A gran familia do Cisne busca o seu sétimo ascenso

Fis, Santi Picallo, Pillo, Edín Covelo e Miguel Simón relatan a historia dos seis ascensos logrados polo Cisne ao longo da súa historia  
Ascenso do Cisne a División Honor Plata en 2015.
photo_camera Ascenso do Cisne a División Honor Plata en 2015. GONZALO GARCÍA

O Club Cisne vive o momento máis brillante da súa historia. Se a calquera afeccionado, xogador ou directivo de etapas pasadas lle dixesen hai tres anos (ou máis) que o club ía pelexar por ascender a Asobal ata en dúas ocasións, non o podería crer. O crecemento exponencial da entidade na actualidade, consecuencia do gran traballo da directiva e dunha xeración magnífica de xogadores da base, non borra os outros grandes momentos gloriosos que viviu a institución. Ao contrario, o presente non deixa de ser consecuencia, en máis ou menos medida, do que aconteceu naqueles momentos de gloria. 

O Cisne viviu ata media ducia de ascensos na súa dilatada historia. Os primeiros grandes logros chegaron da man de Rafael Sánchez Fis, un dos ilustres da institución. Xogador, adestrador, presidente, delegado e ata fotógrafo, agora seareiro do club, Fis dirixiu ao equipo en 1977, cando se produciu o primeiro salto de categoría do primeiro equipo do club.

1977: A 1ª Provincial (3ª cat.)


Se cadra foi o máis modesto dos ascensos do Cisne, pero non por iso menos necesario. "Recuerdo que fuimos muy superiores. No perdimos ni un partido en la temporada", comenta Fis botando a ollada atrás. De Segunda a Primeira Provincial, un salto vital para que a escadra medrase.

Daquela adestrador-xogador, Fis lembra xente como Monti, Julio Latas, Rafa e Juan Carlos Vilar, os irmáns Alfredo, José e Carlos Acosta ou un rapaz como Miguel Arias, pai do extremo esquerdo actual do Cisne, Mateo Arias: todos ás súas ordes. O Cisne gañou a liga regular con doce puntos de vantaxe para dar o salto de categoría.

Fis, de pé á esquerda, foi presidente, adestrador, delegado e ata fotógrafo do Cisne. ARQUIVO  

1982: A 1ª Nacional (2ª cat.)


Na liga 80-81 o balonmán restruturouse. O Cisne, o Santa Cristina e a Sar remataron a campaña nos tres primeiros lugares e como premio, na nova división do balonmán español, o conxunto lerezano viuse encadrado na nacente Segunda Nacional. "Recuerdo un partido contra la SAR en Redondela, con el pabellón lleno a reventar una hora antes. Desde aquel día se la conoce como la Bombonera. Nunca vi nada igual en mi vida. La gente incluso se desmayaba por el calor", lembra Santi Picallo, presidente branco, protagonista como xogador naquel duelo. 

O adestrador daquel curso era Julio Latas, que ao rematar a campaña era fichado polo Teucro. De tal maneira que Fis retornou ao banco. Con el chegou o segundo ascenso da historia da entidade, esta vez a Primeira Nacional, a segunda categoría en importancia.

O equipo proclamouse campión de grupo e tivo que ir a Santander para disputar unha fase de ascenso contra o Segovia e o Lasalle Legazpi, subcampións de Madrid e de Euskadi, respectivamente. "Ganamos los dos partidos. Después tuvimos que jugar la final con el ganador del otro grupo, pero ya estábamos ascendidos. Fue un trámite".

Daquela, Fis xa lle concedía importancia aos seareiros. "Vino un autobús lleno de aficionados con nosotros (as estradas non eran tan boas nin os autocares tan cómodos: moito mérito). Fue muy bonito".

Aquilo puña de manifesto o que xa era o Cisne, o que sempre foi, "una gran familia. Es lo bueno que tiene este club, ahora y siempre, desde que lo fundó Manuel Corrochano".

Generated by  IJG JPEG Library
Santi Picallo nunha xogada co Cisne dos anos 80

1987: A Primeira B (3ª cat.)


