Gustavo Dacal chegará a Galicia o 14 de febreiro

A Xunta de Galicia correrá cos gastos que implica a repatriación do deportista
Gustavo Dacal, en una imagen de archivo. AEP
photo_camera Gustavo Dacal, nunha imaxe de arquivo. AEP

Gustavo Dacal chegará a Galicia o 14 de febreiro. O pontecaldelán regresa para poder seguir adiante coa súa rehabilitación nas mellores condicións sanitarias. A Xunta de Galicia correrá cos gastos que implica a repatriación do deportista, que se atopa nestes intres en Veracruz, nas primeiras semanas do proceso de recuperación tras abandonar o Hospital.

As condicións nas que estaba a producirse a recuperación en México non eran as máis adecuadas, toda vez que se atopaba no domicilio coa súa esposa, sen os materiais e elementos ideais para facilitar o seu cuidado e mellora.

O ex lanzador de xavelina ten xa os billetes de avión. A viaxe aérea finalmente está prevista que sexa de 18 horas e 50 minutos (sumado aos desprazamentos por estrada e a espera no aeroporto). 

O Goberno galego tamén desprazará unha enfermeira para poder supervisar o tratamento de Dacal durante o longo traslado e nos días previos. Tamén pon a disposición dun acompañante os billetes para complementar o labor asistencial profesional. Partirán o 8 de febreiro desde Galicia en dirección México.

Despois de varias semanas de xestión e contactos coa administración autonómica, encarnada no delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, os compañeiros e familiares de Dacal pecharon esta acción. A Xunta, a través do Sergas, tamén se encargará do tratamento de rehabilitación de Dacal, que nos próximos meses permanecerá ingresado na Unidade de Lesionados Medulares do Chuac (Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña) coa fin de obter os maiores avances no proceso de recuperación das extremidades inferiores do caldelán.

O ex recordman de España leva máis de dúas semanas de alta hospitalaria, cunha importante mellora das diferentes cirurxías ás que foi sometido na zona abdominal, coa normalización da súa dixestión e alimentación e unha notable recuperación da forza no tren superior, aínda que sen grandes avances na mobilidade e sensibilidade do tren inferior.

Comentarios