Eva Arias, o poder do atletismo na Sociedad Gimnástica

A atleta valdeorresa Eva Arias compatibiliza a súa paixón polo atletismo, que lle permite contar con máis de vinte metais en Campionatos de España absolutos, coa súa carreira política, que a levou a ser a actual número 3 do PSOE polo Ayuntamiento de Ávila
Eva Arias nunha competición atlética coa Gimnástica LUIS TOJAL/SOCIEDAD GIMNÁSTICA
photo_camera Eva Arias nunha competición atlética coa Gimnástica. LUIS TOJAL/SOCIEDAD GIMNÁSTICA

Eva Arias leva unha vida adicada ao atletismo, a loitar contra si mesma para mellorar e a conseguilo para subir ao podio dos Campionatos de España de forma sistemática, desde os 17 ata os 32 anos nas súas categorías, nos 1.500 ou, nos últimos anos, nos 3.000 obstáculos. A forma de concebir a vida que o atletismo lle deu levouna a afrontar unha das súas carreiras máis duras, a política. Hoxe é concelleira polo PSOE en Ávila. Eva Arias é a atleta política da Sociedad Gimnástica. Éo por convicción. "Deixar de lado a política pode ter consecuencias moi negativas para a sociedade". 

Desde pequena sempre tivo espírito activista e reivindicativo "coas causas perdidas. Cando vía algunha inxustiza na escola, estaba alí. E iso que era unha rapaza calada".

A educación de conciencia crítica por parte dos seus pais foi vital para formar a súa personalidade, que a levou primeiro ao Concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), onde se criou, e logo a Ávila.

Xa hai sete anos diso e non se arrepinte. "Os deportistas somos moi tenaces. Cústame decidir e cando tomo a decisión é con tódalas da lei. Non contemplo arrepentirme. Non podo defraudar ás persoas que confiaron en min... Aínda que é moi duro estar na oposición", porque en Ávila goberna Por Ávila, partido conservador abulense escindido do PP e liderado polo anterior presidente da Deputación por aquel partido.

Para ela o mundo da política é un mundo aínda por descubrir, un mundo complexo no que hai que dominar todolos resortes. E non é tan doado. Moverse no tartán sempre lle parecerá máis sinxelo.

"Aínda que nunca somos expertos absolutos de nada, o deporte, será polos anos de adicación que tiven, resulta máis sinxelo cá política, na que constantemente estou aprendendo. O descoñecemento do medio complícao todo: son unha deportista experimentada e unha política en aprendizaxe".

"Son unha deportista experimentada e unha política en aprendizaxe"

Defende a honradez dos seus compañeiros en política, dos que coñece, dos que a rodean. "Só podo falar do que vexo, non do que non vexo", e lembra unha verdade que pode resultar impopular ou difícil de crer. "A política a gran escala non está ben pagada. Os meus compañeiros, que están moi comprometidos, adícanse 24 horas ao día, 365 días ao ano. Loxicamente iso vai na persoa, pero como na empresa privada ou na administración: hai quen se implica máis e hai quen non", pero a responsabilidade é moi grande e o beneficio económico, non tanto.
 
Vindo do mundo do deporte, un mundo no que a competición é a base de todo, Eva non afronta a política nin o atletismo desde a rivalidade. "O atletismo víao dunha maneira persoal: atopaba algunha carencia e iso supuña que podía mellorar algo e iso faríame mellorar as miñas marcas. Non entendo a política como unha rivalidade: temos unhas políticas e un itinerario que queremos levar a cabo, pero non para rivalizar, senón para conseguir algo ao que nos comprometemos".

Non se plantexa ser alcaldesa. Só pensa en traballar, no seguinte día, no seguinte pleno, na seguinte sesión: como se constrúen as atletas, como cre que se deben construir os políticos. Dentro duns meses, iso si, o PSOE deberá pensar en definir candidatos para os próximos comicios locais de 2023.

E mentres segue no atletismo. Despois de tantos metais nacionais e dunha carreira brillante, na que estivo en clubs da talla do Chapín e o Valencia Terra i Mar, decidiu regresar a Galicia, ao ADAS primeiro e á Gimnástica, actualmente. Leva catro anos no club franxiceleste.

