Premios HQR! Proxecto de base

Adrián Cubela: "A esgrima engancha: Abonda con poñer a máscara e coller o sabre"

Coñeceu a esgrima case por casualidade en Catalunya, cando traballaba na televisión e ficou tan namorado da actividade e da forma de ensinala do seu mestre, Imre Dobos, que non tivo máis remedio que darlle forma a un proxecto en Pontevedra hoxe totalmente afi anzado
Adrián Cubela. GONZALO GARCÍA
photo_camera Adrián Cubela. GONZALO GARCÍA

Encargada de introducir unha nova disciplina nunha cidade como Pontevedra, que vivía allea a ela, e de afianzala, a Escola Hungaresa de esgrima cumpre en 2023 15 anos como catalizador da modalidade á beira do Lérez. Con notables éxitos deportivos ás costas e un afán de promoción de valores formativos esenciais, o club ten como figura indiscutible ao seu ideólogo, fundador, director técnico e adestrador, Adrián Cubela.

Que supón o premio para un club como o seu?
Un recoñecemento ao traballo realizado durante estes 15 anos, ao traballo coa base do club e todo o que supuxo e supón para nós. Comezamos sendo unha cousiña pequena con poucos nenos. Axudados polo boca a boca dos pais prosperou. A ilusión que puxemos desde o comezo foi vital. Sempre cremos máis ca na nosa propia capacidade, na esgrima como vehículo para levar a cabo un proxecto. Estaba convencido do potencial deportivo e social da esgrima. É un instrumento perfecto, o noso motor para transmitir os nosos valores e a nosa idea de club.

Recibiron moitas felicitacións?
Moita xente enterouse e recibimos da xente do club e de persoas que estiveron durante os 15 anos e que agora non están. Pais que nos seguen a dar as grazas porque o deporte lle serviu de moito na vida aos seus fillos. Ese é o principal recoñecemento. A esgrima non é só unha actividade deportiva. Para nós é esencial que a xente non pase pola esgrima, senón que a esgrima pase pola xente e que quede algo aí nas persoas. Axuda a resolverse na vida, a gañar seguridade, a ter un certo comportamento, e ter rapidez de pensamento e de reacción. Son aspectos que intentamos inculcar.

Ademais destes valores, cales son os que pretenden transmitir?
No club entregamos unha carta de valores a cada rapaz que accede ao club. Os principais son cinco: o respecto como actitude cara os demais. Dentro da sala todos temos que ter un respecto para todo o mundo. A disciplina é un valor que cada un adopta cara si mesmo, como actitude para afrontar a realidade. O compañeirismo é o valor fundamental humano. A afouteza é a mestura da valentía con intelixencia, ter unha valentía sen cabeza é ousadía. Por último humildade, sempre na pista debe haber unha actitude humilde. 

Nunca tivo dúbidas ao fundar un club dun deporte sen tradición en Pontevedra?
Claro que pasan eses pensamentos. Hai xente que preguntaba Esgrima, de verdade?. Pero si, estabamos convencidos. Principiamos en marzo de 2008, con grupos moi heteroxéneos de idade e nivel e no ano seguinte, en 2009, temos que recoñecer que grazas a eventos como a Festa HQR!, que sempre nos deu cabida no seu programa, medramos moito. Foi un pulo moi grande no crecemento e na difusión da esgrima e da actividade do noso club.

Como se consegue enganchar a xente á esgrima?
Engancha. Para que alguén o faga, non fai falta nada máis que poñerlle o sabre e a máscara e ter a sensación de facer ou recibir un tocado. Desde que somos pequenos, collemos paos e facemos esgrima retándonos a duelos. É moi doado. Atopamos ese comentario por parte de adultos: "é o que sempre quixen facer e non tiven oportunidade". Os nenos son os que queren facelo, nos os que o fan porque o pai llelos diga. Esa adherencia ao deporte é moi grande. Temos xente desde hai 15 anos vencellada e alumnos que comezan a traballar como monitores e arbitrar. Moita xente leva vencellada desde o principio. O premio HQR! non é a min, senón é un traballo colectivo, a unha estrutura, a un grupo de xente que comezou desde a base e acabou como adestradora. É un motivo de orgullo que principien desde os sete anos e que non perdan esa experiencia. É un tesouro inmaterial que deben transmitir.

Non só realizan formación, tamén conseguiron grandes resultados ao longo dos anos…
Tentamos que os resultados se adapten ao obxectivo de cada deportista. Non podemos centrarnos só na alta competición, porque hai xente que fai esgrima só por lecer, adultos e nenos. E a xente que quere competir e chegar lonxe tamén debe ter cabida. Aí está o noso malabarismo para darlle espazo a todos eles. Hai pais que teñen dúbidas sobre se é tarde a unha idade para comezar. Nunca é tarde. Cada un debe desenvolverse ao seu nivel. Nós tamén temos resultados, como o Campionato de España de Natalia Fernández en 2012. Foi unha gran tiradora. Tivemos moitas medallas nacionais. Agora mesmo, a nivel cadete temos a Inés Silva e Pilar Garnelo que están a facer podio tanto na súa categoría cadete como na xúnior. Veñen de facer tres medallas en torneos nacionais. Estamos a facer viaxes internacionais con Pilar Garnelo, que ten opcións de acudir ao Europeo e o Mundial.

É a xoia da vosa coroa…
A nivel competitivo si. Estivemos a facer os circuítos europeos en Budapest e Sofía e agora estará en Budapest. Temos un calendario apertado para intentar sumar puntos e poder participar no Europeo e no Mundial.

Cales son os retos do club de cara a un futuro?
Retomar a actividade fóra da estrutura do club. Retomar as actividades extraescolares que se perderon na pandemia. Chegamos a ter actividade en cinco centros educativos. Foi un dos nosos puntais de base. Agora está a regresar, pero non coa mesma intensidade. Ese é o noso obxectivo coa canteira... e volver ofertar as Escolas Deportivas Municipais.

Un desexo para Reis?
Moitos. A nivel de club, continuar medrando desde a base, e a nivel de resultado, acadar un campionato de España ou a clasificación para o Mundial ou o Europeo.

Unha vida ligada a un sabre
O nome do club honra á entidade na que se namorou da esgrima. A Escola Hungaresa de Imre Dobos, técnico maxiar cuxo carácter e ensinanzas namoraron a Adrián Cubela en Cataluña, é o motivo de que se lanzase a competir, mellorar, amar o deporte e ser adestrador. "A esgrima engancha de entrada, é xadrez en movemento", sostén, "pero o que fai que fiques nel é a persoa".

Cando regresou a Pontevedra, fíxoo coa cabeza chea de ilusións, coa intención de crear un club propio no que ofrecer un servizo deportivo e social á comarca. Hoxe, case 15 anos despois daquel 2008, pódese asegurar que a Escola Hungaresa é un club absolutamente afianzado na capital, que permite aos nenos converterse en espadachíns como os das películas. e mesmo ir máis alá.

Comentarios