O Complexo Rías do Sur permanecerá aberto ata o 31 de marzo

A Fundación prorroga a apertura da piscina de 25 metros durante un mes para evitar "polémicas" co Concello de Pontevedra e para non increntar o prexuízo aos clubs
A piscina de Ponte Muíños AC DE PONTEVEDRA
photo_camera A piscina de Ponte Muíños. C DE PONTEVEDRA

Novo xiro dos acontecementos en Ponte Muíños. A piscina de 25 metros permanecerá aberta ata o remate de marzo. A Fundación Rías do Sur prorrogou durante un mes o prazo de apertura do vaso menor do Complexo Deportivo coa fin de que os actuais usuarios, o Club Natación Galaico e o Galaico Sincro, poidan manter a súa actividade.

Segundo explicou o presidente da Fundación Rías do Sur, Héctor Vilariño, detrás da medida atópase un malentendido co Concello de Pontevedra, co que os clubs e a propia Fundación acadaran un acordo para facerse cargo dos gastos de uso da instalación durante tres meses. “Facémolo para non entrar en polémicas co concelleiro (Tino Fernández), aínda que temos máis que demostrado que o acordo non era como el dicía e si polos meses de decembro, xaneiro e febreiro”. 

O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, discrepou e expresou que o pacto se extendía durante o primeiro trimestre do ano. Para evitar agravios aos usuarios, a Fundación determinou que a instalación se mantivese aberta durante os próximos 30 días.

Ademais, outro elemento entrou en xogo con forza na ecuación, a empresa Ence. “Despois de manter unha renunión con Ence, optamos por conceder esta prórroga en beneficio dos clubs. Bastante dano se lles leva feito”, manifestou Vilariño.

Non trascenderon os contidos das conversas desa reunión entre os representantes da pasteira e os da Fundación, pero as dúas partes confirman que están a traballar nunha liña de axudas por parte da empresa para que os custos derivados do emprego do centro deportivo sexan máis asumibles. 

Entre as novidades que afectan á instalación, hoxe entrarán en funcionamento as placas fotovoltaicas colocadas no teito do complexo, o que acarrexaría un aforro enerxético importante de arredor do 30 por cento anual (condicionado en cada momento á cantidade de luz solar de que dispoña).

Comentarios