A súa actividade atlética comezou porque os seus pais, como persoas que viran mundo e sabían da importancia do deporte, llo recomendaron. Súa irmá maior facía ciclismo e a mediana, atletismo. "Como quería facer o que facía miña irmá a mediana, fixen atletismo".

"Deixar de lado a política pode ter consecuencias moi negativas para a sociedade"

Cando era nova, adestraba dunha maneira algo enxebre. "Non podía ir sempre ás pistas porque estaba co COU. O adestrador dábame instrucións para que eu adestrase pola miña conta. Dicíame: "Tes que facer tres 300 e eu dicíame ‘fago 1.000, que é máis ou menos a mesma distancia cós tres 300, e xa está'”, di entre risos para lembrar as orixes. Aquel adestramento permitiulle gañar en Galicia e brillar nos Nacionais xúnior cunha prata que lle fixo mudar a percepción do futuro.

"Tiven un adestrador xeneroso que non me reteu e non me coartou a progresión". Foi el o que enviou a instancia para que a admitisen no CAR de Madrid. Nun primeiro momento foi rexeitada, pero en setembro, ao sobrar prazas no centro, foi admitida.

Alí, outro adestrador notable dirixiu o seu camiño, Antonio Postigo. "Tiven moita sorte con el...Tiven moita sorte toda a vida. Soubo ver o meu potencial e soubo ser paciente. Non me reventou os primeiros anos. Soubo traballarme para que lograse obxectivos".

Así, desde os 18 ata os 32 foi podio en tódolos campionatos de España nos que participou: xúnior, sub-23 e absoluto. "Valoro a continuidade que supón non baixar do podio durante tantos anos. Ese saber adestrar con paciencia é vital. Ás veces non a temos porque queremos resultados rápidos e é o que acaba masacrando ás grandes deportistas. Ao mellor, nese momento non me decataba, pero agora valoro moitísimo esa maneira de facer as cousas comigo".

Cando a chamou Santi Ferrer hai catro anos, xa lonxe do elite, "non o dubidei. Cando levas moito tempo no alto nivel, hai que saber aturalo. E máis desde o punto de vista persoal. Estaba nunha dinámica que non me permitía baixar do podio, non me permitía o erro".

"Valoro a continuidade que supón non baixar do podio durante tantos anos"

Por iso foi para o ADAS novamente durante un par de campañas antes de recalar na Gimnástica. "Preferín estar nun club máis pequeno e deixar atrás tanta esixencia. Apeteceume a Gimnástica porque non era División de Honor, pero era Primeira División. Crecín competindo coas rapazas da Gimnástica, do Celta e do Lucus. Por que non? Ademais, estaría na terra".

Agora o seu compromiso é competir nas xornadas de liga. Tamén estivo nos campionatos de España por relevos mixtos. Iso si, fóra diso, non se propón moito máis, xa que entre os seus estudos das oposicións á administración do Estado e a carreira política, non lle dá a vida nin o tempo. E é que Eva é unha todo terreo. Titulada en Empresa, Marketing e RR PP e técnico en Contabilidade Financeira.

Superou a dificultade que moitos deportistas de alto nivel teñen de poder estudar e segue en tódalas frontes. Sobre todo, quere ter un colchón para poder ser independente, libre. "A min a política gústame. Pero para ser libre na miña opinión, teño que ter as costas cubertas. En ocasións hai disonancias dentro dun partido. Imaxinemos que a futuro acontece e que as miñas ideas me din ‘por aquí non paso’. Pode darse esa situación", comenta para explicar a necesidade da súa independencia económica.

"Moitas veces me preguntan cando deixarei o atletismo. Non o vou facer. O atletismo é unha forma de vida"

Pero antes que política, se cadra, é atleta. Algo que nunca deixará de ser, aínda que non corra. "Moitas veces me preguntan cando deixarei o atletismo. Non o vou facer. O atletismo é unha forma de vida. Non se ten que acabar porque profesionalmente non esteas ao máximo nivel. Non me poño data de caducidade. Calquera que lle guste algo, farao ata que poida. Será o corpo ou as miñas responsabilidades o que me impidan adestrar máis ou menos".

Deulle tanto, que non pode renunciar a el. "O atletismo é un lugar que acolle, un lugar de encontro entre idades e sexos", a súa casa.

Comentarios