A final da Copa Galicia de fútbol sala xogarase en Marín

O Marín Futsal e o Cidade de Pontevedra enfrontaranse na primeira ronda da Copa Galicia feminina desta próxima tempada  O vencedor atoparase co Poio Pescamar en cuartos
Xogadoras do Marín Futsal celebrando unha vitoria nos playoff de ascenso a Primeira 2020-21. RAFA FARIÑA
photo_camera Xogadoras do Marín Futsal celebrando unha vitoria nos playoff de ascenso a Primeira 2020-21. RAFA FARIÑA

O pavillón de A Raña será a sede das finais da XV Copa Galicia de fútbol sala. Así foi decidido pola Federación Galega de Fútbol durante a mañá do xoves nunha reunión realizada por vía telemática na que tamén se sortearon os enfrontamentos das fases previas e a formación do cadro do torneo. Tanto a final masculina como a feminina terá lugar o día 17 de maio en Marín. No día das Letras Galegas decidiranse os novos reis do fútbol sala autonómico.

A Copa Galicia feminina comezará entre os días 4 e 5 de setembro nunha fase previa na que se disputará o primeiro derbi pontevedrés entre o Marín Futsal e o Fútbol Sala Cidade de Pontevedra. Outros dez equipos pelexarán polo campionato, por levantar o título de campión. O torneo terá catro fases: previa, cuartos de final, semifinais e final.

O Marín e o Cidade de Pontevedra enfrontaranse na fase previa e o gañador do encontro verase as caras co seu veciño, o Poio Pescamar, que está clasificado directamente a cuartos de final e vén co obxectivo de chegar o máis lonxe posible para superar o rendemento da tempada anterior (eliminado en semifinais contra o Ourense CF Envialia tras unha derrota por catro a un).

Este encontro de cuartos de final entre o Poio e un dos seus veciños da Ría de Pontevedra celebrarase a fin de semana do 11 de setembro. O conxunto que saia vencedor deste segundo derbi pontevedrés pasará a unha semifinal que aínda non ten data exacta, pero está previsto que se xogue entre o 22 de decembro e o seis de abril.

MASCULINO. O cadro masculino conta cun maior número de equipos, un total de 33 clubes xogaranse o trono galego de fútbol sala isto provoca que este campeonato conte cun maior número de ronda previas. A Copa Galicia masculina terá tres fases previas, cuartos de final, semifinais e final.

O Leis Pontevedra enfrontarase na primeira fase, que se disputará a fin de semana do 4 de setembro, ao Pazos de Borbén, equipo de preferente do que proveñen varios xogadores do clube pontevedrés. Unha semana despois, na segunda ronda terá que verse as caras contra un equipo da Ría de Vigo, ou ben o Campito F.S., ou ben o IES Coruxo.

A terceira xornada da fase previa xogarase o oito de decembro e un mes despois, o 9 de decembro, uns cuartos de final nos que o Noia está a esperar ao Leis. Pola outra parte do cadro atópanse o Bueu e A Estrada que se poderán enfrontar na segunda ronda da fase previa. O Santiago Futsal sería o rival dun dos dous equipos en cuartos de final.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios