Sen formación non hai éxito

O Cisne incrementa o número de deportistas e mantense como principal referencia competitiva nas categorías base de Galicia. O papel do Colexio Los Sauces é esencial na política de educación deportiva do club branco

Poucos clubs de Galicia de calquera deporte poden presumir do dominio que ten o Club BM Cisne Los Sauces nas categorías base.

A entidade, presidida por Santi Picallo desde hai máis de 30 anos, é o principal referente do balonmán galego nas competicións de base. Na última década leva acumulando títulos galegos nas tres categorías maiores: infantís, cadetes e xuvenís, como consecuencia dunha política na que o producto da casa é esencial en tódolos aspectos, non só no social.

Así, o club pode presumir de construir unha primeira escadra de elite con vimbios da casa.

Nesa forma de ver o balonmán na que a mocidade é un valor imprescindible, o Cisne ten o maior aliado no Colexio Los Sauces. O feito de poder dispoñer de rapaces internos no centro que concilian a súa formación académica coa deportiva, permítelle ao club captar talento de todas partes de Galicia e, nos últimos anos, doutros currunchos de España. Marko Ojeda, Carlos Ocaña, Abián Rodríguez ou André de Moura son a constatación desta apertura de fronteiras autonómicas.

Eses talentos únense aos de Pontevedra e da comarca, que van construíndo desde as idades máis pequenas a entidade. 162 nenos e nenas forman hoxe a base do Cisne, unha cifra superior ao curso pasado que serve para elaborar dez equipos nas diversas categorías e contar con dúas escadras femininas. O incremento progresivo de rapazas fai que a súa presenza estea lonxe de ser unha anécdota.

A variante competitiva do Cisne é fundamental, pero a social ten tamén un gran valor. O fortalecemento da masa de seareiros pasa pola crecente presenza de rapaces nas categorías menores.

Pablo Sixto é o coordinador da canteira e conta á súa beira cun equipo de técnicos titulados, moitos deles con pasado e formación deportiva no propio club.

No seu 60 aniversario, o Cisne non desbota dar a sorpresa e pelexar polo ascenso a Asobal no treito final do curso (nun ano funesto canto a lesións), obtivo o título autonómico xuvenil e podería selar o cadete a próxima fin de semana.

Entre a súa actividade anual non falta a organización do Memorial Manuel Luaces e o Torneo Internacional, en colaboración co Concello e a SD Teucro.

O club ten tamén un acordo co CAFyD da UVigo para realizar estudos de seguimento do rendemento físico dos deportistas.

Un itinerario claro e ben trazado que lle permite ao Cisne vivir a mellor etapa da súa historia.

Comentarios