousa, Marta e Luci puxo o 4-0. En tres minutos, as encarnadas sentenciaron o enfrontamento.

As ilicitanas apenas eran quen de atravesar con orde e calidade o medio campo. Nunha desas accións ailladas, á beira do descanso e despois de que o Poio desaproveitara varias ocasións claras, mesmo a porta baleira, para ampliar a renda, as alacantinas sacaron un córner que Elena Aragón non puido evitar meter na porta de Elena. Era o gol da honra.

Antes de rematar o primeiro tempo, Daniela Sousa puxo o quinto tanto ao empurrar no segundo pao un servizo medido de Rocío nunha acción por velocidade.

Lonxe do que se podería imaxinar tendo en consideración o resultado, o Poio Pescamar foi a por máis premio na segunda metade. O partido converteuse nun bombardeo do que o cadro visitante saía ileso de forma milagrenta. Un poste de Elena Aragón, varias accións espectaculares de Dani Sousa, un man a man de Martita, Rocío Gómez nun par de ocasións... non chegaba o sexto.

Así, ata que, a técnica visitante apostou á porteira xogadora. Judit Mateu foi expulsada por man fóra da área nunha perda e logo chegaron o segundo de Dani Sousa e o tanto de Julia Dupuy para pechar a festa poiense.

Ficha técnica:
Árbitros: Rubén Ferrero Carballal e Ander Orbegozo Canzón. Expulsaron con cartón vermello a Judit Mateu (minuto 36) do Joventut d’Elx e amosaron cartóns amarelos a Marta e Julia Dupuy do Poio Pescamar.

Goles: 1-0. Minuto 5. Laura Uña; 2-0. Minuto 7. Laura Uña; 3-0. Minuto 7. Martita; 4-0. Minuto 8. Luci; 4-1. Minuto 18. Elena Aragón (propia porta); 5-1. Dani Sousa. Minuto 20; 6-1. Minuto 37. Dani Sousa. 7-1. Minuto 38. Julia Dupuy.

Incidencias: Partido correspondente á primeira xornada de Liga de Primeira División da LNFS disputado no pavillón da Seca de Poio diante duns 250 afeccionados.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios