Falece José Luís Méndez, "impulsor do remo" en Galicia

No ano 2013, a Xunta entregoulle a Distinción ao Mérito Deportivo polo seu labor pola promoción e o fomento da educación física en Galicia.
José Luís Méndez, deportista olímpico en  Roma 60 na especialidade de remo. DP
photo_camera José Luís Méndez, deportista olímpico en Roma 60 na especialidade de remo. DP
O histórico remeiro galego José Luís Méndez, participante dos Xogos Olímpicos de Roma en 1960, faleceu este venres aos 83 anos de idade, segundo informaron a Xunta e o Club Remo do Miño de Tui (Pontevedra), do que foi fundador e presidente. 

O secretario xeral para o Deporte do Goberno autonómico, José Ramón Lete Lasa, lamenta "profundamente" a morte de quen foi "impulsor do remo en Galicia" e "gran remeiro olímpico que dedicou toda a súa vida a traballar" polo deporte. 

Méndez, nacido en Pontevedra en 1937, participou nos Xogos Olímpicos de Roma en 1960 na modalidade de remo de catro con temoneiro e nos de Barcelona de 1992 como xefe do equipo español de remo. Ademais, a súa carreira continuou como fundador, presidente, adestrador, delegado e mecenas do Club do Miño de Tui. 

No ano 2013, a Xunta entregoulle a Distinción ao Mérito Deportivo polo seu labor pola promoción e o fomento da educación física en Galicia. Tras o seu falecemento, o secretario xeral para o Deporte trasladou o seu "pésame" a familiares, achegados e a todo o remo galego, en especial ao tudense. 

Pola súa banda, o Club Remo do Miño destacou de José Luís Méndez a súa "vida dedicada ao remo e aos seus deportistas", como "gran persona, mellor amigo e un exemplo para todos". 
"Foi unha honra poder compartir con Jose Luís momentos irrepetibles e aprender del todo o que nos ensinou, non só sobre o remo, senón tamén da súa bondade e bo facer. O seu legado quedará para todos nós e o seu sinal acompañaranos toda a vida", engadiu o club. 
 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios