O Estradense, entre o estupor e a indignación

O presidente do club, Toño Camba, e o xogador do primeiro equipo Brais Calvo láianse polo penalti que lle sinalaron ao seu equipo no partido contra o Fabril como consecuencia do choque de dous xogadores do filial coruñés
O presidente Toño Camba (esquerda), na presentación de Nacho como adestrador do equipo. ESTRADENSE FACEBOOK
photo_camera O presidente Toño Camba (esquerda), na presentación de Nacho como adestrador do equipo. ESTRADENSE FACEBOOK

Corría o minuto 60 no Municipal da Estrada no partido entre o Estradense e o Deportivo Fabril, con 2-0 no marcador, cando un xogador do filial coruñés atropelou un compañeiro seu dentro da área rival, na disputa dun balón de ataque. Para sorpresa de tódolos presentes, sen que mediase contacto algún con ningún futbolista do Estradense, o colexiado pontevedrés Luis Lois Carro sinalou o punto de penalti.

Atónitos ante a decisión, os xogadores (do campo e do banco) do Estradense, a afección local e o palco reclamaron ao árbitro que entrase en razón, pediron cooperación por parte do asistente e protestaron airadamente. O único resultado, ademais do 2-1, foi a expulsión do delegado José Manuel Rey.

Un día despois, a sorpresa e indignación no club continuaba. Así a manifestou o seu presidente, Toño Camba. "No momento no que o pitou, pensei que parara o xogo porque se fixeran dano os xogadores do Fabril e non lle dei importancia, pero despois vin que sinalaba o punto de penalti. É lamentable", sentenciou o dirixente, que non entende aínda agora como puido acontecer tal erro. 

"Cando ves que todo o mundo se pon desa maneira, tes que falar co teu asistente e consultalo. Todo o mundo do campo o viu, menos o árbitro". 

Camba chegou a concibir esperanzas de que o colexiado se retractase pouco despois de sinalar a pena máxima. "Cando veu cara a banda a expulsar o delegado, pensei que ía falar co asistente para rectificar". Falsa alarma. 

"No momento no que o pitou, pensei que parar o xogo porque se fixeran dano os xogadores do Fabril", di Toño Camba

O peor da decisión non só foi o erro de seu, senón as consecuencias. "Estabamos máis cerca do 3-0 que do 2-1 e cambiou o partido. Non se pode cometer un erro así en Terceira División", laiouse o presidente do Estradense, que de gañar tería nove puntos e chegaría como líder ao derbi da Lomba.

O club non vai emitir ningunha queixa formal ante a Federación. "Xa se darán conta. Só espero que o árbitro pague polo erro que cometeu como pagamos nós cando fallamos", asegurou.

Tanto Toño Camba como o xogador Brais Calvo lembran como hai dous anos, tamén contra o Fabril, Piñeiro recibira unha patada nos testículos dentro da área que non fora sancionada.

Desta volta, Calvo cre que foi "unha auténtica animalada. Non é a primeira vez que nos pasa e vas onde a eles".

O centrocampista, que o viviu a xogada desde o banco, asegura que "o asistente tiña que velo tamén. Ben llo podería ter dito polo pinganillo. Eu pensei que pitara saque de porta. Cando vin que camiñaba cara ao punto dixen 'Non pode ser!".

No campo, o xuíz do partido díxolles aos xogadores locais que "lo pito yo. Si me equivoco me puede costar el descenso de categoría". O problema é que queda retratado", sentencia o atacante do cadro vermello.

Comentarios