Gonzalo Méndez Fraguas: "Imos medrando sen querer"

Como presidente do Club Atletismo Rías Baixas, rexeita o protagonismo. Pensa no equipo, no grupo, nos seus compañeiros. Escoitando iso e o sentimento co que transmite, é doado imaxinar por que o proxecto non deixa de medrar.
ENTREVISTA A GONZALO MENDEZ
photo_camera Gonzalo Méndez, xunto a Jesús Cortegoso, Eva Salvado e un grupo de atletas do club. RAFA FARIÑA

Durante moitos anos vencellado á Sociedad Gimnástica, Gonzalo Méndez creou a mediados da década pasada a Asociación Rías Baixas co afán de promover acontecementos atléticos de diversa índole. Foi a semente que deu nacemento ao Club Atletismo Rías Baixas, unha entidade que non para de crecer, sempre coa filosofía de formar deportistas, pero sobre todo persoas, pensando no seu presente e no seu futuro. 

Que significa para vostede que lle concedan este premio ao proxecto do Rías Baixas? 
Este é un premio para todos os que formamos o Rías Baixas. Non creo nos premios individuais. As persoas soas, sen respaldo, non somos ninguén. Este premio é de moita xente. Estamos contentísimos con el. 

Representa o Rías Baixas a súa paixón polo atletismo? 
Non pensei en facer este proxecto á miña idade, en dar este paso. Pero fíxose e estamos moi contentos de que unha filosofía diferente vaia cara arriba e demostremos que desta maneira non só se pode formar persoas, senón tamén sacar adiante deportistas importantes. 

Que sucede para que naza o Atletismo Rías Baixas e se afiance no panorama pontevedrés? 
Desde que deixei a Gimnástica, adiqueime a facer moitas actividades: adestramento do Juan XXII e organizaba eventos e conferencias atléticas. Para levalos a cabo precisaba unha asociación. Aí naceu a asociación Rías Baixas. Posteriormente, unha serie de persoas da Gimnástica saíron do club e propuxéronme a idea de transformar a asociación en club. No principio custoume, porque tiña a miña vida focalizada. Os meus netos son os que me dan forza para que eu siga nisto. Ano a ano imos consolidándonos. 

En que se diferenzan de outros clubs? 
Non traballamos tanto con rapaces pequenos. Centrámonos en idades máis complexas, rapaces de 13, 14 anos en diante e mesmo persoas de INEF que queren retomar o deporte. Sempre colaborei con discapacitados, con xente de educación especial en Príncipe Felipe. Pouco a pouco imos medrando sen querer. Os rapaces seguen e teñen ganas de crecer, de facer outras cousas na súa vida a través do atletismo. A eses que teñen actitude, compromiso e cualidades, buscámoslle unha saída, un futuro académico. Excepto en Galicia, que non se pode compaxinar estudios con deporte, porque aquí non hai nada a ese nivel, noutras Comunidades como Navarra, Valencia, Madrid ou Barcelona, hai becas. É ese o destino que lles busco ao rapaces. 

Agora mesmo o atletismo é a miña vida: está rodeada de atletismo por tódolos lados

A compoñente social para vostede é vital… 
O primeiro que lle dicimos aos rapaces que chegan é que proben se lles gusta. Despois xa se falará de pagar cuotas ou do que sexa. A todos os que lles guste pídeselles actitude e compromiso, porque aquí non só é pasalo ben, hai que adestrar. Pero, por exemplo, as persoas que teñen salario mínimo non pagan cuota nin nada. 

Teñen axudas exteriores? 
Non pagamos nada de roupa. Jim Graña, de Jim Sports é o noso anxo da garda. Grazas a el estamos aquí co material deportivo co que nos axuda. Falamos de preto de 5.000 euros ao ano, ao mellor. E tamén o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Nunca crin que un político puidese ter tanta disposición para axudar tanto. 

Que supón para vostede que un rapaz como David Vicente poida saír a Valencia? 
É unha satisfacción, pero non é tan complicado, con ilusión, traballo e tempo. Non comprendo como os clubs de Pontevedra, excepto o Cisne, non sacan os seus talentos. Se non podes darlle o que necesitas, ábreslle as portas para que poida competir noutro club importante. Eu fago as cousas altruistamente. Imaxine as persoas ás que lle paguen un salario: deberían ter paixón e máis gañas por sacar xente. Ás veces os adestradores son egoístas, queren ficar cos rapaces en lugar de darlles saída. A nosa filosofía é buscarlle o mellor para os nosos deportistas: como pais, como adestradores e como directivos. 

E como se logra iso? 
A min sempre me preguntan se adestro aos deportistas da mesma maneira. Ao contrario, adestro a cada un dunha maneira diferente: o primeiro que vexo é se pode comer na casa, se pode durmir, se ten medios: non se pode planear o mesmo adestramento para eles. Primeiro hai que coñecer a súa vida e a súa familia para poder planear o traballo. No meu caso, son unha persoa esixente: pídolles boas notas académicas. É un labor que non todo o mundo pode facer, pero que a min me gusta facer. Isto é unha parte pequena da vida: o importante é que os rapaces estuden e vaian para diante. 

Na súa vida sempre tivo unha vocación de integrar. E no club manifestase. 
Temos cinco deportistas marroquís, un de Senegal. Son rapaces aos que ves facer deporte, na Xunqueira, en Barcelos. Eu déixolles tarxetas por se queren chamarme. Algún faino e vén probar. Son rapaces que venden nas rúas ou nas feiras. E ao mellor teñen ocasión de ser atletas de certo nivel ou de pasar unhas horas ao día facendo deporte, nun mundo saudable, social, apartados da rúa. Creo que é unha labor importante. A nivel de club, ademais, abrímoslle a porta a outros clubs. Queremos que veñan. Fan o noso grupo máis grande e mellor. 

Que é o atletismo para vostede? 
Sempre me gustou máis o baloncesto e tamén xoguei a balonmán e fútbol sala. Empecei porque meu pai adestraba no colexio. Agora o atletismo é a miña vida: está rodeada de atletismo por tódolos lados. 

Persoal
ENTREVISTA A GONZALO MENDEZ
Aínda que fai fincapé no traballo en equipo, Gonzalo Méndez é a alma mater do Atlétismo Rías Baixas. O club representa a súa implicación co seu deporte, co que está vencellado desde o berce. Seu pai era adestrador, a súa dona é atleta e el tamén. Foi directivo da Sociedad Gimnástica e no seu momento fundou o CAP. A través do deporte cataliza o seu afán de cooperación coa sociedade e o seu interese por axudar á mocidade á ter un mellor futuro. A colaboración coas asociacións como Juan XXIII e Méndez Núñez, poñen de manifesto a súa vocación solidaria.

Comentarios