"Se subimos, son quen de dar unha volta enteira a Pasarón a sprint"

"Imos xogar o play-off a Segunda coa única idea de intentar ascender"

Acaba de lograr un dos meirandes éxitos da etapa contemporánea do Pontevedra e non se conforma. Luisito amósase ambicioso e comeza a pensar xa no futuro inmediato, na promoción, avisando a navegantes de que o seu plantel non se rende nunca
Luisito rodeado de varios seareiros granates tras o triunfo contra a Arandina
photo_camera Luisito rodeado de varios seareiros granates tras o triunfo contra a Arandina

Tan canso coma feliz. Luisito aínda vivía onte a resaca do logro do pasaporte para o play-off despois de gañar a Arandina nun partido de máximo tensión.

Sufriu moito?

Moito, moitísimo. Posiblemente fose o día que máis sufrín. Paseino moi mal, moi mal, sobre todo cando me decatei do enorme bloqueo que tiñan os futbolistas. Cheguei a desesperarme. Dei un berro que me doeu ata o peito, e non houbo maneira de que me entendensen, co tremendo ruído que había no campo pola afección, que estaba a levar o equipo en volandas. Houbo momentos do partido nos que fixemos un fútbol espectacular, pero como non teñas definición nesta categoría, págalo moi caro. Confésoo, paseino moi mal. Sufrín moito, moito.

A chave "Como bloque e canto a solidariedade e ilusión non nos gaña ninguén: niso somos o mellor equipo de España"

Temeu que acabase 1-1?

Houbo unha fase do partido na que calquera outro adestrador tería collido, freado ao equipo e amarrado o empate. Pero a miña mentalidade non mo permite. Iso deunos o triunfo, pero tamén nos puido custar un disgusto. Estaba convencido de que, co empate, iamos xogar o play-off igual. Pero eu quería facer gozar á xente e tiramos para arriba. Moitos futbolistas tiñan unha ansiedade tremenda porque hai moito tempo que vían a posibilidade de disputar a promoción e non eramos capaces de certificala. Pero a ver que equipo de Segunda B dos da zona alta xogan toda a temporada sen Iker Alegre e perden a Mario Barco doce partidos. Iso só nos pasou a nós.

Que ten máis mérito: isto ou o ascenso de hai dous anos?

O ascenso custou unha barbaridade. Non era un equipo feito para min e tívenme que adaptar a el. Agora vese con outra perspectiva porque foi hai dous anos, pero foi un sufrimento terrible. Este é un equipo totalmente distinto. Antes que futbolistas fichamos persoas. Fixemos unha piña no vestiario. Hai equipos moitos mellores có noso, pero canto bloque, solidariedade e ilusión somos o mellor de España. Dá gusto ver como se levan os rapaces entre eles. A unión fai a forza. Somos o vivo exemplo diso. Hai futbolistas por aí que son moi bos, pero na dinámica de grupo que busco non terían lugar.

Ambiente "É moi grande ver Pasarón con sete ou oito mil persoas e que a xente volva vibrar e crer no ascenso a Segunda"

Se di que o mérito do ascenso foi maior, xa non lle pregunto se este é o seu maior éxito no banco...

Os ascensos son unha ledicia incrible. Agora estamos nun momento sen presión ningunha e somos un equipo moi perigoso. Igual nos eliminan na primeira rolda fácilmente. Pero a nós hai que gañarnos. Non regalamos ningún partido. Xa llelo transmitín na cea de onte aos futbolistas. Estas eliminatorias son de ida e volta e hai moitas circunstancias. Se o Pontevedra e o Mensajero de Terceira División disputan dez eliminatorias, nós gañariamos nove. Sen embargo gañaron eles a que contaba, cunha actuación arbitral lamentable. Ninguén contaba con esa variable, pero iso é o fútbol. Os play-off hai que xogalos.

Nótaselle feliz...

Sobre todo alégrome por Jaime (Calvo) e o outro asesor meu (Manuel Tajes, veteráns socios asiduos aos adestramentos do Pontevedra). Ter a eses homes abrazados a min párteme a alma, o corazón. É moi grande ver Pasarón con sete ou oito mil persoas e que a xente volva vibrar e crer que pode loitar polo ascenso a Segunda División. Iso é a bomba. Vólvese respirar ambiente de fútbol. É o que máis me alegro de ter conseguido en tan pouco tempo.

Estivo vendo xa posibles rivais nas eliminatorias...

Mirei todo. Hai planteis dos que tres futbolistas cobran o que o noso presuposto enteiro, pero a min dame igual. Sei que se o Cartagena xoga unha liga connosco vai quedar diante nosa. Por plantel vai ser así. Agora, a ida e volta pódense dar tantas circunstancias... Son 180 minutos. Por iso, respecto téñolle unha barbaridade a todos; medo, ningún.

E a obriga, en calquera caso, case sempre sería para os rivais...

Díxenlles aos futbolistas que agora hai que gozar… e iso non significa que vaiamos tomar o play-off coma unha chirigota. Imos xogalo coa única e clara idea de ascender. Pero sabemos que nos vai tocar un segundo. Algúns deles están pelexando por ser primeiros e teñen futbolistas estratosféricos. Pero nós xa soltamos o lastre: que era levar moito tempo para certificar o play-off, que non eramos quen de logralo. Agora temos que ver a mellor versión de cada xogador. E se é así, coidado, que a nós hai que eliminarnos a 180 minutos.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios