Guillermo García, profeta en Pontevedra

O ciclista pontevedrés imponse no prólogo da Costa Atlántica MTB que se disputou onte polas rúas da zona monumental 

Guillermo García Janeiro foi profeta na terra. O ciclista do Radio Popular Paredes Boavista portugués impúxose no prólogo do Costa Atlántica MTB Tour con autoridade, facendo gala dunha mestura de potencia e habilidade polas rúas da zona monumental. O ciclista lerezano detivo o cronómetro en 7:24, o que lle permitiu avantaxar a tódolos seus rivais en distancias relativamente considerables para a distancia percorrida. No segundo posto da xornada rematou o luso Filipe Campos (Casa do Povo de Abrunheira), que rematou a 11 segundos, mentres que Óscar Justo (CC Rías Baixas) finalizou no terceiro lugar, a 16 do vencedor parcial.

A cuarta e quinta posicións corresponderon aos dous compoñentes do Conway CDC Trujillo, José Antonio e Juan Pedro Trujillo, que finalizaron a 18 e 19 segundos do vencedor e manteñen intactas as súas posibilidades de pelexar polo triunfo final.

Na proba feminina, María Isabel Felipe Dávila, do Conway CDC Trujillo, foi a máis veloz, ao rematar cun rexistro de 9:21. Acompañárona no podio virtual da xornada Sofía de Jesús da Silva de Os Mosqueteiros e Mónica Correia, corredora sen equipo.  

A xornada foi espectacular, principiou entre lusco e fusco e rematou no medio da escuridade nun escenario espectacular no que os afeccionados ao deporte do descenso e a bicicleta de montaña puideron gozar coa velocidade, a potencia e a habilidade dos bikers. A saída a carón das Ruínas de San Domingos antecedeu o paso cara á zona monumental para permitir aos corredores atravesar rúas estreitas, facer xiros en descenso e sortear treitos de escaleiras, ademais de zonas de terra nos sendeiros das Marismas do Lérez.

María Isabel Felipe foi a máis rápida entre as mulleres

Á dificultade técnica do percorrido, contra a que o coñecemento do terreo puido ser un elemento moi relevante, engadiuse a falta de luz natural. Os ciclistas portaron con eles bombillas incorporadas no manillar para guiar os seus pasos polo terreo.

Os afeccionados situáronse nas zonas máis espectaculares para ver a evolución dos mestres sobre dúas rodas, que non só deberon amosar as súas cualidades para o descenso, senón tamén a potencia nun esforzo curto para chegar de regreso ao punto de partida.

Foron 143 os participantes que tomaron parte nunha cita á que lle restan dúas xornadas máis esta fin de semana, a segunda e terceira etapas, cun percorrido máis esixente, con grandes paisaxes que os participantes poderán gozar mentres se vacían no esforzo por acadar as prazas de honra da proba.

A etapa de hoxe transcorre polo Monte Castrove, Armenteira, Meaño e Cambados e terá saída e chegada en Pontevedra, mentres que a terceira terá o Lago de Castiñeiras como epicentro e tamén arrancará e finalizará na capital.

Ámbalas dúas son etapas de longo percorrido, contraste co esforzo violento e intenso da xornada inaugural, e nas que Guillermo García porá o liderado a proba.

A xornada de hoxe arrancará ás 9:30 horas da matinal, mentres que a de mañá tamén principiará á mesma hora. O formato challenge, baixo o que se celebra a competición, permítelle aos participantes levar a cabo cada unha das etapas de maneira independente. De tal maneira que a non presenza nunha das xornadas non impide a saída na do día posterior.

A proba vai afianzando paseniñamente dentro do calendario e conta coa presenza de especialistas de Galicia, outras zonas de España e Portugal.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios