Domingo. 21.04.2019 |
El tiempo
Domingo. 21.04.2019
El tiempo

Forte ante os grandes

Os xogadores granates celebrando o 3-1 contra o San Sebastián de los Reyes. RAFA FARIÑA
Os xogadores granates celebrando o 3-1 contra o San Sebastián de los Reyes. RAFA FARIÑA

O Pontevedra conseguiu seis triunfos contra os seus rivais na pelexa pola promoción

O Pontevedra está máis vivo ca nunca na pelexa polas prazas de promoción de ascenso. E estao, en gran medida, grazas ao seu rendemento nos partidos contra os seus rivais directos.

O equipo adestrado por Luismi conseguiu seis triunfos e un empate nos doce enfrontamentos que disputou ata o momento contra equipos que tamén aspiran a ocupar un posto de play-off. A escadra granate derrotou a todos os seus contrarios en Pasarón, excepto á Ponferradina. No polo oposto, o seu rendemento como visitante baixa moito, xa que perdeu cinco dos seus desprazamentos contra eles. Unicamente foi quen de puntuar en Fuenlabrada, o que ademais o converte no único que superou aos madrileños no seu feudo.

En total, o Pontevedra leva disputados doce encontros fronte a rivais con opcións reais de meterse entre os catro primeiros (Fuenlabrada, Atlético de Madrid B, Real Madrid Castilla, Cultural Leonesa, Ponferradina, San Sebastián de los Reyes e Guijuelo).

Resultados do Pontevedra CF ante os seus rivais pola promoción de ascenso

Un dato, ademais, chama a atención sobremaneira nos envites dos granates: a súa capacidade goleadora. A pesar de que é o segundo bloque dos oito primeiros con menos dianas a favor (39 en total), é o que máis logrou nos enfrontamentos entre eles (17 tantos). Niso volve chamar a atención o contraste entre o feito na casa e fóra dela. En Pasarón o Pontevedra meteulle 13 tantos aos favoritos e só encaixou tres, mentres que a domicilio fixo diana en catro ocasións e recibiu en dez.

Eses datos veñen a ser o resumo do que está a ser o comportamento do bloque de Pasarón no presente exercicio: un dos mellores locais e un discreto visitante.

Entre os demais contendentes, cabe destacar as excelentes prestacións da Ponferradina e o Fuenlabrada cando se cruzan con contrincantes de grande envergadura. Os bercianos son o mellor nunha suposta liga entre todos eles. Xa xogou 13 duelos directos e sumou 21 puntos. Só cedeu dous. Foi o único que non perdeu contra o Pontevedra.

O contrario sucédelle aos madrileños, que só deixaron de puntuar contra os pupilos de Luismi e levan 20 puntos, igualmente en 13 xornadas. Ademais son os que menos goles recibiron, só nove.

Clasificación entre os rivais do Pontevedra pola promoción de ascenso

O dato. Faltan dous duelos directos
Faltan media ducia de partidos por diante para concluír a temporada regular, pero aínda está case todo por decidir. Á marxe dos descensos do Deportivo Fabril e o Navalcarnero e da permanencia sen máis ambicións que case acadaron o Internacional de Madrid, Unionistas e Valladolid B, non hai nada máis definido.

Faltan por saber os catro equipos que xogarán o play-off e a orde dos mesmos, incluído o campión. Nese senso, os enfrontamentos directos entre os oito equipos vivos na pelexa poden ser fundamentais. Ao Pontevedra fáltalle medirse ao Atlético B en Pasarón e ao Castilla no Alfredo di Stefano. Ademais, faltan outros seis partidos entre os grandes. Os que máis teñen que xogar son o Castilla e o Sanse (3), e os que menos, a Ponferradina e o Fuenlabrada (1).

Forte ante os grandes
Comentarios