Punto e final a un dos maiores espectáculos deportivos que se pode presenciar na comarca. O Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de taekwondo botou este domingo o telón despois de dúas intensas xornadas de actividade no Pavillón Municipal dos Deportes.
Foi a despedida para unha edición das máis especiais, o vixésimo quinto aniversario, as vodas de prata do torneo. A mellor proba de que está totalmente asentado dentro do calendario deportivo á beira do Lérez.
A segunda e definitiva xornada serviu para que comparecesen en escena os competidores das categorías cadete na modalidade de combate. Ademais, tamén se levaron a cabo as competicións de técnica que non se celebraran na xornada inaugural e, como colofón, xa na sesión vespertina, foi o momento para os taekwondistas de freestyle en tódolos grupos de idade.

Foi unha ocasión moi especial para que os deportistas dos clubs pontevedreses e da comarca que estiveron representados na cita puidesen poñer en prácticas as súas habilidades e manifestasen sobre o tapiz a súa evolución nunha competición especial para eles. Os mellores especialistas da contorna puideron ter a oportunidade de competir diante da súa xente. O campionato, organizado polo Mace Sport, recibiu a visita das autoridades locais.
Non en van, trátase duns eventos máis multitudinarios que se producen á beira do Lérez en calquera modalidade deportiva. Máis de 1.300 representantes procedentes de máis de un cento de clubs pasaron nos dous días polas instalacións da cidade para gozar da experiencia na disputa dunha posición de podio e un metal ou simplemente co obxecto de mellorar as súas prestacións e medirse con deportistas cos que non sempre teñen a posibilidade de facelo.

Nese senso, o Torneo Internacional Cidade de Pontevedra permite a convivencia de clubs de diferentes puntos da xeografía galega, española e portuguesa.
E ademais nesta oportunidade achegáronse a Pontevedra loitadores doutras latitudes e de tres continentes diferentes. Bélxica, Perú, Alxeria e Guinea tiveron representantes no Municipal dos Deportes de Pontevedra.
Malia a redución do número de xornadas do evento, que chegou a dispoñer de catro días de espectáculo, o certame transcorreu de forma brillante.

Ademais dos taekwondistas, o Municipal dos Deportes contou coa presenza de centenas de persoas que se achegaron para ver o espectáculo. Entre os propios protagonistas, técnicos, acompañantes e afeccionados, as bancadas ofreceron unha grande imaxe.