O final de ano de Pablo Dapena, en perigo

Molestias no abductor poderían impedirlle correr nos tres últimos Challenges do curso
Pablo Dapena saíndo do seu domicilio para adestrar coa bicicleta. RAFA FARIÑA
photo_camera Pablo Dapena saíndo do seu domicilio para adestrar coa bicicleta. RAFA FARIÑA
Inmerso na batalla por conseguir o seu segundo título no prestixioso circuito de probas de longa e media distancia Challenge, Pablo Dapena atopou o peor inimigo no treito final da temporada: os problemas físicos.

O triatleta pontevedrés padece unhas molestias musculares no abductor que comprometen a súa participación nas tres probas finais, nas que intentará lograr a maior puntuación posible para afianzar a súa praza de podio na clasificación xeral (actualmente é segundo) e, se o actual líder, Patrick Lange, llo permite, facerse co primeiro lugar da táboa.

A doenza de Dapena vénlle das xornadas precedentes ao Challenge Almere, proba que constituíu o Campionato do Mundo de Longa Distancia, celebrado hai dous domingos. "Xa na semana anterior á proba tiña unha molestia. Andei con precaución uns días e puiden facer a carreira sen dor. Pero desde entón non voltei correr máis", lembrou.

"Na semana anterior á proba de Almere tiña unha molestia. Puiden facer a proba sen dor, pero desde aquela non puiden correr máis"

Actualmente está a tratar a inflamación da zona afectada coa esperanza de que o corpo lle dea unha tregua. "O fisio recomendoume que esta semana non correse", relatou Dapena, para o que os prazos van máis axustados ca nunca, tendo en contra que nas tres primeiras fins de semana de outubro ten tres probas consecutivas de distancia 70.3: o día 3 en Salou (onde competirán o propio Lange e Fernando Alarza), o 10 en Montenegro e o 16 en Praguera (Mallorca).

O seu obxectivo é participar en todas coa fin de "descartar algún resultado malo".

Dapena expresou que nos adestramentos previos a Almere se "estaba a atopar ben. Non me custaba correr rápido, que é o principal temor que che asedia cando preparas unha proba de longa distancia".

Agora "está todo no aire", condicionado á evolución da súa saúde. A semana pasada descansou. "Precisaba un break mental e físico". E esta semana principiou a realizar traballo específico coa bicicleta e a natación, actividades nas que non sente molestias, ao non ter que realizar impacto.

Cando menos, as probas que realizou desbotaron unha rotura muscular, que sentenciarían a súa campaña.

"Vou mudar cousas da bicicleta, pero teño que valoralo ao remate da temporada"

Nun mes rematará a temporada e entón comezará xa a traballar para mellorar o seu desempeño sobre dúas rodas. "Quédame moito para ser consistente en 180 kilómetros de bicicleta", analiza ao respecto do seu punto feble do ironman.

De aí que vaia ao Velodromo Luis Puig de Valencia o 21 de outubro para facer probas aerodinámicas e mellorar no material a empregar.

Non será o único troco. Tamén na forma de adestrar. "Vou mudar cousas. Pero teño que valoralo ao remate da temporada. Agora hai que pensar no que queda, que son tres semanas", analizou o deportista lerezán.

"Van participar todos. Vai estar moi difícil, independentemente de que poida correr. Podo facer primeiro, como facer cuarto ou quinto".

Comentarios