Pode que o Club Waterpolo Pontevedra non sexa moito máis que unha entidade deportiva, como o Barcelona, pero seguramente é algo máis que un club.
Está afianzada desde hai un cuarto de século dentro da sociedade pontevedresa. E como parte da mesma, demostra unha implicación proactiva e altruísta que o define como un exemplo a seguir. Non existe, así e todo, afán polo aplauso por parte dos responsables da entidade, José Tellería e o seu equipo directivo ou Javi de Saa e os técnicos. Simplemente se trata da súa vocación formativa.

De tal maneira, as actividades desenvolvidas por parte do CW Pontevedra, nas que colabora con asociacións sen ánimo de lucro ou actúa por conta propia de forma particular, intégranse dentro da educación deportiva que a institución quere darlle aos seus nadadores.

A última grande actuación desenvolvida polo club, a máis rechamante dos últimos meses, é a incorporación de dous rapaces afectados pola enfermidade do Perthes á disciplina do club. Tanto as novas fichaxes como as súas familias trasladáronlle a súa satisfacción e ledicia por unha experiencia que está a ser gratificante para os rapaces desde o punto da saúde, lúdico e social. "É un gusto que se enganchen ao waterpolo", expresa o presidente, José Tellería. "Para nós é un logro que así sexa".

Pero ademais, o CW Pontevedra é consciente de que forma parte do contorno natural, polo que o coida, realizando batidas para a recollida de lixo en zonas naturais (no Pontillón do Castro ou nas praias nas que adestran os equipos no verán).
Tamén colaborou con campañas de doazón de sangue promovidas pola delegación pontevedresa da Axencia Galega, con notables resultados. Os membros da entidade propoñen actividades a diferentes asociacións coa intención de materializar esa vocación participativa e o seu compromiso. "Queremos que os deportistas sexan conscientes da realidade desde nenos e que se impliquen coas diferentes problemáticas sociais", agrega o seu máximo dirixente.

Renacer. A súa forma de pensar confírelle fortaleza ao club, que conta con arredor de 120 licenzas, ademais de unhas escolas deportivas das que aspira a nutrirse. En total, nove equipos forman parte da estrutura dunha entidade que demostra unha notable resiliencia. Os problemas da Covid primeiro e de instalacións, co peche da piscina olímpica de Rías do Sur, despois, fixerona tremer. Pero en número de deportistas o club mantense e vai fortalecendo as categorías máis baixas, que deben ser as que fornezan os equipos sénior no futuro.

O cadro feminino é o buque insignia do club, na súa segunda temporada en Primeira División. Os comezos deste ano non foron sinxelos, con problemas de baixas e de fichaxes que non se adaptaron e marcharon do club. O obxectivo é afianzarse na categoría para permitir que as rapazas formadas na casa que agora están en categorías infantil e cadete poidan dar o salto.

"Estamos fortalecendo a base e iso danos tranquilidade para o futuro", expresa Tellería. O club non renuncia a competir e a obter bos resultados, pero sobre todo quere que os deportistas sexan sans en corpo e alma. E que gocen co waterpolo desde os comezos. "Para nós iso é esencial. Máis importante que gañar títulos". De momento, vailles ben, porque quen proba con eles, sempre fica.
Detrás do éxito da institución está o grupo de adestradores que proxectan os seus coñecementos.

Kike García é a cabeza visible na actualidade, como responsable do waterpolo feminino. A sección masculina conta con dous técnicos. Iago Carabelos é o responsable das categorías masculinas desde infantís ata a sénior, mentres que Javi de Saa, figura fundamental no nacemento e desenvolvemento desta entidade deportiva, traballa con mimo a formación dos rapaces máis miúdos, desde as idades de escolas ata os alevíns.
Ademais, o club fai fincapé na importancia de formar formadores. Así, xa conta con xogadores que tamén adestran e colaboran nos labores técnicos.