A mediados dos 80, Santi Picallo era xogador do conxunto pontevedrés. Picallo, como hoxe seu fillo Pablo, xogaba de extremo. Na campaña 86-87, o Cisne realizaba unha temporada regular excelente á procura do salto á nova Primeira B.

A liga foi moi positiva para o bloque pontevedrés, que dominou con autoridade. "Éramos favoritos. Habíamos ganado la categoría con mucha diferencia. Y eso que habíamos empezado mal la liga, pero después de la mitad de la primera vuelta, perdimos un partido solo, en Ourense", lembra o hoxe presidente da entidade.

A fase de ascenso emparellou en Pontevedra ao Cisne coa Avilesina, o Lourdes Valladolid e o Lasalle de Bilbao. Nos dous primeiros encontros, fronte aos asturianos e os casteláns leoneses, os resultados foron moi abultados a favor dos cisneístas. "A uno le ganamos por 15 y al otro por doce". 

Con aquela diferenza de goles, os lerezanos só precisaban un empate no duelo final contra o Lasalle. E ao principio, todo marchaba ben para o bloque da cidade do Lérez. "Ganábamos por seis goles al descanso, pero nos atascamos en la segunda mitad. Llegamos a perder por dos. Pero tuvimos un poco de suerte y con la ayuda del público sacamos nuestro carácter y remontamos". E con protagonismo do propio Picallo, que logrou o gol do ascenso, o 24-23 definitivo no duelo ante os vascos. 

Aquilo serviu para que o Cisne dese o salto tan agardado, algo que desexa e espera repetir, pero ao grande, a Asobal, mañá no Municipal de Pontevedra.

Generated by  IJG JPEG Library
Foto do plantel da temporada posterior ao ascenso de 1987 

2000: A Primeira Nacional (3ª cat.): pola porta grande, a porta de Alcalá


En maio de 2.000, o Cisne viaxaba a Alcalá de Henares para pelexar polo ascenso a Primeira Nacional.  Era unha Primeira Nacional que ocupaba o terceiro chanzo do balonmán nacional, detrás da Asobal e da División de Honor Plata que se fundara a mediados dos 90. 

A escadra branca militaba en Segunda para afrontar un sector de ascenso como segundo clasificado do grupo. O sorteo emparellouno co Iplacea de Alcalá, o Calasancio de Logroño e o Sant Martì Sport (actual Adrianenc). 

O adestrador daquel bloque era Víctor García Borrás, Pillo. "O Alcalá era o favorito, pero nós fixemos dous bos partidos iniciais que nos posicionaron moi ben", lembra o técnico pontevedrés. 

"Era importante empezar con boas sensacións e chegamos ao encontro decisivo en boas condicións anímicas". 

O Cisne estaba pletórico para afrontar a cita decisiva. De feito, goleara por 34-14 ao Calasancio e gañáralle claramente ao Sant Martì por 25-18. Unha diferenza moi grande que lle permitía ascender cunha igualada na última xornada perante ao equipo anfitrión. 

O factor físico corría tamén a prol dos lerezanos. "Eramos un equipo moi novo e eles tiñan xente veterá con moita calidade, que viña de Asobal, pero veterá", lembra Pillo. 

No partido chave, a escadra lerezana foi quen de templar os nervos e sacar a igualada que precisaba, en medio dun ambiente contrario e contra un bloque perigoso e experimentado. O 26-26 deulle o salto de categoría a Primeira Nacional.

"Foi un momento importantísimo para o club. Ir de tapados, cun rival máis potente e conseguir o ascenso, foi un momento para lembrar", manifesta Pillo, que cre que non hai demasiadas semellanzas coa actualidade: por sistema de competición, polas diferenzas de categoría e de época.

Naquel equipo do Cisne xogaban entre outros Miguel Monteagudo (actual directivo da entidade), José Mera, Roberto Sánchez, Óscar Pombo, David Escudero, Eloy López, Diego Freire ou Bernardo Gil. 

Pola súa experiencia, Pillo entende que neste tipo de encontros, sexa nunha fase ou nunha liga regular "non podes especular". Por iso, de cara a mañá, "veña quen veña do Barcelona, o Cisne non pode especular, ten que ir a morte a pola vitoria".

