O gran reto da Gimnástica

O club pontevedrés organiza o Campeonato de España indoor de clubs en Ourense o sábado 11 de febreiro
► Competirá xunto aos sete mellores conxuntos masculino e feminino
HQR CAMPIONATO GALEGO DE ATLETISMO SUB 23 FOTOS DE DIVERSAS PROBAS  (_G4A6750.JPG)
photo_camera Andrea Villaverde no campionato galego 2022. GONZALO GARCÍA

A Sociedad Gimnástica afronta un dos seus grandes desafíos de inicio de temporada coa organización e participación no Campeonato de España de clubs en pista cuberta, que se levará a cabo na pista de Expourense o sábado da próxima semana, 11 de outubro.

O equipo da cidade do Lérez participará na cita en calidade de organizador e anfitrión e medirase aos mellores sete conxuntos de España tanto nas categorías masculina como feminina.

O bloque da franxa celeste acode como conxunto de División de Honor na categoría masculina, na que ocupa por ránking a décima segunda praza nas táboas elaboradas pola Federación en base aos resultados e marcas dos seus atletas.

Nos homes, competirán o Playas de Castellón, o Fútbol Club Barcelona (ámbolos dous principais candidatos a facerse co triunfo final nunha batalla a priori moi igualada). Ademais, estarán o Atletismo Numantino, o CA Fent Camì Mislata, o Trops Cuevas de Nerja, a Real Sociedad de San Sebastián e o Unicaja Jaén Paraíso Interior. En mulleres tomarán parte o Valencia Club Atletismo, o Playas de Castellón (entre eles dous debería estar o gañador tamén nunha estreita batalla), o Fútbol Club Barcelona, o Atletismo San Sebastián, o Grupompleo Pamplona, o Avinent Manresa e o Trops Cuevas de Nerja.

As mulleres da Sociedad Gimnástica comparecen coa vixésimo primeira praza de tódolos clubs, como participante de Primeira División na liga, cun rendemento afastado dos primeiros lugares.

A cita permitirá ver atletismo de máximo nivel na cidade das Burgas, que posúe probablemente a mellor instalación de atletismo en pista cuberta de Galicia e nos últimos anos está a acoller as principais competicións oficiais de ámbito galego e algunhas de nivel estatal.

REFERENCIAS. Por parte da Gimnástica, que terá un duro reto para ser competitivo ante os mellores de España, os rexistros tomados para realizar o estadillo clasificatorio foron os de Oriol Madì nos 60 metros lisos, Sergio Rodríguez na volta á pista, Darío Ortega nos 400 metros lisos, Hassan Izzedine nos 800, Pablo Bocelo nos 1.500 e Carlos Porto nos 3.000. Ademais, João Pereira participará nos 60 valos, Alfonso García en salto de altura, o saltador do filial, CA Sada, Tomás López, en pértega, Juan Piñeiro en lonxitude, Anxo Blanco en triplo salto e Víctor Gallego en lanzamento de peso.

Na categoría feminina, as deportistas de referencia do club pontevedrés foron Cristina Garrido nos 60 lisos, Eva Salvado nos 200 metros, Eugenia Gil nos 400, Carmen Victoria González en 800, Isabel Caeiro nos 1.500, Sabela Castelo nos 3.000, Lucía Ferrer en 60 valos, Aloia Vilas en altura, Lucía Ferreiro en salto con pértega, Andrea Villaverde en salto de lonxitude, Marina Artemia Pérez en triplo salto e María Ezquerro en lanzamento de peso.

Cada club achegará un atleta por cada proba para acumular puntos de cara á suma final. O que totalice unha cifra menor (cada proba é premiada co mesmo número de puntos que a posición obtida polo deportista) será o vencedor. A competición permitirá ver algunhas das máis grandes estrelas do atletismo español.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios