A Gimnástica, sétimo de España

O equipo pontevedrés ficou a un punto do quinto lugar na gran final polo título de liga que se disputou en Castellón

Daniel Chamosa liderando a proba de marcha en Castellón. MIGUÉLEZ TEAM/RFEA
photo_camera Daniel Chamosa liderando a proba de marcha en Castellón. MIGUÉLEZ TEAM/RFEA

A Sociedad Gimnástica Pontevedra rematou na sétima posición a final polo título de liga de clubs de División de Honra que se celebrou este domingo en Castellón.

O equipo pontevedrés sumou 77 puntos para pechar a temporada superando o obxectivo inicial proposto polo club, a obtención da permanencia pola categoría. A escadra da cidade do Lérez finalizou a un punto do quinto e sexto clasificados nunha xornada que foi vencida polo gran favorito, o Playas de Castellón, que non deu opcións aos seus rivais (136 puntos polos 111 do Camí Mislata, que foi segundo) e colócase no liderado histórico de títulos ligueiros de atletismo.

Daniel Chamosa liderou a actuación do bloque lerezano ao facerse co triunfo nos 5.000 metros marcha. O lerezano, que ficou moi preto da mínima olímpica e obtivo a mínima para o Europeo de Roma nos 20 quilómetros no Gran Premio dos Cantóns da Coruña en pasadas datas, rematou a carreira cun 19:22.50, que supuxo a súa mellor marca persoal na distancia. Foi o único triunfo parcial do colectivo nunha xornada de gran dificultade, na que compareceron algunhas das estrelas do atletismo español.

Terceiros

A escadra, que estivo acompañada polo seu corpo de adestradores, sumou varios terceiros postos. En salto con pértega, Oriol Almirall rematou nesa praza nun concurso cun mellor salto de 5,21. Tamén ocupou o terceiro lugar Sergio Coello no salto de lonxitude (7,54 metros).

Os mesmos seis puntos foron colleitados por Abdelkahim Khalakhy nos 1.500 metros (4:08.56) e por El Medhi El Nabaoui nos 3.000 obstáculos. Pablo Costas, no lanzamento de xavelina, obtivo o último lugar de podio dos ximnásticos nas probas individuais, mercede a un mellor disparo de 71,96.

Na remuda longa, a Gimnástica finalizou no terceiro lugar, cun rexistro de 3:11.09. O cuarteto estaba composto por Alexis Miguéns, David Abalde, Oriol Madì e Darío Ortega.

Ademais, a proba contou coa participación de Jacobo Soler, pontevedrés de adopción que rematou terceiro nos 400 metros lisos en representación do Grupompleo de Pamplona.

O equipo contou ademais coa participacion de Carlos Revuelta (sétimo en martelo), Alfonso García (quinto en altura), Darío Ortega (sexto en 400 valos), Diego Echevarría (oitavo en disco), Alexis Miguéns (quinto en 400 lisos), Hassan Izzeddine (quinto en 800), Oriol Madì (oitavo en 200), Mario Revenga (sexto en 110 valos), Gabriel de la Cruz (sexto en 100 metros), Víctor Gallego (oitavo en peso), Carlos Porto (sétimo en 3000) e o equipo do 4x100, composto por Albert Balada, Gabriel de la Cruz, Sergio Rodríguez e Víctor Fernández, que finalizou no sétimo posto.

Comentarios