E cre que será así porque "agora mesmo o Cisne é un equipo con madurez, que sabe que hai que xogar sempre con presión e tensión. Chega en circunstancias que non son negativas. Xa viviron unha temporada de Asobal e outro ascenso. E ademais contan con marxe: tres puntos máis o posible golaveraxe. O caldo de cultivo é bo, aínda que o rival non vai ser doado".

Generated by  IJG JPEG Library
File written by Adobe Photoshop? 4.0
Pillo dándolle instrucións aos xogadores da temporada 1999-2000

2015: A División de Honra Prata. 2ª cat: Edín Covelo, o técnico indicado para unha nova era


Na campaña 14-15, o bloque pontevedrés ascendeu a División de Honor Plata, con Edín Covelo como adestrador e cunha xeración de xogadores liderada polo capitán Toño

Lafuente ou o veterán Rafa Dasilva nos últimos coletazos no balonmán. Xa estaban daquela Chan, Andrés Sánchez, Pablo Picallo ou Javiva.

Covelo lembra que a fase final foi en Pontevedra, como punto final a "unha campaña moi boa, na que quedamos campións algunha xornada ante de rematar a liga". 

Os rivais no sector foron o Elda, o Moguer e o Carabanchel. "Calquera dos tres era un adversario difícil".

A fase principiou con vitoria cisneísta contra o Moguer. Despois foi o duelo contra o Carabanchel. A pesar do elevado ritmo dos madrileños na segunda metade, o Cisne contivo a reacción e venceu cun marcador bastante máis axustado que os oito goles que lucían de vantaxe ao descanso.

Na última xornada, tocaba o Elda, que xa non tiña opcións de ascenso. "Cos nervios a flor de pel, cando o vimos tan cerca, custounos. Non eramos favoritos. Ao final conseguímolo e gañamos por tres. A celebración foi espectacular. Gustaríame que as fases acabasen en sábado para poder celebralo máis intensamente e con máis tempo", apunta o técnico pontevedrés.

Para Edín, a afección fora chave. "Vendo que estabamos cerca e tiñamos posibilidades, empezaron a ir máis ao pavillón. Sen eles, non sería posible".

2020: ascenso a Asobal: "Sen ser algo buscado, lográmolo"


O último ascenso do Cisne foi o máis grande da historia do club, pero produciuse en diferido, por mor do inicio da pandemia en marzo de 2020. 

Naquel plantel estaba aínda un pontevedrés e cisneísta de pro, Miguel Simón.

"Bordámolo. O obxectivo era consolidarse na categoría, pero fixemos unha primeira volta excepcional", explica o hoxe pivote do OAR. "Nunca consideraramos o ascenso. Era algo idílico. De feito, evitabamos dicilo, ata nos ruborizabamos só de comentalo. Pero foron saíndo as cousas e empezamos a crelo".

O Cisne foi líder toda a campaña. "Presión non había ningunha. Nin sequera sabíamos se podíamos estar en Asobal, porque era un esforzo grande. Non é que gañásemos, senón que disfrutabamos".

A chave daquel Cisne era a unidade. Daquel, deste e de case tódolos Cisnes. "Non éramos un equipo ao uso. Éramos máis que compañeiros. A maioría mamamos o Cisne. Eramos un grupo de xente nova que o compartíamos todo. E sen ser algo buscado, lográmolo".

A terceira na casa, a terceira dunha xeración
Dos ascensos conseguidos polo Cisne ata a data, só dous se produciron na casa. Ámbolos dous foron en fases de ascenso celebradas na cidade do Lérez.

Foron en 1987, nun sector no que o actual presidente cisneísta Santi Picallo foi protagonista ao transformar o gol definitivo, e na 2015, cando Edín Covelo acabou sendo manteado polo seu plantel no Pavillón Municipal, nun ambiente magnífico. Daquela escadra seguen no plantel actual catro homes: Javiva, Pablo Picallo, Álex Chan e Andrés Sánchez. Todos eles andan á procura do terceiro ascenso das súas carreiras deportivas co Cisne.

Comentarios