Álex Fernández: "Fanme sentir coma un fillo"

▶ Álex Fernández recobra a ilusión da titularidade na Liga despois dun remate da temporada 2018-19 na que "parecía que me enterraban"

▶ O ourensán aspira a quitar a "dobre espiña cravada" da pasada campaña pola frustración do inteto fallido de play off e as súas lesións

Álex Fernández presionado por un xogador do Tenerife no triangular disputado en Pasarón. EMILIO MOLDES
photo_camera Álex Fernández presionado por un xogador do Tenerife no triangular disputado en Pasarón. EMILIO MOLDES

A finais de maio, Álex Fernández atopábase na meirande parte das quinielas como inminente baixa do Pontevedra Club de Fútbol para a campaña 2019-20. "Parecía que me enterraban", lembra o centrocampista ourensán. Hoxe, a tres días do comezo do curso, apunta á titularidade do partido do sábado en Pasarón contra o Coruxo FC.

"Aquí sigo, e sigo porque o trato é excepcional, de dez. Oxalá poida estar os máis anos posibles, porque paga a pena de verdade. Desde o primeiro ano, desde o minuto un, o club e a afección fixéronme sentir coma un fillo", expresa o centrocampista, desexoso de esgotar xa o tempo de pretemporada. "Ao xogador gústalle que os partidos conten canto antes como tres puntos. Aínda que son curtas, as pretemporadas fanse eternas".

Álex Fernández: Ao xogador gústalle que os partidos conten canto antes como tres puntos. Son curtas, pero as pretemporadas fanse longas

Para Fernández o curso que comeza é un dobre reto despois da dobre desilusión do pasado recente. "Unha dobre espiña cravada, por non poder alcanzar o play-off co equipo e, no individual, por un ano moi afectado polas lesións. O míster estaba a confiar en min e tiven a lesión que me truncou todo o ano", apunta botando a mirada atrás.

Álex Fernández apunta á titularidade ante o Coruxo FC

O verán foi produtivo. Ou iso pensa o veterán futbolista granate. "Como o resto do equipo, fun de menos a máis. O Pontevedra está preparado. Hai cousas que apuntalar, como en tódolos conxuntos, pero iso conseguirase co paso dos partidos. A pretemporada foi enfocada para ir de menos a máis: ao final quedamos con vitorias e boas sensacións".

A afección tivo momentos de dúbidas pola imaxe ofrecida nos primeiros encontros de verán. O medio centro granate é comprensivo. "Enténdoos perfectamente. Ao afeccionado o que lle gusta é ver gañar ao seu equipo, desde o minuto un, non só en partidos oficiais . E ás veces escápanlle detalles sobre a carga de traballo dos xogadores".

E é que, lembra, o obxectivo do verán é chegar nun momento adecuado para afrontar o primero encontro. "O Real Madrid fixo unha pretemporada moi mala e chegou á primeira xornada de Liga e meteulle tres ao Celta na casa. O espectador do Madrid xa non lembrará os partidos que perdeu o equipo en Estados Unidos", comenta achegando un bo exemplo.

Álex Fernández: O Real Madrid meteulle tres ao Celta no primeiro partido de Liga e xa ninguén lembra as derrotas en Estados Unidos

Iso si, ata agora foron o ruxe ruxe e as dúbidas. Coa chegada do Coruxo, comeza a esixencia de verdade. A presión, para o bo e para o malo, de Pasarón. "Aínda que fixésemos unha pretemporada excepcional, se non empezamos ben, despois imos ter que ir a remolque. Acadar os tres puntos contra o Coruxo é fundamental para o obxectivo".

E aínda que non se atreve a dicir a palabra ascenso, sabe que ese é o camiño que marca Lupe Murillo. "A presidenta deixouno claro: o equipo vai intentar acadar os tres puntos en cada partido".

Para aspirar a todo, o PCF debe crecer a domicilio. "Estamos a traballar a nivel mental e táctico. O corpo técnico está a incidir en como mellorar fóra da casa, que foi o que nos condicionou a temporada pasada. Este equipo pode tratar de ti a calquera e máis nesta categoría, na que está demostrado que non hai grandes diferenzas".

Comentarios