Bádminton Ravachol: a ilusión contra os elementos

O club fai fronte á limitación de instalacións e aos problemas derivados da da Covid-19 no ano máis complicado da súa curta existencia
O plantel do Ravachol de División de Honra. CEDIDA
photo_camera O plantel do Ravachol de División de Honra. CEDIDA

En outubro de 2016, un grupo de amantes da disciplina, vencellados co equipo da Estrada, optaron por formar en Pontevedra un club de bádminton co afán de traballar en tódalas vertentes: a formativa, a lúdica e a competitiva. Moitos deles xa vivían na capital e adestraban no CGTD.

O Club de Bádminton A Estrada obtivera o ascenso a División de Honra, pero a incapacidade para xerar recursos suficientes obrigoulle a renunciar á praza e, consecuentemente, foi descendido á categoría máis baixa. Os responsables entenderon que outra sede podía resultarlle favorable para sortear eses problemas.

Pontevedra era o lugar ideal, tanto para a xeración de recursos económicos que saciase as necesidades dun equipo de elite, como para o enraizamento mediante a captación dos máis cativos.

Na campaña 2017-18, a entidade comezou a desenvolver as súas escolas deportivas, cun éxito tal que se rebasaron amplamente as expectativas canto a demanda de prazas, sempre por enriba da oferta posible, en ocasións ata un 250 por cento. Ofertaban 30 e recibían preto de 80 solicitudes.

O club ten obxectivos nas tres variables: lúdica, formativa e competitiva

O Plan Social de Ence e o patrocinio de Turismo Pontevedra foron vitais para a escadra nos seus primeiros pasos e sobre todo actualmente, despois de obter o salto a División de Honra, xa que o incremento dos gastos é moi elevado con respecto á Primeira Nacional.

Sen embargo, non todo ía ser perfecto. O club viuse prexudicado polos efectos da pandemia e pola carencia de instalacións específicas en Pontevedra para o desenvolvemento do seu deporte. Co anuncio da Xunta de Galicia de crear pistas específicas para a disciplina no CGTD, o futuro preséntase conciliador. Sen embargo, ata entón a imaxinación está a ser a solución da directiva e dos responsables técnicos da entidade.

Antes da pandemia, o club alcanzara un tope de 170 practicantes, algúns con licencia federativa, moitos como parte das escolas deportivas municipais ou do club. Sen embargo, a Covid freou a activadade das escolas e a iso sumouse as complicacións de instalacións.

A única pista da cidade na que podían levar a cabo o seu traballo, ademais da do CGTD, a do Instituto Sánchez Cantón, ten os horarios ocupados. De tal maneira, o club vese na obriga de viaxar a outros concellos para desenvolver os adestramentos, mentres o concello de Pontevedra busca alternativas, como o pintado das liñas de bádminton no pavillón da Xunqueira.

A falta de escolas deportivas reduciu a cantidade de nenos que estaban no club

Cerdedo-Cotobade, grazas á colaboración do concello, converteuse na segunda casa do club, ao concederlle varias horas semanais para cubrir as demandas. A Estrada é outra alternativa para poder cumprir coas horas de adestramento dos máis novos, que en algúns casos teñen que desprazarse desde Pontevedra para poder seguir xogando. Iso supón un serio contratempo, xa que implica a disponibilidade non só do propio deportista, senón dos seus pais.

Como alternativa para as categorías base, a entidade procurou non ofrecerlles a meirande parte de competición posibles que determina o calendario.

O resumo de Jesús Pereiro, director deportivo do club é claro. "Témolo todo: adestradores titulados, deportistas de elite, base, rapaces aos que lles gusta este deporte. Só andamos escasos de instalacións", láiase, co temor de que aqueles nenos que comezaron a engancharse á disciplina perdan o contacto de maneira definitiva por mor das limitacións directas e indirectas que propiciou a Covid-19 e o club teña que volver comezar de 0 o seu traballo.

O Ravachol ten unha escadra que milita na máxima categoría do bádminton nacional que ten por diante un moi complexo reto, a permanencia. Para abordar a pelexa pola permanencia, o equipo fichou a Elena Fernández e Javi Sánchez, xogadores cun gran curriculum, especialmente en dobres. A entidade tivo o infortunio de que non pode contar coa participación dos xogadores ingleses que fichou: o Brexit e a Covid-19 aliáronse contra eles. A batalla da permanencia non vai ser sinxela. O primeiro paso de 2021, o triunfo contra o Rinconada, xa o lograron.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios