O futuro xa chama á porta

Natalia Castro é a principal expoñente da nova fornada de triatletas das Rías Baixas. A buenense de 21 anos afronta a súa primeira gran final das Series Mundiais na casa, sen imporse grandes obxectivos, pero coa ilusión de correr diante da súa xente e de chegar á cita nun dos mellores momentos de forma da súa curta carreira deportiva
Natalia Castro. RAFA FARIÑA
photo_camera Natalia Castro. RAFA FARIÑA

É a nova esperanza do tríatlon pontevedrés. Axudada por unha madurez e un sentido común desbordantes á súa curta idade, Natalia Castro afronta o reto máis grande da súa vida deportiva: a Gran Final das Series Mundiais de Pontevedra, na categoría sub-23. Unha combinación entre escenario e nivel da proba completamente diferente a todo o que viviu ata agora.

"Só polo feito de ter comigo a xente que non me puido acompañar nas competicións internacionais, como a miña familia, os meus pais ou o meu adestrador, que é moi importante que estea comigo ata os intres anteriores de tirarme á auga, xa é moi especial. E ver toda a xente de Pontevedra, que se involucra tanto co tríatlon, vai ser impresionante", aclara a protagonista.

Será a súa primeira final dunhas Series Mundiais, aínda que sexa na categoría sub-23. E iso obrígalle a ser cauta, xa que a competición e as rivais son da máxima talla. "Non quero fixarme un resultado como obxectivo, porque o tríatlon está suxeito a moitas circunstancias e nunca sabes como pode saír a carreira", sostén a pupila de Omar González, que sabe que os deberes están ben feitos e a lección aprendida, pero o exame sempre está suxeito a imprevistos.

"Creo que podo facer unha boa proba, porque estou nun estado de forma incrible. Gustaríame reflectir todo o traballo que levo facendo. Isto non é só por min, senón pola miña xente. Pero non son unha persoa que adoite cuantificar o obxectivo, porque compito mellor cando non me xero unha expectativa".

Sobre a proba, o ideal é intentar ofrecer o mellor rendemento no río para correr con vento a favor durante toda a proba. Para iso deberá deixar atrás o mal fario que a persegue habitualmente no treito a nado, teoricamente un dos seus puntos fortes.

"Son boa nadadora, pero desgraciadamente non sempre podo amosar na competición como nado realmente. Entón, non sei como vou nadar. A miña intención é saír da auga nunha boa posición e ir no primeiro grupo en bicicleta, para despois comezar a correr o máis adiante posible", explica Castro, que ten moita confianza cando calza os tenis.

"Creo que agora a corrida é o meu punto forte, aínda que sempre busco o equilibrio entre as tres disciplinas para ser o máis completa posible. Iso si, despois poden acontecer moitas cousas, porque o tríatlon é así, polo que iremos segmento a segmento".

É a segunda proba de alto nivel en Pontevedra. Xa estivera o ano pasado na proba da Copa do Mundo. Rematou na decimonovena posición na proba absoluta e como quinta sub-23.

"Era o meu primeiro ano de sub-23 e a miña primeira Copa do Mundo. De feito foi o meu mellor resultado ata agora. As sensacións non foron as mellores ao principio. Pero iso que din de que non arroxes a toalla cando che saen mal as cousas ao comezo é certo. En tríatlon, ata que chegas á liña de meta, a carreira non está terminada".

O circuíto é case igual ao daquela, co troco da eliminación do treito en bici polo campus universitario e a curta subida pola Avenida de Compostela. "Segue a ser técnico, pero menos. A subida pode axudar a facelo máis interesante. Vai ser moi visible, porque é á beira do río. E despois a carreira a pé é impresionante, vai ser dura e vai atravesar todo o centro da cidade".

A buenense ten claro que ese é o mellor estadio posible para a final. "A xente vai ateigar a zona vella animando. Que estean aí, porque vai ser o punto chave".

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios