O fondo da Ría ten dúas perlas

A pontevedresa do San Miguel de Marín Sabela Castelo logrou o ouro no Campionato de España de cros sub-16 e estivo acompañada pola portonovesa da Sociedad Gimnástica Sabela Martínez, que rematou con bronce. Ámbalas dúas revelaron o gran potencial do futuro do fondo na comarca
Sabela Martínez e Sabela Castro, o luns á beira do Lérez. DAVID FREIRE
photo_camera Sabela Martínez e Sabela Castro, o luns á beira do Lérez. DAVID FREIRE

O fondo pontevedrés ten o futuro asegurado e nome de muller: Sabela. Sabela ao cadrado: Sabela Castelo e Sabela Martínez. Foron ouro e bronce nacional de cros sub-16 por autonomías. En Pamplona, a pontevedresa do San Miguel de Marín e a portonovesa da Gimnástica subiron ao caixón e fixeron izar na súa honra a bandeira galega a pasada fin de semana.

Son dúas das maiores promesas do atletismo galego e das mellores de España nas súas distancias. E desde a fin de semana xa son dúas grandes amigas. As dúas compartiron habitación en Pamplona antes da proba que as coroou na élite nacional. As dúas destacan pola súa humildade, discreción e paixón polo atletismo, virtudes que os seus pais intentan canalizar como actividade complementaria para a súa educación académica, que as dúas conducen con éxito polo de agora.

Sabela Martínez era ximnasta no Rítmica Salnés de Sanxenxo cando principiou a ir a carreiras con seu pai, José Manuel, atleta popular, e súa irmá. Xa daquela amosaba boas maneiras, así que pasou ao Club Ciclista Corbelo para correr. Alternaba unha hora de atletismo e dúas de ximnasia.

Pero a cousa comezou a ir a máis e acabou meténdose nun grupo de adestramento a distancia de Portonovo liderado por Víctor Riobó. O ano pasado decidiu dar o último paso e probar con adestrador presencial. Riobó derivouna a Manuel Hurtado. Desde o principio destacou ás ordes do lucense.

En setembro fixo licenza coa Sociedad Gimnástica. Ten a segunda mellor marca do ano de 600 metros, a mellor de 1.000 e a terceira de 3.000 de España na súa categoría, o que demostra a súa versatilidade. O mellor de todo non é o boa que é, senón o que goza. "Gústalle, está super motivada, está contenta e ten un gran adestrador e gran persoa", explica o pai.

Xa é campioa de Galicia de 1.000 metros en pista cuberta e subcampioa galega de cros.

O seu técnico, Manuel Hurtado destaca a personalidade das dúas amigas. "Pásano ben, sempre están rindo. E iso é o máis importante. Sabela (Martínez) sempre está moi leda e ten moita enerxía positiva para o grupo". Non lle estrañou o seu bronce, porque vía a súa evolución ("Fixo unha mellora exponencial". De feito, baixou 18 segundos a súa marca de 1.000 en nove meses).

Pásano ben, sempre están rindo. E iso é o máis importante"

O técnico non pensa en grandes horizontes, só se centra en darlle instrumentos para que poida gozar e mellorar. "O importante é que ela dentro de dez anos, se quere, siga facendo atletismo. Agora é unha das mellores da súa categoría de España, pero non asegura que no futuro vaia ser así, porque isto depende de moitos factores".

Sabela Castelo principiou ben nova no atletismo, primeiro facendo marcha con Pardal, logo pista no Vila de Cangas co equipo de Calvar e hai uns anos mudouse ao San Miguel de Marín ás ordes de Carlos Landín.

É tan discreta que no seu instituto non teñen nin idea do nivel atlético, revelan seus pais, que pronto viron que o atletismo é a mellor maneira para canalizar a súa enerxía.

Orgullosos dos valores e das amizades e a solidariedade que se respira no atletismo, non obvian os grandes apoios de súa filla, como o de Soledad Leiro, a súa "madriña" deportiva.

O seu técnico, o histórico Carlos Landín, cre que ten un talento natural magnífico.

"É unha das rapazas con máis clase correndo que coñecín", e destaca a súa naturalidade na súa maneira de facer as cousas. "É descoñecedora das súas capacidades. Como un diamante, vaise descubrindo a ela mesma a medida que se vai pulindo". Iso si, sabe que hai que ser prudentes.

A súa historia por agora é dificilmente máis brillante. Landín lembra que non perdeu ningunha carreira na súa categoría aínda.

Landín non quere incorrer en análises precipitadas e sabe que "a chave para que dentro de catro anos dea un gran nivel é que ela continúe coa mesma ilusión e interese que ten agora". Só pode dicir que "é a rapaza que adestrei con mellores aptitudes para a resistencia". Dúas perlas do futuro que xa brillan en Pontevedra.

Castelo selecciona e Martínez remonta

O Campionato de España de cros de Pamplona foi unha revelación para as dúas Sabelas: descubriron onde está o seu potencial nun ámbito estatal.

"Eu non pensaba que fose gañar. Cría que podía estar diante, pero non imaxinaba que fose ser a primeira", admite Castelo, que foi a encargada de facer a selección da proba despois dunha volta inicial algo máis lenta en pelotón.

Martínez ("para nada agardaba ser terceira. Foi unha sorpresa para min") debeu facer gala de capacidade agonística nunha proba na que fixo o acordeón na clasificación ata ser terceira.

"O circuito era moi duro, cunha zona de costas nas que practicamente tiñas que escalar", lembra Castelo, que rachou a carreira co paso dos metros, sen resposta das súas rivais.

O circuito era moi duro, cunha zona de costas nas que practicamente tiñas que escalar"

O seu éxito cociñouse na habitación que compartiron ámbalas dúas rapazas. Tiveron que solucionar problemas cos cravos, colocar os correctos para adaptalos ao chan brando pola chuvia do circuíto, probar as equipacións e despois fixeron algúns bailes en equipo para destensar antes de iren durmir. Traballo en equipo.

Co ouro e o bronce, as dúas preparan con confianza o nacional de Ourense en pista cuberta da fin de semana, desta volta en probas diferentes (1.000 para a ximnástica, 3.000 para a do San Miguel). Martínez confía plenamente no ouro da súa tímida compañeira. As dúas teñen serias opcións de podium.

E as dúas gozando por diante de todo: "corro porque me gusta correr. Non teño ningún obxectivo ", di a de Portonovo. E agardan seguir anos facéndoo, sentenciando xa como os deportistas consolidados. "Espero poder seguir ata que o corpo o permita. Oxalá que sexa por moito tempo".

Comentarios