Esixen 300.000 euros ao PCF

Os avogados dos futbolistas africanos despedidos polo Pontevedra Anthony Banda, Douglas Hughes e Juan Manuel Ela presentaron tres demandas de conciliación ao Pontevedra por despedimento nulo e danos e prexuízos, polo que reclaman 100.000 euros para cada un dos seus clientes, ata un sumatorio de 300.000 euros.

Pablo Viana e Pablo Quinteiro, representantes legais dos exxogadores do club granate alegan unha conduta discriminatoria por parte da entidade, amparándose en comentarios e documentación, polo que piden esas cantidades como compensación pola situación persoal que, consideran, padeceron os rapaces.

Actualmente, Douglas, Juan e Anthony están a proba en Getafe. A intención é quedar no club madrileño ou nalgunha institución do contorno, para poder seguir xogando ao balompé en España.

Os tres foron dados de baixa na sociedade hai unhas semanas por baixo rendemento. Segundo a súa axencia de representación, encarnada en Mario di Giosia, ningún dos futbolistas cobrara ningunha mensualidade desde que asinaran os seus contratos ata a actualidade, feito que lles fixo sentirse discriminados con respecto aos seus compañeiros de equipo.

Sen embargo, non foron os únicos que non recibiron nin un euro do Pontevedra. Tampouco o fixo, polo de agora, Rodrigo Trovo. O lateral uruguaio, que tamén foi cortado por motivos oficiais similares aos dos futbolistas africanos, está agora pendente de celebrar un acto de conciliación para resolver o problema.

O avogado de Trovo, Roberto Gayoso, reclama a totalidade da ficha do xogador ata o remate da temporada. Sen embargo, o seu movemento foi máis agresivo, se cadra, có dos seus colegas no caso Douglas. Gayoso acudiu directamente ao Comité Xurisdicional da Federación Galega de Fútbol para que intercedese no conflito. O acto de conciliación levarase a cabo na sede da delegación da Federación Galega en Santiago.

Vetado

No caso de que non se producise un punto de encontro entre as dúas partes e houbese unha resolución contraria aos intereses do Pontevedra, a Comisión Xurisdicional da Federación Galega impediríalle fichar a calquera outro futbolista mentres non pagase as cantidades resoltas.

O feito é que o Pontevedra non lle deu a carta de liberdade a Trovo, que non é traballador do club, pero segue tendo ficha co primeiro equipo granate e non pode firmar co Rápido de Bouzas, club co que ten un acordo case pechado.

Comentarios