viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

O Cisne mantén a espera polo pivote ucraíno Lysak

Yevhen Lysak. DAVID FREIRE
Yevhen Lysak. DAVID FREIRE
O pivote ucraíno do Cisne mancouse nun ombreiro hai varias semanas e segue sen dispoñer dunha diagnose que permita determinar o alcance exacto da súa doenza

O Club Cisne segue sen saber que lle pasa a Lysak, unha das fichaxes chamada a darlle un plus de calidade nesta temporada. O longueirucho xogador ucraíno segue sen poder traballar co colectivo que prepara Jabato aqueixado dunha doenza no ombreiro que se produciu hai aproximadamente un mes e do que aínda non hai diagnose.

Ante as súas molestias e a imposibilidade de levar a cabo o traballo cotián a carón dos seus compañeiros, o club, dacordo cos seus servizos médicos, decidiu realizarlle diferentes probas médicas para determinar cal era o seu estado de saúde e o alcance da súa doenza.

O martes da pasada semana fíxose unha resonancia magnética nunha clínica viguesa. Pero desde entón o club aínda non determinou cal era a situación real da saúde do xogador, á espera de que os seus responsables sanitarios manifestasen unha diagnose exacta sobre o seu estado.

O pivote leva catro semanas sen poder tomar parte nos encontros nin nos adestramentos do primeiro plantel cisneísta. Algúns membros do club non desbotan que a actual eiva que padece o ucraíno se puidese deber a problemas que veñen de antigo e que se pudieron acrecentar durante a súa estancia na capital do Lérez.

Difícil adaptación. A circunstancia prexudica ao acoplamento do deportista dentro do equipo. Desde o día da súa fichaxe, a situación do ucraíno estivo chea de atrancos e obstáculos.

Os seus problemas de comunicación por mor da diferenza lingüística (non fala nada de castelán e pouco inglés) non axudaron ao seu período de adaptación. Pero ademais, foi o último xogador en incorporarse ao colectivo, ao chegar momentos antes do comezo da Liga de División de Honor Prata, polo que non fixo pretemporada cos seus compañeiros nin ás ordes de Jabato: outro elemento que xogou na súa contra.

Nos primeiros encontros da liga a súa participación foi residual. Pero paseniñamente ía collendo máis minutos. Cando parecía que podía comezar a gañar en protagonismo, chegáronlle os problemas físicos.

Os membros do corpo técnico están expectantes ao respecto da información que poidan ofrecer desde os seus serizos médicos, aínda que existe certo pesimismo ao respecto do seu período de recuperación e reintegración no colectivo.

Diario de Pontevedra intentou poñerse en contacto cos galenos cisneístas, que non están autorizados para informar sobre o expediente Lysak por cuestión de segredo profesional e protección de datos do paciente.

A consecuencia da situación deportiva da baixa de Lysak é o crecemento da responsabilidade e presenza de Román Arboleya na demarcación de pivote (o rapaz era lateral ata esta data) e o crecemento de Dani Virulegio na faceta ofensiva, como principal referencia nos seis metros do club.

Primeira Nacional: a Sar recibe ao Bueu en Redondela 
A Primeira Nacional acolle esta fin de semana a décima primeira xornada de Liga, cun partido de rivalidade sureña como prato forte. A SAR Plastic Omnium recibe hoxe ás 18.00 horas na Bombonera ao Bueu Atlético, nun dos maiores clásicos da Primeira Nacional das últimas décadas.

Redondeláns e buenenses buscarán un triunfo balsámico que lles permita coller osíxeno e arredarse da zona incómoda da clasificación. Dous puntos os separan na táboa: os choqueiros teñen sete, os morracenses, cinco.

O triunfo págase caro, pero soluciona moitos problemas para calquera dos contendentes da cita. Ámbolos dous chegan ao enfrontamento despois de cadansúa derrota, fronte ao Ampate Lanzarote e o Disiclín Lalín, respectivamente.

O Disiclín Lalín, actual líder da competición en solitario, afronta a cita de hoxe ás 19.00 horas contra o Forbe Reconquista de Vigo coa intención de facerse forte na casa. Os dezanos repuxéronse da derrota contra o Lanzarote de hai quince días cunha vitoria a semana pasada.

Precisamente, o único bloque que foi quen de bater á escadra de Pablo Cacheda será a que porá a proba O Gatañal. O Balonmano Luceros recibe ás 20.00 horas ao bloque lanzaroteño coa intención de rachar a súa prolongada serie de resultados negativos.
Seis puntos colócano nos postos medio baixos, máis próximo da zona fría da clasificación que da morna. A esixencia do rival non porá facilidades para o obxectivo dos cangueses.

O Cisne mantén a espera polo pivote ucraíno Lysak
Comentarios