"O fillo parvo ao que tes que querer"

Desilusión, incredulidade e enfado son as sensacións dos seareiros do Pontevedra antes do partido ante o Oviedo B ► Os seguidores, partidarios de animar ao equipo os 90 minutos do encontro e amosar o seu malestar ao rematar
Afeccionados do Pontevedra contemplando o último partido en Pasarón contra o Sporting B. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Afeccionados do Pontevedra contemplando o último partido en Pasarón contra o Sporting B. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha amalgama de sentimentos, ningún positivo, póboa o seo do colectivo de afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol antes do último partido da campaña, no que o equipo granate xoga evitar o descenso a Terceira División.

Enfado, inquedanza, desilusión, incredulidade ou pesimismo son algunhas das sensacións que transmitiron membros de algunhas das peñas da entidade, que representan en gran medida o pensamento xeral dos fieis de Pasarón, que en moitos casos tamén manifestaron desacougo e malestar a través das redes sociais.

Iso si, a intención dos que acudan ao campo o domingo será a de animar e deixar a gorxa para axudar ao equipo durante os 90 minutos. E despois, expresar todo o que lles pida o corpo tras unha temporada con resultados que estiveron lonxe do obxectivo inicial.

Manu Suárez, integrante da peña Seareiros Granates, non é nada optimista de cara á fin de semana, a tenor do acontecido. "Eu véxoo moi difícil. Paréceme incrible chegar a 90 minutos de poder baixar de categoría con este plantel", apunta antes de admitir a inquedanza polo posible descenso é unha sensación superada por outras:

"Nervioso si, pero a ilusión está destruida desde hai meses. Este ano non temos plantel para pelexar por isto". 

Por iso, Suárez asegura que "estou moi decepcionado", algo que acaba converténdose en tradición no Pontevedra dos últimos tempos e que para el ten uns claros responsables. "É a enésima ocasión. Este ano había moita ilusión. Era máis doado subir a Segunda. Foi outro chasco máis. A min o que me raia é o consello: Lupe e esta xente non nos van levar a ningures. Non o dan todo por facelo o mellor posible. Esa é a maior frustración", expresou, crítico co consello de administración.

Secomasí, o integrante de Siareiros Granates ten moi claro que non hai desgusto que o vaia arredar do seu equipo. "Falabámolo o outro día compañeiros da peña: o Pontevedra é o fillo parvo ao que tes que querer": 

Desgraciadamente, polo horario e os seus compromisos laborais, Manu non vai poder estar o domingo no seu asento en Pasarón. Pero si sabe o que cre que vai facer a afección. "Falouse no grupo da peña sobre iso: vai ser unha incógnita. Si que se debería de animar. Eu sempre fun de animar, pero este ano tamén era dos primeiros en protestar cando remataba o partido. Dábame a impresión de que estaban a rir de nós", dixo sobre os xogadores.

Por iso, así como cre que deben ser animados durante o partido, Suárez ten claro que os futbolistas van levar unha boa pitada ao rematar. "Así gañen 7-0, van chupar a de Deus. De feito, non quero pensar o que vai pasar se se baixa, pero sería un punto de inflexión de historia do club". 

Manuel Súarez, membro de Siareiros Granates: "Paréceme incrible que cheguemos a 90 minutos de poder baixar de categoría con este plantel" 

FONDO GRANATE. Kiko Alonso é un dos máis veteráns peñistas de Pasarón. Presidente da peña Fondo Granate, Alonso ten clara a definición da actual campaña.

"Este ano foi un fracaso total. Tal e como se plantexou a temporada, e tendo en conta os resultados, non hai outro calificativo". 

O presidente de Fondo Granate ten claro que o equipo estivo por debaixo de calquera expectativa. "Segundo dixeron, era o mellor equipo da categoría, pero será para nos descender a Terceira". 

E vendo os antecedentes e pulsando o ambiente na rúa, percibe que "a xente está totalmente desanimada e ve moi complicada a permanencia, sobre todo vendo o que vimos nos últimos partidos". 

O papel da bancada pode ser relevante o domingo. "A única vantaxe que imos ter é que meteremos 3.000 persoas en Pasarón que van achuchar". 

De aí que vaia acudir a Pasarón a empurrar aos xogadores. "Eu vou dalo todo. Non sei o equipo. Espero que esteamos animando todo o partido e ao final, pase o que pase, a xente diga o que queira. Hai que mover á bancada para que os xogadores teñan un pouco máis de forza", expresou Alonso, que teme que haxa manifestacións críticas durante o encontro por parte da bancada. "A xente ten pouca paciencia. Ben, en realidade este ano tivo bastante, aguantou toda a temporada con este chaparrón". 

Nesa liña, expresou que "non son partícipe de berrarlles aos xogadores. Cada un no seu traballo faino o mellor que pode: imaxino que os xogadores igual, pero un tirón de orellas non lles viña mal desde o primeiro ao último, e non falo só deles". 

Alonso foi crítico con diferentes estamentos do club. Tamén o foi con Luisito. "Foi un erro moi grande volver fichar a Luisito. Por que volve? Pediu perdón, si. Perdóote, pero aquí non regresas", expresou, facendo referencia ás verbas nas que criticou a un sector da afección ao remate da súa anterior etapa na casa granate.

Tamén tivo palabras para a política social do club. "Hai anos que falta comunicación cara aos afeccionados. No aspecto social Lupe Murillo fai as cousas mal. E cando é así, hai que dicirllo". 

Kiko Alonso, presidente de Fondo Granate: "Eu vou dalo todo. Non sei o equipo. Pero espero que esteamos animando todo o partido e, ao final, a xente se exprese como queira" 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios