A festa do ciclocrós continúa esta fin de semana en Pontevedra

A Illa das Esculturas acollerá a celebración do Gran Premio Cidade de Pontevedra ► "Esta proba ábrenos as portas para poder organizar o Europeo", insistiu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández
Presentación do evento. DP
photo_camera Presentación do evento. DP

O deporte da bicicleta atravesa un momento doce e Pontevedra está a converterse, tamén, en referente como sede de importantes eventos. Tralo espectáculo vivido a pasada fin de semana no Hipódromo de Campañó coa celebración do V Trofeo Concello de Pontevedra (incluído dentro da Copa Galega da disciplina), a festa do ciclocrós continuará este sábado 9 de outubro na Illa das Esculturas coa proba inaugural da Copa de España 2021: o Gran Premio Cidade de Pontevedra, un evento de carácter internacional C1 (o primeiro deste nivel que se desenvolve este ano en todo o territorio nacional) no que participarán máis de medio milleiro de corredores procedentes de sete países diferentes, desde Holanda e Bélxica ata Portugal ou a República Checa.

A competición, organizada pola Federación Galega de Ciclismo grazas á colaboración da Concellería de Deportes e a Deputación Provincial, contará con nomes tan destacados como o de Felipe Ort, actual campión de España de Ciclocross Elite; David Van der Poel, ciclista neerlandés membro do equipo Alpecin-Fenix; Lucía González, actual campioa de España de Ciclocross Elite, e a famosa ciclista belga Laura Verdonschot. Entre as figuras de renome que participarán no evento tamén estarán a asturiana Aida Nuño, a ciclista máis laureada da historia do ciclocrós feminino español, e os galegos María Filgueiras, corredora cadete do Meruelo; Laura Mira, ciclista xuvenil do Froiz, e Miguel Rodríguez Novoa, deportista sub 23 do Froiz.

O Cidade de Pontevedra foi presentado esta mañá de mércores na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que tomaron parte o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial Manuel González; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; o director da carreira, Alberto del Río, e a ciclista local Irene Trabazo, campioa de Galicia e madriña da proba.

Segundo explicou Fernández, os adestramentos e competicións de categorías internacionais Júnior, Elite e Sub 23 celebraranse pola mañá, entre as 9:00 e as 13:45 horas, mentres que os das nacionais Cadete e Máster 30/40/50/60 terán lugar pola tarde, entre as 15:00 e as 18:00 horas (con entregas de premios ao final de cada proba).

cartelAs carreiras desenvolveranse nun circuíto de 3.200 metros, rápido e vistoso, composto por un 65% de prado, un 25% de terra e un 10% de asfalto, dotado de dúas zonas de obstáculos artificiais, unha escaleira e un paso con tablóns. Como vén acontecendo con tódolos grandes eventos deportivos que está a acoller a nosa cidade, este Gran Premio contará cuns estritos protocolos anti Covid: tódolos ciclistas participantes terán que presentar un test negativo realizado entre 24 e 72 horas antes do evento e o uso de mascarilla (debidamente colocada) será obrigatorio para público, técnicos e deportistas que non estean na súa manga de competición.

CAMPEONATO DO MUNDO. Alberto del Río subliñou que, trala acollida de competicións cada vez máis relevantes nestes últimos tres anos, a organización desta proba internacional C1 da Copa de España en Pontevedra supón "un chanzo moi importante, anterior a poder optar a unha Copa do Mundo, un Campionato de Europa ou un Campionato do Mundo". Segundo aclarou o director da carreira, "en España só contamos nesta tempada con tres probas deste tipo de categoría, que son as que dan puntos para os ránkings que se teñen en consideración para a Copa do Mundo" e que, polo tanto, atraen aos ciclistas estranxeiros, que se moven moito por Europa buscándoas.

Neste sentido, Juan Carlos Muñiz anunciou a intención da Federación de presentar a candidatura da cidade para acoller o ansiado Campionato de Europa de Ciclocross de 2023-2024.

 "Esta proba ábrenos as portas para poder organizar o Europeo", insistiu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

Comentarios