«A ética no deporte acabouse»

A adestradora do CB Arxil, Maite Méndez, mostrouse brutalemente sincera na charla que pechou o ciclo 'Conversas na Uvi', que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo

Maite Méndez falando con Xaime Nogueira durante a cita de este martes. RAFA FARIÑA
photo_camera Maite Méndez falando con Xaime Nogueira durante a cita de este martes. RAFA FARIÑA

PONTEVEDRA. «O deporte obrígate a adquirir un compromiso coa sociedade. Aprendes con el uns valores que doutro xeito é moi complicado que aprendas». Algo semellante a isto pensaban os pais de Maite Méndez cando a animaron de cativa a facer deporte. Comezou co fútbol e coa bicicleta, máis en serio probou o balonmán, pero foi cando entrou, sendo rapaza, a xogar ao baloncesto no Casino Mercantil cando deu co xogo ao que acabaría adicando a súa vida. «Foi a miña perdición». A actual adestradora do Club Baloncesto Arxil compartiu onte, na Casa das Campás, lembranzas sobre as súas orixes e reflexións sobre o deporte actual nunha charla brutalmente sincera co xornalista Xaime Nogueira. Con ela pechouse a IV edición de "Conversas na Uvi", o ciclo que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo cada curso académico.

«A ética no deporte acabouse», contestoulle Méndez ao xornalista cando lle preguntou se, cando pisaba a cancha, sentía o respecto dos colegas tras máis de 20 anos de traxectoria. «Hoxe en día parece que vale todo e a min iso non me serve. Sóbranme os dedos da man para contar a canta xente considero compañeiros de profesión de verdade. Lévome ben con moitos, pero considero colegas a poucos. Se noto respecto? Francamente, pouco». Apremiada por Nogueira, Méndez explicou que a día de hoxe se tiña que enfrontar a pequenos detalles de xogo sucio entre clubs que non lle parecían propios da división de prata do baloncesto, na que milita o Arxil. «Son parvadas, cousas de nenos pequenos, sen sentido, que aspiran a desequilibrarte, a desconcentrarte, que che fan pensar se estás no patio dun colexio. Sen contar con eses membros de certos clubs que só por levar ese chándal azulgrana ou o que sexa pensan que o teñen todo gañado».

O xornalista preguntoulle a Maite Méndez se ela percibía machismo no deporte e se cría que se deran pasos a favor da igualdade nos últimos anos. «Os árbitros non te tratan igual. Iso é así. Como son muller non podo erguer a voz? Todos debiamos ser iguais para eles. Pero non o somos. Tampouco á hora das subvencións. Se queremos realmente igualdade, ténsenos que dar o mesmo a uns e aos outros. Hai que partir de aí», dixo. «Queda moitísimo por facer. Vanse dando pasos, pero eu pregúntome se son realmente sólidos ou se fan só cara a galería. Por que non hai aínda adestradoras na ACB? Véndese a autoridade no Mercadona ou que?».

«Por que non hai na ACB adestradoras? Véndese a autoridade no Mercadona? Pregúntome se a loita contra o machismo será só de cara á galería»

A adestradora repasou as orixes do Arxil e a loita continua do club por seguir adiante. «Cada temporada é unha aventura e un milagre», dixo. E falou tamén das dificultades da semiprofesionalidade tanto para ela como para as xogadoras, e da difícil relación cos pais no deporte de base. «Falta educación. O que pasa neste sentido non é outra cousa que un espello do que pasa na sociedade».

Comentarios