A gran semana do Arxil

O equipo pontevedrés afronta a partir do xoves a loita polo ascenso a Liga Femenina Challenge en Melilla, co Castellò, o Lagunera Adareva de Tenerife e o GEIEG de Girona como rivais
Plantel do Arxil 2021/2022. DAVID FREIRE
photo_camera Plantel do Arxil 2021/2022. DAVID FREIRE

Unha temporada sen graves problemas extradeportivos, cun bo funcionamento do plantel e acerto nas fichaxes foron os ingredientes para que o CB Arxil se plantase na loita polo ascenso a Liga Femenina Challenge que se disputará en Melilla desde o próximo xoves e ata o domingo.

Un formato exprés de catro partidos en catro días porá a proba a resistencia física e mental dos conxuntos participantes, entre os que se atopa o bloque verde.

Os seus rivais na fase de grupos serán o NBF Castellò, o Lagunera Adareva de Tenerife e o GEIEG de Girona. Tres escadras con perfís diferentes que esixirán capacidade de adaptación ao medio.

Pero a competición non remata na fase de grupos, xa que haberá dúas eliminatorias finais. Na mesma sede se levarán a cabo os enfrontamentos do grupo 1, no que competirán o Melilla e o Almería, adversarios arxilistas na liga regular, o Viladecans e o Stadium Casablanca.

Os dous mellores de cada grupo avanzarán de rolda cara á eliminatoria definitiva, na que se cruzarán os campións de cada grupo contra os subcampións do grupo contrario.

Os vencedores desas dúas finais obterán o pasaporte para disputar a Liga Femenina Challenge, segunda categoría nacional, a próxima temporada.

Rivales del Arxil

O Arxil partirá este mércores desde os exteriores do Pavillón Municipal dos Deportes en dirección á cidade autónoma nunha longa viaxe con transbordos, que algunhas xogadoras deberán realizar posteriormente á expedición debido a razóns laborais.

matinal. Os duelos do grupo 2 disputaranse en horario matinal. O GEIEG será o primeiro contrincante do Arxil, ás 11 da mañá do xoves. Trátase dun equipo que rematou a temporada nunha dinámica positiva, aínda que os resultados máis próximos no tempo poidan transmitir o contrario. Perdeu os dous últimos partidos da liga regular, cando xa tiña garantido o seu lugar na fase polo ascenso. Quinto clasificado do grupo B, o equipo xerundense gañara sete dos oito partidos anteriores. Só o batera o líder dese grupo (o Segle XXI, equipo dependente da Federación que, por selo, non pode participar no play-off).

 

O GEIEG é filial dun dos clubs máis poderosos de España, o Uni Girona. Trátase dun filial atípico, no que non só hai mocidade, senón tamén xogadoras xa consolidas como a pívot Vanessa González. O Arxil atopará co conxunto que mellor defende de toda a competición (só encaixa 52 puntos de media, cimentados nunha longa rotación que non permite a baixada da intensidade). Avecíñase un partido duro fisicamente para comezar, no que as pontevedresas deberán andar ben espertas.

Ao día seguinte, ás 13:15, o rival máis coñecido, o do mesmo grupo da primeira fase: o Lagunera Adareva de Tenerife. É un rival do perfil do Arxil, mesmo con máis facilidade para encestar, pero falta de firmeza en cancha propia: hai máis ritmo, pero menos dureza física. Tres compoñentes do equipo canario levan máis de 30 minutos de media por partido. Ollo a Fatoumata Fofana, un perigo baixo os aros: colle case doce rexeitamentos por partido e máis de seis en ataque. Alba Pena foi a quinta máxima encestadora da Liga, con máis de 15 puntos.

Para rematar, á mesma hora do sábado, o NBF Castellò medirá ao Arxil. Segundo clasificado do grupo B, é un conxunto que acode á cita despois de vencer once partidos dos últimos 12. Unha escadra que cimenta a súa capacidade nunha rotación esencial de sete grandes xogadoras, entre as que brillan a especialista tiradora Aina Martín, a base anotadora Clara Cáceres e a pívot lusa Artemis Ayuso.

Comentarios