Gustavo Dacal obtén a alta hospitalaria en México

O pontecaldelán xa está no seu domicilio, onde continuará coa rehabilitación tanto das doenzas abdominais como da columna
Gustavo Dacal no hospital no que se atopa ingresado en Veracruz. CEDIDA
photo_camera Gustavo Dacal no hospital público no que estivo ingresado en Veracruz. CEDIDA

Gustavo Dacal obtivo este xoves a alta hospitalaria e está xa no seu domicilio en Veracruz, onde seguirá co proceso de recuperación das diferentes operacións e doenzas que padece.

O pontecaldelán permanece na residencia da súa parella na cidade mexicana. Alí foi onde se trasladou despois de deixar o seu apartamento, fundamentalmente por motivos económicos. Dacal non pode facer fronte ao pagamento do aluguer dunha vivenda, debido á súa falta de recursos actuais e aos gastos que debeu realizar para afrontar os primeiros pagamentos das clínicas nas que foi intervido e estivo hospitalizado nas primeiras semanas da súa doenza.

O exrecordman nacional da xavelina abandonou onte o hospital gobernamental no que se atopaba ingresado, despois de que os médicos confirmasen que o estado do seu aparato dixestivo e da columna foran estabilizados.

"No Hospital xa non tiñan moito máis que facer. Xa non facía falta realizar outra cirurxía", comentou o pontecaldelán ao respecto da novidade. "Non houbo recaída nin retrocesos, polo que decidiron tomar esta decisión".

Iso non implica que o excampión de España de lanzamento de xavelina non requira de tratamento e revisións. Ao contrario, a partir de agora ábrese unha fase na que a rehabilitación será esencial para o devir da recuperación das súas funcións, especialmente da mobilidade do tren inferior. Actualmente está sen sensibilidade e sen forza nas pernas e corre o serio risco de non volver camiñar.

«Vou ter que asistir a consultas con frecuencia, polo tema da columna, pero tamén polo problema intestinal», comentou o ex atleta e técnico do Instituto Veracruzano do Deporte.

"No Hospital xa non tiñan moito máis que facer"

Nesa tarefa está implicado Dacal coa fin de conseguir os mellores resultados na súa recuperación. De momento, está co concerto de diversas citas con profesionais médicos que poderán monitorizar o seu estado físico e ofrecerlle posibilidades para levar a cabo o seu tratamento.

"Vou intentar comezar a terapia, a rehabilitación. Vou falar con especialistas de columna, de traumatoloxía e neuroloxía para ir vendo a evolución", explicou, transmitindo unha importante fortaleza no seu tono de voz que confirma a determinación coa que intenta afrontar a súa situación.

"Tamén vou acudir a especialistas do intestino, para ver como vai tolerando a comida e que non haxa complicacións". E é que, malia que a espondilodiscite infecciosa que lle afectou á columna foi o factor que acabou coa falta de forza motriz nas pernas, no abdome foi obxecto de ata tres intervencións cirúrxicas moi serias.

En resumo, "hai que telo moi controlado", asegurou antes de finalizar, con certo optimismo: "Cando menos xa estou na casa, e iso xa é ganancia".

Os fondos seguen a ser necesarios para axudarlle ao caldelán no seu día a día, toda vez que non pode desenvolver o seu traballo. De aí que os actos de captación de ingresos sigan a desenvolverse, como a celebración do control atlético do domingo á mañá no CGTD, con carácter benéfico. O xoves á tarde recadáranse preto de 450 euros a través do Dorsal 0 establecido pola Federación Galega, organizadora do evento. 

Tamén haberá unha gala solidaria no colexio Cordo Boullosa de Ponte Caldelas o próximo venres 27, cunha entrada de 5 euros que irá a parar á conta habilitada para axudar a Dacal.

Comentarios