Goldar: "O factor sentimental pasa a un segundo plano"

O central de Romai recoñece que o derbi contra o Celta B lle trae lembranzas da súa etapa en Barreiro, pero agarda que o Pontevedra comece a súa remonta na clasificación cun triunfo contra o filial

Goldar (con peto branco) disputa un balón con Jorge Hernández nun adestramento do Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Goldar (con peto branco) disputa un balón con Jorge Hernández nun adestramento do Pontevedra. GONZALO GARCÍA

O plantel do Pontevedra ten un amplo pasado celtista. O equipo que dirixe Luismi conta con varios futbolistas que estiveron no Celta B. En calquera outra circunstancia, o ambiente de derbi inundaría o vestiario de Pasarón ante a chegada do filial celeste. Sen embargo, dada a situación deportiva pola que atravesa o conxunto da cidade do Lérez, o aroma a rivalidade é o factor menos relevante para os seareiros e os deportistas granates.

Así o contempla David Goldar, o xogador cun pasado máis recente no club olívico de todos os que actualmente visten a elástica do PCF e que nalgún momento da súa carreira estiveron en Barreiro.
"Si é algo que me gusta, porque no Celta B queda algún dos xogadores cos que compartín vestiario. É unha situación bonita. Non vou negar que despois de tantos anos en Vigo é un momento sinalado para min, pero na situación na que estamos e coa necesidade que temos, é un partido tan importante coma calquera outro e o factor sentimental pasa a un segundo plano".

Ademais de Goldar, vestiron a elástica do cadro vigués Adrián Mouriño, Álex Fernández e David Añón. Outros homes coma Bruno e Edu Sousa tamén pasaron pola canteira do Real Club Celta. E a pesar de orgullo que supón para moitos deportistas defender as cores celestes na infancia ou na mocidade, Goldar sabe que para calquera deles a responsabilidade é maior "no Pontevedra. No Celta a esixencia vén provocada polo que xera o primeiro equipo. É certo que ultimamente están a facer boas campañas que lles deron un caché, pero o Pontevedra é o club de toda a cidade e da provincia. Toda a prensa e a afección ten moito máis peso ca nun filial. Isto é algo que os futbolistas do Pontevedra debemos asimilar. É algo positivo e do que debemos beneficiarnos".

DINÁMICA. O Pontevedra leva nove xornadas consecutivas sen gañar. O parón navideño e o troco do adestrador axudaron a destensar a situación. Pero o colectivo precisa vencer para non volver entrar nunha depresión como a que vivía antes do Nadal. Alguén pode entender que o Celta B, que pelexa polas prazas de play-off, non é o rival máis indicado para remontar o voo. Pero sempre hai que lembrar que "na Segunda B sempre compites. Contra calquera rival e en calquera campo podes perder e gañar. Non hai equipos arrolladores nin aos que poidas derrotar coa gorra. Cada encontro é unha final e así o debemos afrontar desde agora ata o remate da campaña", sostén o central granate.

A chegada de Luismi ao banco de Pasarón supuxo un novo incentivo para os xogadores, que pelexan pola titularidade con ansias renovadas. "As sensacións son moi boas. Búscase un cambio de dinámica. Produciuse un troco de ideas con respecto ás que propuña Luis (Luisito). Hai moitas ganas de aplicalas. Ao final, os resultados dirán, pero de momento a xente está contenta e con motivación de que isto sexa fructífero".

Para bater ao Celta B, Goldar fai fincapé naquilo que ensaiou Luismi durante a semana: "Temos que quitarlle o balón, senón imos sufrir moito. As transicións defensias van ser moi importantes. O Celta B ten futbolistas moi rápidos que corren moi ben. Temos que eliminar os espazos ás costas tras perda de balón e traballar en bloque. Sendo intelixentes, cometendo poucos erros e sendo fortes en defensa, teremos bos resultados", resume.

Como tódolos compañeiros, o central sabe que o método de traballo implantado polo adestrador vigués ten o único aval das vitorias. Sen elas, o traballo, por bo que sexa, cae en saco roto. "É unha filosofía completamente diferente e un resultado a favor pode supoñer un plus que che vai permitir saber que o camiño que estás a tomar é o correcto. Pode selo igualmente se o resultado é negativo, pero ao final o que manda son os tres puntos".

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios