A fórmula volve resultar

O Pontevedra gañou en Oviedo por 0-1, idéntico marcador ao que colleitou nas súas derradeiras catro vitorias a domicilio ▶ Non encaixar fóra segue sendo sinónimo de triunfo
Romay e David Castro celebran o 0-1 en Coruxo a pasa tempada. GONZALO GARCÍA
photo_camera Romay celebra o 0-1 en Coruxo a pasa tempada. GONZALO GARCÍA

O Pontevedra aplicou a fórmula de sempre e esta vez, funcionoulle de idéntico xeito que os derradeiros precedentes con éxito. O conxunto granate logrou a primeira vitoria do curso fóra da casa da mesa forma que colleitou as últimas catro lonxe de Pasarón: mantendo a portería a cero e anotando un só tanto.

O 0-1 é a ecuación que resolve o crebacabezas do Pontevedra nos derradeiros choques a domicilio. Non encaixar e aproveitar as poucas (ou moitas) ocasións que se teñan. Esa foi a máxima en Oviedo, potenciada por quedar con dez homes moi cedo. E ese plan foi tamén o do equipo ante o Castilla, Coruxo, Fabril e Celta B en Valdebebas, O Vao, Abegondo e Barreiro, respetivamente.

Once vitorias
Luismi Areda suma once triunfos fóra co PCF e en todos eles anotou antes co rival.

Todos estes choques mencionados tiveron lugar no 2019, no que o PCF non sabe facer outra cousa que gañar por 0-1. Seis son as vitorias granates como visitante neste ano natural. E todas elas adiantándose no marcador e pechando a porta de Edu.

Tanto é así que o Pontevedra sabe que se non encaixa, gaña. A tempada pasada, o equipo dirixido por Luismi venceu nas seis saídas nas que deixou ao rival seco (ás xa mencionadas únense o 0-1 de Burgos e o 0-2 de Fuenlabrada). E a campaña anterior, a 17-18, sucedeu o mesmo contra Atlético B (0-2) e Navalcarnero (0-2), os únicos encontros lonxe da Boa Vila nos que o PCF non encaixou.

Así, desde a chegada de Luismi Areda ao banco granate, o Pontevedra logrou once triunfos fóra. En nove deles Edu non apañou gol. E nos once o PCF comezou marcando. De feito, tan só en Coruxo (2017-2018) non gañou un partido no que se puxo por diante (1-1 final).

OVIEDO, UN PASO MÁIS. "Tenemos que defender más arriba que en Ibiza para poder hacer daño al Oviedo B", apuntaba Luismi Areda durante a semana pasada. Dito e feito. Cun xogador menos no campo, o conxunto granate foi valente e tratou de chegar á portería rival co balón, sen descoidar a súa propia meta.

Para dar ese paso adiante foi fundamental a aportación de Manuel Romay coma mediocentro. O de Malpica pasou de estar desconectado do xogo na primeira metade a ser o canalizador do fútbol ofensivo granate, ao conectar polo sector esquerdo do ataque cun Pedro Vázquez moito máis activo e un Álex González que se desfondou para cubrir os 100 metros de banda de abaixo a arriba e viceversa.

Así mesmo, con Bustos algo fóra do choque nun perfil dereito polo que non pasaba o xogo, a entrada de Adighibe tivo un impacto notorio no partido. O nixeriano comezou a ser unha amenaza máis perigosa para a defensa do filial polo seu físico.

Ademais, Edu Sousa voltou ser o das grandes citas cunha parada espectacular a Javi Cueto que evitou o 1-0 e varias boas intervencións a maiores. E nese papel defensivo do equipo tamén tivo especial relevancia Alfredo Mejía, que debutou de titular coa camisola granate e cumpriu nos 60 minutos como improvisado lateral dereito.

Calendario. Outubro, o mes dos filiais
O encontro ante o Oviedo B foi o primeiro do ciclo que o Pontevedra Club de Fútbol ten que afrontar contra filiais. En concreto, serán catro máis os conxuntos contra os que o PCF deberá medirse de xeito consecutivo.

Tras o duelo na cidade Vetusta, o conxunto da Boa Vila inicia o mes de outubro recibindo ao Atlético de Madrid B. Unha semana despois viaxará á capital de España para medirse ao outro gran filial madrileño da categoría: o Real Madrid Castilla.

Unha vez xogue en Valdebebas, Pasarón acollerá o partido entre o seu equipo residente e o Getafe B. Será o terceiro duelo consecutivo contra un madrileño e o cuarto ante un filial.

Para pechar un outubro de filiais, Luismi Areda e os seus rapaces viaxarán a Vigo, onde lles agardará o enfrontamento contra o Celta de Vigo B.

Un B máis
Deste xeito, tras a xornada 10, o PCF xa terá xogado con seis dos sete equipos B que este ano militan no Grupo I de Segunda B, pois a todos eles se lle une o Sporting de Gijón (2-1). Así, a partires desa data, só lle quedará un encontro contra un equipo non matriz: o que terá que disputar na xornada 16 nas Illas Canarias ante o Las Palmas Atlético.

Comentarios