Fronte a un dos nosos

O Pontevedra medirase a Luisito por primera vez desde que o teense fora destituído en decembro de 2018 ►O Deportivo Fabril chega ao derbi nunha situación crítica

Luisito, baixando do autocar do Pontevedra tras un partido de liga. RAFA FARIÑA
photo_camera Luisito, baixando do autocar do Pontevedra tras un partido de liga. RAFA FARIÑA

PONTEVEDRA. Tiña que chegar o día no que o Pontevedra e Luisito volvesen cruzar os seus camiños. E chegou. O cadro granate enfrontarase ao Deportivo Fabril mañá en Abegondo, co adestrador de Teo sentado no banco rival.

Luisito recibirá a Luismi, co xesto de cortesía que o caracteriza antes de tódolos partidos, no que suporá unha estraña instantánea: o anterior adestrador granate recibindo en Abegondo ao que foi o seu sucesor no cargo.

O preparador do filial branco e azul forma parte da historia do Pontevedra por moitos motivos. Acumula varios rexistros que o converten nun dos mellores, desde un punto de vista estatístico, da historia do club. É o que máis partidos seguidos de competicións oficiais dirixiu, o segundo que máis tempo pasou de forma continuada no banco e o que máis o fixo desde que o club é profesional, o que máis tempo permaneceu invito despois do seu debut no que vai se século e o que mellor xeira de triunfos consecutivos en Pasarón nun inicio de temporada obtivo dos últimos 40 anos. Ademais foi o director de orquestra no último ascenso que viviu o club na categoría de bronce e o que o conduciu á disputa dun play-off a Segunda División despois de moito tempo.

Tamén foi un dos máis carismáticos para os seareiros de Pasarón, aínda que o seu forte carácter tamén lle xerou algunha antipatía.

Iso si, agora ten entre mans un obxectivo case imposible: levar ao Fabril á pemanencia. O equipo herculino pretende ampliar o soño da salvación durante unha xornada máis. Para empezar precisa derrotar ao Pontevedra mañá (17.00 horas, o Mundo do Fútbol de Abegondo) e despois encadear unha incrible xeira de resultados que achegue ao seu conxunto aos 44 puntos que require, como mínimo a permanencia. O filial ten agora mesmo 19 puntos e quedan 27 por disputar. Tería que lograr oito triunfos e un empate.

Desde que Luisito foi contratado, a escadra branca e azul sumou unha vitoria, dous empates e catro derrotas, algunhas de forma cruel, como a que padeceu a pasada fin de semana en Vigo contra o Rápido de Bouzas, na última xogada do encontro.

Diario de Pontevedra intentou poñerse en contacto con Luisito para coñecer as súas impresións antes do reencontro contra que foi o seu club durante tres anos e tres meses pero, ante a situación deportiva do conxunto da Segunda B, o Deportivo de La Coruña optou por restrinxir as entrevistas realizadas aos membros do filial.

Comentarios