Os granates colócanse a tres puntos do play-off

Luismi apunta que a competencia será dura, pero os granates non descartan loitar polo ascenso

Luismi. RAFA FARIÑA
photo_camera Luismi. RAFA FARIÑA

PONTEVEDRA. "Os nosos rivais van fallar pouco", anunciou Luismi na rolda de prensa posterior ao triunfo do Pontevedra en Abegondo. Polo visto onte, o adestrador vigués leva razón. Os equipos que pelexan polas prazas de promoción polo ascenso aférranse ás súas opcións de alcanzar o gran obxectivo da temporada e case todos fixeron ben os deberes da xornada.

Dos sete primeiros clasificados, só houbo dous equipos que patinaron: o San Sebastián de los Reyes e a Cultural Leonesa. Tódolos demais sumaron os tres puntos que os manteñen nunha das loitas polos primeiros postos máis igualadas que se lembran.

O novo líder da categoría é o Fuenlabrada, que recuperou a súa posición de privilexio despois de derrotar á Cultural Leonesa no partido máis destacado da xornada (1-0). Os fuenlabreños mandan con 55 puntos, os mesmos dos que dispón o Atlético de Madrid B. O filial colchoeiro gañou no Estadio Helmántico contra o Salamanca CF UDS e rachou a súa breve dinámica de resultados negativos.

Un punto menos ten o terceiro clasificado, que é o Real Madrid Castilla. O filial branco foi quen de triunfar en Burgos (1-2) contra o cadro castelan-leonés, que segue tendo que remar na pelexa pola permanencia.

Con 53 puntos pecha o grupo de promoción de ascenso a Cultural, que perdeu o liderado no seu duelo directo ante o Fuenlabrada.

A Ponferradina non se desengancha da batalla grazas ao seu notable rendemento na casa das últimas tiradas. Venceu 3-0 contra Unionistas. Os bercianos son quintos con 52 puntos.

A gran sorpresa da xornada foi a derrota do San Sebastián de los Reyes no seu terreo de xogo contra o Rápido de Bouzas (0-1). O Sanse ten só un punto máis có Pontevedra, 51 por 50 dos granates.

De tal maneira, a pelexa pola promoción, salvo reacción maiúscula do Guijuelo e do Coruxo, queda reducida a sete escadras que están separadas por cinco puntos.

Detrás veñen o Guijuelo (46) e o Coruxo (45), que non serán comparsas, xa que, ademais de queimar as últimas naves na batalla polo play-off, teñen opcións reais de ocupar unha posición de Copa do Rei.

Os salmantinos empataron na casa fronte ao Las Palmas Atlético (0-0), que ocupa o posto de play-out e os vigueses fixeron o propio perante o Unión Adarve (3-3) contra outro bloque de abaixo.

O triunfo (3-1) do Celta B contra o Navalcarnero o afasta do perigo. O Internacional certificou virtualmente a permanencia ao derrotar ao Valladolid B (2-1).

Por abaixo, o Fabril e o Navalcarnero están cun pé e medio en Terceira. O Adarve (30) e o Rápido de Bouzas (31) conciben opcións de cazar ao Las Palmas Atlético (34, promoción da permanencia) e o Burgos (36) e Salamanca (37) non se poden relaxar se queren seguir na Segunda B.

Comentarios