Hermetismo absoluto nas oficinas do Pontevedra

O club leva a cabo a rolda de contactos cos compoñentes do primeiro plantel sen desvelar os nomes dos que entran dentro do seu proxecto do próximo exercicio

Adrián Mouriño chegando ás oficinas do Pontevedra en Pasarón. DAVID FREIRE
photo_camera Adrián Mouriño chegando, na tarde deste luns, ás oficinas do Pontevedra en Pasarón. DAVID FREIRE

O Pontevedra mantén silencio absoluto ao respecto do futuro. A presidenta da entidade, Lupe Murillo, continuou este luns coa primeira rolda de diálogos cos xogadores do primeiro plantel granate de cara á organización do equipo do próximo curso.

Pasaron polas oficinas do club os futbolistas con residencia na cidade ou na zona, despois de que a meirande parte dos membros do colectivo que proceden de fóra da provincia fosen desfilando pola sede da entidade a semana pasada. Na súa saída da reunión que mantiveron co director deportivo granate, Roberto Feáns, e coa presidenta, Lupe Murillo, que leva o peso das negociacións, a resposta foi sempre a mesma: "Non estamos autorizados para falar. O club explicou que informará mediante un comunicado".

Calquera comentario verquido á prensa ao respecto dos contidos dos diálogos podería poñer en perigo a permanencia dos deportistas no conxunto, polo que todos eles respectaron a confidencialidade requerida polo consello de administración.

A meirande parte dos membros do colectivo están polo labor de continuar no conxunto, aínda que en case tódolos casos existen algúns condicionantes.

A entidade fai fincapé nun aspecto á hora de facer a súa aposta polos deportistas: o desexo que demostren de continuar vencellados ao PCF. Desde que Lupe Murillo está á fronte do club, ese é un valor que o Pontevedra ten en consideración á hora da toma de decisións: o compromiso e o esforzo dos xogadores por seguir lucindo a elástica granate.

Entre as inquedanzas dos profesionais atópase o nome do adestrador que estará ao mando das operacións na próxima campaña. Nese senso, Luismi segue a ser a primeira opción da entidade de Pasarón. E aínda que o paso dos días incrementa as dúbidas e os rumores ao respecto da situación, o técnico segue a estar ben colocado para continuar no banco.

Desde o exterior e as redes sociais xa se vencellaron varios nomes de adestradores a Pasarón, aínda que o club nega calquera contacto directo con outro preparador que non sexa Luismi.

Outro aspecto que teñen en consideración os futbolistas é o factor económico, non só polo diñeiro en si mesmo, senón porque ven nos seus emolumentos a importancia que o club lles concede con respecto a outros compañeiros.

Algúns xogadores non comprenden que o seu bo rendemento durante o exercicio non se traduza no seu contrato.

O proxecto deportivo é outro elemento que teñen en conta: o feito de xogar nun club ambicioso, con nome, cunha afección numerosa e nun estadio como Pasarón resulta atractivo para eles. O crecemento dos últimos anos, que se viu freado nesta campaña, tamén chama a atención.

O dato. Fiabilidade económica
O feito de que o Pontevedra pague puntualmente aos seus empregados e deportistas é un dos factores que fan atractiva a continuidade no equipo granate para os xogadores do plantel.

A mellora no aspecto económico do club e, sobre todo, en canto a liquidez, axudoulle a captar a moitos xogadores interesantes nos últimos tempos. O Pontevedra pasou de vivir temporadas con atrasos nos pagamentos a cumprir regularmente no abono das nóminas aos seus asalariados.

Ese factor, sumado a outros aspectos como a calidade de vida na cidade do Lérez, a afección, a historia do club, etc., axudou a que a meirande parte dos compoñentes do pasado exercicio amosasen a súa intención de permanecer no equipo granate no curso 2018-19.

O diferenza doutras temporadas, nas que o PCF intentou pechar canto antes as negociacións cos xogadores e as fichaxes (ao comezo da pasada pretemporada só faltaban por chegar Iván Martín e Berrocal), no curso actual os xestores están a tomar con reflexión e calma as negociacións de cara ao futuro. Dez días despois do remate da curso aínda non comunicaron os nomes dos deportistas que desexan manter en nómina e aqueles dos que van prescindir.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios