A inesgotable fonte celeste

Yelko Pino convértese na última dunha longa serie de adquisicións do Pontevedra que se formaron na canteira do Celta ►A proximidade xeográfica e o pasado no club vigués de algúns directores deportivos granates facilitaron algunhas chegadas
Víctor Vázquez, coa camisola celeste, derrubando a Adrián Gómez nun dos derbis de 2013. O marinense é un dos exfutbolistas do Celta B que xogan no Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Víctor Vázquez, coa camisola celeste, derrubando a Adrián Gómez nun dos derbis de 2013. O marinense é un dos exfutbolistas do Celta B que xogan no Pontevedra. GONZALO GARCÍA
O Celta non só é o máximo rival do Pontevedra para unha gran parte da bancada de Pasarón, senón tamén a principal fonte de fichaxes do club celeste.

A fichaxe de Yelko Pino, a última adquisición granate, que vén de ser asinado por unha temporada, é a última dun futbolista formado no cadro vigués.

O hábito de fixarse no Celta para fichar xogadores non é de agora. O hoxe director deportivo Toni Otero foi un dos primeiros do século (en realidade el xa viña de atrás) en cambiar o celeste polo granate. No curso 2000-01, con el estaban no Pontevedra Casales, David Pérez (que pasou dúas etapas no PCF) e Jonathan Aspas.

Nese conxunto tamén militaba César Olaiz, prometedor atacante que fixo camiño de ida e volta: do Pontevedra ao Celta e do Celta ao Pontevedra no curso 2004-05, en Segunda División.

O transvasamento Lagares-Lérez non sempre se fixo de forma directa. En ocasións hai estacións intermedias, como lles ocorreu a Óscar Bruzon ou Andrés Curiel, futbolistas granates no curso 2001-02, unha campaña que supuxo un gran punto de inflexión para a entidade. Nesa campaña tamén estaría un rapaz chamado Yahvé, que como Olaiz, fixo camiño de ida e de volta.

Desde aquel 2001-02 o PCF deixou de acudir á base celeste con tanta frecuencia por uns anos. As fichaxes do Celta foron algo máis ailladas: Óscar Pérez na 2003-04, Luciano (o porriñés pasou dúas etapas como granate na segunda metade da primeira década do milenio) ou David Sestelo (outras dúas etapas, unha no filial granate e outra no primeiro equipo) foron as contratacións nun período con menos chegadas desde Vigo.

Regresaron con forza as fichaxes celestes a finais dese decenio: apareceron por Pasarón Xurxo Rodríguez e Yago González para poñerse ás ordes de Rafa Sáez.

E despois deles, Pepe Aicart e Orlando Quintana. No caso do arqueiro canario, xogara no primeiro conxunto do Celta antes de acabar no Pontevedra. Sergio Ríos e Pazó foron canteiráns granates antes que celestes que regresaron ao Pontevedra.

Porén, a época con máis presenza de xogadores feitos no Celta no Pontevedra foi o primeiro lustro da década pasada. Todo principiou con Milo Abelleira, que aproveitou os coñecementos da base do Celta para atraer futbolistas ao PCF de Terceira. Richi Jerónimo, Pablo Suárez, Iván Freiría, Diego Peña, Cristóbal Juncal, Bruno Rivada, Tomás Abelleira, Pablo González, Edu Sousa, Candela, Moreira, Pablo Lede, Luismi, Benja e Carnero sucedéronse no Pontevedra como fichaxes realizadas polo daquela director deportivo pontevedrés.

Pero despois da súa saída do club, non deixaron de chegar excelestes: Pedro García, Capi, Campillo e Mouriño foron os seguintes, o ano do ascenso a Segunda B. E en cursos posteriores, homes hoxe contrastados como Miki Villar ou Miguel Loureiro, e outros que xa o estaban antes de seren granates, como Álex Fernández, Trigo, Añón, Goldar ou Eder Díez.

Nas últimas temporadas apareceron en escena Víctor Vázquez, Pedro Vázquez, Borja Domínguez e Nacho Lorenzo. Así ata chegar ao actual bloque do PCF.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios