lunes. 21.09.2020 |
El tiempo
lunes. 21.09.2020
El tiempo

Ilusión bañada en incógnitas

Romay conduce o balón ante dous xogadores do Deportivo. EMILIO MOLDES
Romay conduce o balón ante dous xogadores do Deportivo. EMILIO MOLDES

▶ O Pontevedra afronta a nova temporada cun equipo que se ergue sobre a base do plantel do pasado exercicio, pero con trocos en posicións chaves, como o centro do campo, o costado esquerdo da defensa e a dianteira

▶ O bloque de Pasarón márcase como obxectivo o ascenso nun grupo I con rivais moi poderosos a nivel económico e no que os longos desprazamentos serán un dos hándicaps a superar

Acabou a espera. O Pontevedra comeza o sábado unha nova temporada de Segunda División B. A liga 2019-20 chega con moita ilusión na entidade granate, despois do bo rendemento deportivo do primeiro equipo a pasada campaña, pero tamén con múltiples e complexas ecuacións que resolver.

Luismi segue á fronte dun bloque que mantén a estrutura do pasado exercicio, pero que debeu realizar fichaxes en zonas chaves do terreo de xogo, debido ás baixas de futbolistas determinantes no pasado curso.

A presidenta, Lupe Murillo, non dubidou en conxugar o verbo prohibido, "ascender", durante a presentación do equipo e na ofrenda floral á virxe Peregrina que anuncia o comezo da Liga. Para conseguilo, as fichaxes deberán facer esquecer as ausencias e mellorar o bloque de xeito suficiente como para superar o elevado listón do curso pasado.

O Pontevedra xa non poderá contar coa participación de Kevin Presa nin Borja Domínguez, parella de medios centros titulares na segunda metade da campaña pasada. No seu lugar chegan Sana N"Diaye (Balompédica Linense) e Alfredo Mejía (Real España de Honduras). Dous futbolistas dun perfil diferente aos anteditos dos que aínda se descoñece que rendemento poden ofrecer en competición oficial.

O Pontevedra non poderá contar coa parella de medios centros titulares da campaña pasada

Tampouco hai datos que desvelen cal será o rendemento de Pol Bueso, futbolista contrastado na categoría, pero que estivo a pretemporada mancado despois dun curso moi longo no Hércules. O perfil esquerdo da zaga é o seu lugar natural, en sustitución de Adrián León. Álvaro Naveira (Compostela) ten a difícil misión de facer esquecer a David Castro no lateral esquerdo.

Brian Jaén (Cádiz B) será o novo competidor de Edu Sousa pola propiedade da portería. A eles súmase o retornado Santi Figueroa, lateral dereito que se curtiu o ano pasado no Céltiga.

Sen embargo, a gran esperanza da afección pola impresión que causou durante a preparación estival será Adighibe, reemprazo de Arruabarrena como nove de referencia no conxunto. A Panteira namorou aos seareiros de Pasarón coa súa potencia e a súa facilidade para xerar perigo.

Adighibe ilusiona á afección granate 

O club granate fixo un esforzo para poder ter a Álvaro Bustos no plantel. A liña de medias puntas é a máis cualificada, a priori, do bloque. Repiten todos: Javi López, xa recuperado da lesión de cruzado; Pedro Vázquez, que superou unha operación de apendicite en xullo; Álex González, que fracturou o escafoides do pulso esquerdo hai 20 días e deberá permanecer algunhas semanas máis fóra dos terreos de xogo; o propio Álvaro Bustos, Mouriño e Romay.

A continuidade de dous líderes como Edu na porta e Víctor Vázquez no centro da zaga ofrecen garantías na área propia e no interior do vestiario, no que volverán a convivir cos zagueiros Nacho López e Campillo, os medio centros Berrocal (xa deixou de ser oficialmente dianteiro centro hai máis dun ano) e Álex Fernández, o media punta Mouriño e o versátil dianteiro Javi Pazos, que podería actuar na banda dereita, como fixo moitas veces no curso pasado.

Canteiráns como Garrido, Iñaki ou Antón poderían botar unha man puntualmente nun equipo no que, máis alá dos nomes, o funcionamento colectivo debe volver ser o principal valor.

O plantel aínda require reformas: a saída dun futbolista maior de 23 anos (agora mesmo hai 17, un máis do que establece o regulamento) e a chegada, nada sinxela, dun zagueiro manicho sub-23 que estea preparado para competir en Segunda B e que lle dispute o posto a Naveira, Campillo e Pol Bueso.

O ambicioso obxectivo granate atopará cun gran hándicap: moitos rivais que soñan con alcanzar a mesma meta e outros que, sen ser tan pretenciosos, formaron bloques que anuncian batalla.

 O Pontevedra busca a saída dun futbolista maior de 23 anos

O descendido de Segunda Rayo Majadahonda será un dos rivais a bater. O Atlético Baleares, que acaba de perder a un dos seus referentes ofensivos, Canario, por rotura de ligamento cruzado, e que ten que fichar aínda algunhas pezas máis para reforzarse (fáltalle dianteiro) é outro dos claros favoritos, como o é o Ibiza de Pablo Alfaro, proxecto co selo do talonario de Amadeo Salvo.

Logo están os impredecibles filiais. Haberá que comprobar a qué é capaz de xogar o Castilla ás ordes de Raúl e que rendemento ofrecerá o Atlético B, sempre coa posible afectación de cesións de última hora e subidas e baixadas de xogadores aos primeiros equipos. Nunha tesitura similar están Oviedo B e Sporting B, condicionados e entregados aos seus equipos matriz, nos que xa debutaron varios xogadores. Iso si, para estraño, o caso do Las Palmas Atlético, no que o límite salarial do primeiro equipo e a súa restruturación provocará unha manchea de trocos de agora ao 2 de setembro.

Ilusión bañada en incógnitas
Comentarios