A Gala da Billarda culminou unha temporada excepcional

Diario de Pontevedra foi premiado como mellor medio de comunicación no evento celebrado o pasado sábado no Centro Social de Salcedo. O play off nacional dispútase esta fin de semana
O Centro Social de Salcedo foi o escenario da gala final da temporada da Conferencia Rías Baixas da Liga Nacional de Billarda
photo_camera O Centro Social de Salcedo foi o escenario da gala final da temporada da Conferencia Rías Baixas da Liga Nacional de Billarda

A última xornada da Liga Nacional de Billarda-Conferencia Rías Baixas, disputada o pasado sábado na Alameda de Pontevedra, comezou cun tempo ameazante de choiva e finalizou coa choiva enriba de todos e todas. Estas circunstancias meteorolóxicas desluciron o espectáculo da billarda que, debido a falta de previsión, non se puido trasladar a competición en tempo e forma ata o pavillón de Salcedo.

A pesar disto, a competición levouse a cabo cuns poucos valentes que desafiaron a choiva para intentar lograr puntos que os axudasen a optar á clasificación para o play off nacional, a gran final de billarda que se celebrará esta fin de semana no campo da festa do Castiñeiriño (Santiago de Compostela).

Os resultados da última xornada disputada na Alameda pontevedresa alzaron a Pasto (Gharaboto) coma campión da xornada na categoría absoluta, por diante de Geno (Corresdoiras Rías) e de Luís (Gharaboto).

Na categoría feminina, Belmira (Valpaços Terra Quente) gañou o torneo por diante de Chefa (Corredoiras Sur), mentres que na categoría infantil, Brais (Corredoiras Rías) impúxose ó seu compañeiro de equipo Martiño e ao campión da liga, Juanma (Lúa de Forza).

PLAY OFF. Trala finalización da temporada regular, xa se coñecen os xogadores e xogadoras que participarán esta fin de semana na gran festa da billarda en Santiago de Compostela, e que representarán de paso á Conferencia Rías Baixas.

Na categoría absoluta, finalizou como campión Xan (Lúa de Forza), mentres que segundo foi Ricar (Corredoiras Rías) e terceiro Luís Pirucha (Gharaboto). Ademais destes tres xogadores, acudirán ao play off os 20 seguintes clasificados na categoría absoluta, sen distincións de sexo ou idade.

Polo tanto, campións como Bego, da categoría feminina, ou Juanma, da infantil, lograron a clasificación por estar entre eses 20 mellores competidores do ano.

En canto á categoría de equipos, o campión foi Corredoiras Rías (Bueu), por diante de Lúa de Forza (Sanxenxo) e de Rinoceronte (Pontevedra), polo que estes tres conxuntos serán os que representen á Conferencia Rías Baixas na competición por equipos do play off nacional.

GALA. Despois da última xornada de competición, a Liga Nacional de Billarda-Conferencia Rías Baixas celebrou onte a Gala da Billarda 2016 no Centro Social de Salcedo, onde galardoaron a Diario de Pontevedra co premio ao mellor medio de comunicación polo seu labor tanto a nivel informativo como pola inclusión do deporte do palán nas actividades da Festa HQR! e dos Campamentos de Verán HQR!. O premio recollérono tres voluntarios HQR!, que ademais axudaron a organizar a propia Gala da Billarda.

Á parte, entregáronse os premios aos gañadores de todas as categorías, acompañados de diversas actuacións musicais e imaxes de toda a temporada. Ao finalizar a Gala houbo unha merenda-cea-ágape de confraternidade. Estes alimentos foron aportados por todos os equipos, que demostraron unha vez máis que a billarda non é só un deporte, senón que o espírito de amizade e de goce con este deporte segue intacto co paso dos anos.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios