Espectacular recibimento a Cristian Fernández no Club Natación Galaico

O poiense logrou o ouro en acuatlón no mundial circunscrito dentro dos Campionatos Multideporte de Ibiza o pasado luns

photo_camera Así foi o recibimento a Cristian Fernández no Galaico. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Ovacionado 'a traición' por un destacamento dos deportistas de base do Club Natación Galaico: así foi recibido o campión do mundo de acuatlón, Cristian Fernández, ao día seguinte de chegar a casa desde Ibiza, coa medalla de ouro ao pescozo.

O poiense aterraba o martes á noite en Galicia e este mércores afrontaba a súa primeira sesión de adestramento cos rapaces do club pontevedrés, no que exerce de técnico de categorías base. Alí agardáballe unha sorpresa organizada pola entidade vermella.

Os rapaces que debían adestrar ás súas ordes, un nutrido grupo dunhas 40 unidades, amosábanlle o seu agarimo con cánticos e ovacións cos que lle quixeron trasladar o orgullo e afecto que senten. Fernández saudou a moitos deles de maneira individual e puido ler as mensaxes en pancartas elaboradas para a ocasión: "amizade", "apoio", "amigos" rezaban os escritos elaborados para a ocasión, que emocionaron a un campión universal que non puido cambiar o seu sorriso en toda a sesión.

Fernández levou con el a presea de ouro obtida en Ibiza o pasado luns en acuatlón, dentro do Mundial Multideporte que se está a celebrar na localidade balear, e compartiuna cos seus pupilos.

Foi unha dobre boa nova para o poiense: a mostra de agarimo masivo dos deportistas e o seu primeira adestramento na piscina olímpica do centro nos últimos 14 meses, despois da entrada en vigor do convenio entre a Fundación Rías do Sur e o Concello de Pontevedra que desbloqueou a situación na instalación.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios