O Galaico voa en Xixón

Os nadadores do club pontevedrés melloran os seus rexistros persoais e conseguiron catro mínimas nacionais en chan asturiano
Imaxe dos participantes. FACEBOOK CN GALAICO
photo_camera Imaxe dos participantes. FACEBOOK CN GALAICO

Os nadadores de futuro do Club Natación Galaico lograron catro mínimas nacionais e múltiples marcas persoais no Trofeo Internacional Villa de Gijón que se celebrou a pasada fin de semana, organizado polo Club Natación Santa Olaya da cidade asturiana.

O club desprazouse á beira do cantábrico coa intención de ofrecer posibilidades ás súas promesas emerxentes para seguir mellorando os seus rexistros grazas á esixencia da competición.

O Galaico acudiu cunha escadra formada por rapaces e rapazas en categoría xuvenil e infantil a un trofeo de categoría sénior, o que elevou o listón.

Entre os representantes do club tamén se atopaba Oliver Rocha, deportista becado polo CGTD, que participou en representación da selección galega. Rocha nadou os 100 metros libre, os 100 e 200 metros braza e os 200 metros estilos.

Contando con el, o club vermello trasladou a chan xixonés 16 nadadores que melloraron os seus tempos persoais nas diferentes probas nas que tomaron parte, ademais de obteren as mínimas nacionais.

Resultados

Os nadadores que estiveron presentes na cita xixonesa foron o mencionado Olivier Rocha, que bateu as súas marcas persoais nos 200 libres e nos 100 braza, cun rexistro de 1.15,69; Carmen Fariña; Nadia De la Fuente, que baixou o seu tope nos 50 volboreta (32,40); Iker Pérez, que con 26,09 nos 50 libre sacou a mínima nacional; Pedro Barros, que conseguíu plusmarca persoal nos 50 libre con 26,15, o que supón mínima nacional, e mellorou o seu tempo nos 200 libre con 2.04,41; Isaac Otero, que na mesma proba mellorou o seu tempo cuns 27,02; Cata López; Nico Vázquez, que rebaixou o seu récord individual nos 50 metros braza, disputou a final B e cos 31,21 obtivo tamén a mínima; Paula Fariña; Gisèle Rocha; Adrián Méndez-Benegassi, que logrou o seu mellor tempo de sempre nos 200 estilos con 2.32,63; Alejandro Álvarez, tamén plusmarca persoal (2.25,59) na mesma proba do seu compañeiro; Aldara Ortego, tope individual nos 200 libre con 2.26,42; Sofía Barros, que foi segunda da final B e mellorou o seu rexistro nos 200 libre, e Miguel Vázquez, que rematou cun tempo de 2.01,72 nos 200 libres, o que lle serviu para baixar o seu anterior mellor rexistro.

Ademais, o club presentou unha remuda para os 4x50 metros mixtos, con Nadia De la Fuente, Nico Vázquez, Iker Pérez e Sofía Barros. A entidade rematou na novena praza a clasificación por clubs do certame.

Desta maneira, o Galaico vai progresando co respaldo a nivel moral, de posibilidades de traballo e para o desenvolvemento das categorías de iniciación que supón a reapertura da piscina olímpica de Rías do Sur.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios